CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
Eduardo Chao e o ferrocarril non nato
CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
Nunha semana na que “o Cristo dos tempos modernos” -que cantara Curros- nos rabuñou as entrañas e nos tronzou o corazón, pídeme a memoria devolver á actualidade a este ourensán do Ribeiro que o foi todo na política, no xornalismo e na intelectualidade da segunda metade do século XIX, para exhumar tan só un dos proxectos cos que puido mudar a economía de Galicia traendo o tren de Madrid a Vigo vinte anos antes, se non fose porque, coma sempre, o noso eu tiñoso sacrificoulle o plan denantes de nacer.
Foron innumerables as iniciativas que en moi diversos campos da política, do xornalismo, da literatura, da economía, das ciencias, da cultura e da educación, para as que calquera outra persoa necesitaría varias vidas e para as que el non tivo máis ca 66 anos intensos ó longo dos cales non deixou nin un só día un oco sen encher.
Naceu en novembro de 1821 na vila de Ribadavia, onde seu pai, José María Chao, exercía de insólito farmacéutico capaz de colgar con frecuencia a bata branca na rebotica para vestir un traxe irredento de notable liberal ou un uniforme de miliciano para loitar contra, primeiro contra os franceses e logo fronte ós absolutistas e que chegou a pasar sete dos dez anos que duraron estes últimos no poder, preso, confinado nun convento ou desterrado, cando non acusado de atentado -e preso outra vez- cunha carta-bomba contra o capitán xeral de Galicia, coa que lle esnaquizou as mans e o inhabilitou.
Non é de estrañar que con tal pai -que ben merece verse asomado a esta páxina nalgún momento- o carácter apaixonado e os arroutos democráticos e republicanos de Eduardo seguiran semellante camiño, non só no proceso de formación universitaria -tamén como farmacéutico-, senón na política e no resto das disciplinas xa avanzadas nas que se embeleñou.
Con gran arroxo activista, a medida que foi crecendo intelectualmente participou en toda canta liorta política que se lle puña por diante, sempre dende o seu compromiso coa democracia, o progreso e o republicanismo, nos conatos revolucionarios de 1848; na revolta de 1854, onde conseguiu un poso no Ministerio de Gobernación que logo desprezou; na que tivo lugar 1868 e fundamentalmente na chegada da República, cando chegou a ser ministro de Fomento.
Exiliado en París durante un ano e medio, viaxou a Inglaterra, Bélxica, Suíza, Italia e os Países Baixos, onde “tomou nota” de como funcionaban as sociedades avanzadas co fin de importalas no país e especialmente en Galicia.
Deputado por Ourense en dúas ocasións, por Vigo noutra, e senador por Girona. Con Nicolás Salmerón redactou as bases da Constitución Republicana e Federal de 1873, ademais de ser un dos que se enfrontou ó xeneral Prim cando este entrou simbólicamente da cabalo no Congreso para botar abaixo ó goberno republicano.
Non menos protagonismo cobrou ó formar parte do grupo de 19 deputados que, cando foi proposto o recoñecemento de Isabel II como raíña de España, votaron en contra de tal resolución, converténdose nun dos primeiros en poñer en tela de xuízo, no contexto Cortes españolas, á monarquía
E, por se todo isto, relatado en clave telegráfica, non fose suficiente para provocar admiración, durante as diferentes etapas que tivo a man a opción de goberno levou a cabo, ou iniciou, proxectos do calado coma o mapa xeolóxico da Península Ibérica, o deseño da xunta de portos do Estado ou o Plan de Instrución Pública, incluso chegou a ser tamén director xeral da compañía de seguros “La Unión”.
Non chegaría o espazo de todo o artigo para reproducir as cabeceiras de xornais e revistas nas que deixou a súa pegada, nin moito menos para describir tódolos proxectos de carácter económico que pensou para Galicia no seu conxunto e dun xeito especial para Vigo -que o acabou nomeando fillo adoptivo- e de entre os que sinalaremos o proxecto do ferrocarril Madrid-Vigo, por constituír -como dixo Curros- “la más dolorosa página de la vida de Chao”.
Aparte de Curros, houbo outros coma o ourensán Luciano Cid, que o sinalaron como “el más ilustre de los hijos de la provincia de Orense en la presente centuria”.
Cid resumiu así as cuestións que lle afectaban ó porvir de Galicia: “la excesiva división de la propiedad, el aprovechamiento de las lluvias, el pequeño caserío y los caminos vecinales”, entre outros.
Dooulle a Vigo un observatorio meteorolóxico, planificou “a sus expensas” o estudo do porto comercial, creou a Escola de Artes e Oficios e ás súas expensas deseñou o proxecto máis ambicioso que encarou, é dicir, a proposta de construción dun trazado alternativo do ferrocarril Madrid-Vigo por Ávila, Salamanca e Portugal.
Concibiuno en 1852, porque entendía que o porto vigués só sería competitivo se tivese mellor enlace ca outras cidades costeiras.
Segundo os seus cálculos, as obras financiaríanse “sin sacrificio alguno del Erario”, coa “venta de bienes nacionales denominados baldíos, realengos, mostrencos, despoblados y de dueños desconocidos, en vinte anualidades, calculando que a liña “por sólo los valores de subasta”, aseguraban a recuperación por parte do Estado ós trinta anos e non ós noventa das concesións habituais.
O proxecto contemplaba tamén ramais coma o de Ourense e unha rede telegráfica en toda a vía.
Solicitou a concesión e unha vez obtida a licenza presentouse en Galicia co enxeñeiro Melitón Martín. Botou man dos seus recursos ata que os esgotou e, de súpeto apareceron “los obstáculos en forma de rivalidades, triquiñuelas y celos de localidad”.
Pontevedra opúxose, dende a Coruña dixeron que “si Vigo llegase a tener ferrocarril, no lo tendría el resto de Galicia sino por incidencia”. E cando comezou a bater nas portas das institucións só a Deputación de Ourense se predispuxo a colaborar.
Non é de estrañar, pois, que Curros se manifestase deste xeito: “Recordando estos hechos que desgraciadamente aún se producen, viendo como pasiones tan pequeñas pueden anidar en razas tan grandes, hay motivos harto suficientes para creer justo y providencial el atraso de una región cuyo estado de servidumbre bajo la doble garra del fisco y el cacique acaso no es más que el castigo que impone Dios a los pueblos dominados por instintos verdaderamente suicidas”. E nesas seguimos 174 anos despois.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
Eduardo Chao e o ferrocarril non nato
ORÁCULO DAS BURGAS
Horóscopo del día: lunes, 26 de enero
Lo último
PROMESAS INCUMPLIDAS
Autovía Lugo-Ourense: 70 kilómetros en un cajón tres décadas después
EN LA ENFERMERÍA
Virus y lesión, el caro peaje para el COB en la Copa