Álvaro del Puerto, o flamenco de Caldelas
MÚSICA
Coa nai en Bos Aires, creceu na casa dos avós, na aldea de Castrelo. Disque dende moi neno gustáballe o canto e con 13 anos ganou un concurso radial de flamenco en Oviedo. Así foi como Álvaro Domínguez se transformou en “Álvaro del Puerto”
Mentres me dispoño a ensarillar esta composición, Castro Caldelas estará ocupada cos derradeiros repasos ós atadallos do “gran fachón” co que un ano máis iluminarán a noite de San Sebastián polas canellas que abrazan o castelo para evitaren perigos gratuítos que sempre pode comportar o lume. No medio do balbordo é posible que ninguén o lembre, pero de estar presente quen sabe se a Álvaro del Puerto non se lle daría por cantar, coma un espectro, algo de “El amor brujo” coa danza do lume fachendoso na memoria.
Non son moitas as referencias que conserva a hemeroteca a través das que poder seguir a súa traxectoria vital, aínda que si as suficientes -sempre en versión propia- que nos trazan o perfil doutro senlleiro ourensán que afirmou dedicarse a cantar flamenco -como dixo o poeta-, simplemente porque lle petou e deulle a gana.
En calquera caso, co pouco que hai imos tratar facelo emerxer da intrahistoria de Castro Caldelas nun día tan sinalado para os caldelaos coma é este de San Sebastián.
Álvaro Domínguez García -que así é o seu nome de pía- naceu en 1930, como queda dito, nunha aldea de Castro Caldelas que hoxe non rexistra o nomenclator oficial.
Nacido nunha casoupa desa aldea de Castrelo viuse na obriga de crecer a recado dos avós porque a nai -como lle aconteceu a tantas mulleres humildes daquela, enganadas con falsas promesas que nunca se cumpriron- pronto tomou camiño da emigración a Bos Aires para tratar de ós pais e ó neno non lles faltara de nada.
Álvaro creceu co sentido musical moi fino e -polo que el mesmo declara nunha entrevista publicada por este mesmo xornal en 1957- cando andaba polos 13 anos, tendo coñecemento da existencia dun concurso radial en Oviedo, alá foi levado por uns familiares. Presentouse cunha canción titulada “Pasé el Puerto de Payares” e non só ganou o concurso, senón que, como consecuencia, foi contratado pola “Compañía Astur” de Oviedo coa que participou durante un tempo como neno prodixio interpretando a variada música do folclore español abandeirada polas composicións flamencas que ía aprendendo dun xeito natural ó escoitalas pola radio. Á par e como homenaxe á canción que lle abrira as portas á música, decidiu poñer como nome artístico “Álvaro del Puerto”, que nunca máis abandonou.
Feito xa un mociño, a nai reclamouno e ó chegar á cosmópole arxentina os ollos abríronselle coma pratos ó comprobar as inmensas posibilidades artísticas ás que podía ter acceso en tan activa e cultural cidade de Bos Aires.
Así que a nai procuroulle un mestre que lle ensinara vocalización e outros rexistros musicais e técnicos da voz. O fito atopouno cun tal “maestro Viñas”, co que estivo catro anos e co que chegou a valorar a posibilidade de explorar o canto maior na ópera.
Pero as ansias por subir ós escenarios eran superiores á paciencia que precisaban as tediosas horas de estudo e educación da voz, así que decidiu camiñar por conta propia, xa que “como siempre me tiró el cante regional de España, acabé cantando flamenco porque era la música que más oportunidades me ofrecía en aquella ciudad”.
Entón, tivo coñecemento dun concurso vocal en Radio Mundo e igual que lle acontecera en Oviedo, conseguiu ganalo, cousa que anoxou vivamente ó mestre Viñas, pero, pola contra, a el deulle pé para conseguir varios contratos que nos seguintes anos acabouno levando a Brasil, Panamá, Chile, Uruguay, Colombia e Venezuela.
Preguntado polo xornalista se lle custou adaptarse ó flamenco contestou que loxicamente non lle resultou fácil ó principio, se ben, cando comezou a ter espectáculos propios, non só cantaba flamenco senón que botaba man do variado folclore hispano, onde loxicamente tiña cabida a música galega, as xotas aragonesas e, evidentemente, o “cante hondo”. E con ese completo fardel no currículo -ou na memoria, que estaría matinando o xornalista- foi como decidiu volver a España, sen ser consciente do que o agardaba na chegada.
Aborixes da aldea do lado, mariñeiros non ingleses senón galegos e fakires de Rabodegalo
Nas distintas informacións que a finais dos anos cincuenta recolle este xornal, Álvaro del Puerto non dá conta de se foi decisión propia a idea do regreso cando tiña 26 anos, despois de ter subido, non sei se a escenarios de tantos países, pero si a algún teatro de Bos Aires, malia que no momento no que rexistrou a súa entrada no país foi recrutado para cumprir o servizo militar que non realizara por residir na Arxentina.
Cando o xornalista lle pregunta polos proxectos previstos, Álvaro afirma que decidira volver “para llegar a la cumbre”, pero ó mesmo tempo laméntase de que “a los dos meses de estar en Madrid tuve que incorporarme al servicio militar”.
De todos modos, como bo sobrevivinte foi quen de facer da necesidade virtude e ó ser destinado a Andalucía logrou participar en distintas audicións radiofónicas e facer que o seu nome soara en Málaga e noutras cidades andaluzas , así como en Melilla gracias a ese exotismo que lle concedía o feito de que un galego que se autotitulaba “creador de un nuevo y propio estilo”, cantara flamenco sen imitar a ninguén.
Rematada a “mili”, pensaba volver a Arxentina con “algunas canciones que el maestro Villacañas compuso para mí”, onde o agardaban “mi madre y un contrato con Radio Belgrano”. Pero, iso si, mantendo viva a idea do regreso “cuando logre parné para una compañía propia”.
Aínda que foi quen de montar algún espectáculo como “Así canta España” ou “Gran desfile de estrellas”, ademais de producir algún disco e publicar un opúsculo titulado -aí é nada!- “Romancero gitano”, con poemas de Lorca e tres ou catro composicións súas, a súa actividade en Galicia resumiuse -cando menos que recollera a prensa- a algunhas actuación en varias festas de Monforte e na interpretación dunha “saeta” na súa Semana Santa, alén dalgunha audición en “Radio Orense”.
E é que -tal como escribiu “Dony” nunha sección deste xornal titulada Notígrafo- “cuando un gallego sale flamenco, no hay flamenco que se le ponga por delante”, porque “cualquiera que haya viajado un poco por el mundo sabe bien que en cualquier lugar se encuentra con supuestos aborígenes que luego son de la aldea de al lado, que los mejores marineros ingleses luego son gallegos, y que los fakires más espectaculares en los circos no son de la India, sino, a lo mejor, de Rabodegalo”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último