Enrique Otero Sotelo, o pai do patriarca

CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE

Nacido cando o século dezanove dobraba o calendario, estudou medicina e xa dende a etapa do Instituto deu mostras dunha vocación social que exacerbou, xa como doutor, ó volver a Ourense, fose no agrarismo, no Liceo ou na Deputación

Enrique Otero Sotelo exerceu como médico do Cárcere, pero deulle máis importancia ó activismo social e cultural.
Enrique Otero Sotelo exerceu como médico do Cárcere, pero deulle máis importancia ó activismo social e cultural. | Fundación R.O.P.

Cando un escoita o apelido Otero nalgún personaxe histórico, sexa pola sonoridade fonética ou pola indisociable relación que o aínda hoxe considerado “patriarca das letras galegas” mantén con el, é fácil asocialo a alguén que tivera relación co propio Ramón Otero Pedrayo. E neste caso non se equivocaría, xa que a persoa que hoxe traemos a colación non é outro có pai do “patriarca”. Un caso máis que ven a demostrar que o berce no que cada quen asoma ó mundo non é nin moito menos irrelevante e que aínda que a matemática pura non funciona nisto coa exactitude que se lle supón, si que o fai o cálculo de probabilidades, pois loxicamente é máis probable que alguén cun proxenitor e un entorno coma o de Enrique Otero teña máis doado chegar a onde o fillo chegou, ca no caso de calquera fillo dun labrego de Olelas, poñamos por caso.

E iso que a relación de Enrique e Ramón non foi longa no sentido de que o mozo espelido que xa apuntaba maneiras e que estaba a piques de examinarse para acabar o bacharelato, non pasaba dos dezaseis anos cando o doutor, de cincuenta e cinco, faleceu por un problema de corazón.

Tempo suficiente, sen embargo para que lle abrise a porta da literatura, como “afervoado lector da poesía do malogrado Aurelio Aguirre”, e doutras tantas portas do saber polas que o fillo acabaría entrando co paso do temo. E tamén para que lle dese un consello singular, é dicir, que non estudase medicina -descoñezo se por que nel pesaba máis a vocación social cá sanitaria- porque, segundo sinalan Patricia Arias e Afonso Vázquez Monxardín na fotobiografía, o doutor entendía que “os profesores son os frades do novo século”.

Coa chegada de 2026 ábrese un ano que culturalmente vai ser especialmente activo debido a declaración do Ano de Otero Pedrayo. Do patriarca das letras galegas, xa é moito o que se sabe ou, polo menos, o que se pode saber polo traballo promovido nas catro últimas décadas pola Fundación que porta o seu nome. De quen non se sabe tanto é do pai do patriarca, que tivo unha vida non lonxeva, pero que deixou pegada no Ourense de finais do século XIX, tanto na política, coma na cultura e noutras iniciativas sociais.

E así foi. No canto de seguir os pasos do pai, fíxolle máis caso ó consello e acabou sendo profesor, descoñecendo -ou non- que cando o pai tiña catorce xa fora partícipe dunha defensa a ultranza do profesorado, que chegou a saír incluso na prensa madrileña, na que os estudantes do Instituto ourensán publicaron un manifesto de apoio ós compañeiros de Barcelona pola “justa y enérgica protesta contra las peticiones de los enemigos del actual sistema de enseñanza y por vuestra elocuente defensa del ilustrado profesorado español”.

Rematada a carreira, semella que a actividade política e social afasta a un lado á clínica, que exerce sen máis aspiracións, o que non acontece coa vida pública na que irrompe cunha poderosa defensa na Deputación sobre unha axuda para o libro de Curros, “Aires da miña Terra” e cunha defensa aínda máis vehemente do seu autor o día da chegada da locomotora a Ourense, un ano despois.

É dicir, ós trinta anos xa sabía o que era a vida institucional na Deputación provincial, e nos anos próximos exploraría a xornalística como promotor dunha velada literaria prevista para a chegada de Castelar a Ourense e que pretendeu unha asociación de escritores e periodistas ourensáns, pasando logo por un perfil agrarista que criticou a proliferación de colectivos celulares que non darían resultados e avogando pola organización dunha Cámara Agraria única para toda a provincia, así como a xestión dunha intensa actividade cultural na sede do Liceo, onde chegou a presidente.

No medio comezou a compaxinar a medicina domiciliaria coa atención ós internos da prisión provincial. En 1900 pasa de médico a doente ó contraer a temida “grippe” e en 1904 morre, deixando, ademais da herdanza familiar, 500 pesetas para os pobres e 1 peseta para cada preso no penal.

Dous discursos audaces e un artigo feminista defendendo o dereito da muller á formación

Banquete celebrado o día da chegada da primeira locomotora a Ourense.
Banquete celebrado o día da chegada da primeira locomotora a Ourense.

Son diversas e moi interesantes -non só polo que di, senón tamén por como o di-, as entradas que recolle a hemeroteca a nada que se siga o seu trazado nominal.

A primeira destacable, porque demostra un pensamento adiantado e feminista para aquel tempo, foi publicada en “El Heraldo Gallego” en marzo de 1880 e ten que ver co proxecto de creación da “Escola Normal de Mestras”.

Nel di que “una de las graves cuestiones sociales que preocupa a los gobiernos ilustrados y a los hombres eminentes de todas las naciones, es la educación de la mujer. En las Academias y Parlamentos, personalidades de reconocido mérito claman en tal sentido (...) En algunas naciones hasta el reconocimiento de los derechos políticos al sexo femenino reúe gran número de partidarios. Sen embargo “en nuestra provincia la mujer no tiene ningún centro de instrucción, está completamente abandonada a los esfuerzos individuales”, polo que espera que la Corporación provincial planteará la Escuela Normal de Maestras”.

Tan só un mes despois, o mesmo xornal faise eco da defensa de Otero á axuda para a publicación do libro de Curros, indicando que “no le parecía onerosa, por cuanto no es más que una pequeña recompensa al mérito de uno de nuestros más distinguidos literatos que canta las tradiciones de Galicia en nuestra meliflua y armoniosa lengua nativa, contribuyendo de este modo a sostener el espíritu literario de la provincia y a levantarla de la postración en que yace (...) Ó falar así, di o cronista que “el entusiasta e ilustrado Otero, hablaba con el calor y la inspiración propias de las almas que sienten y aman el progreso y con el fuego de un corazón apasionado de todo lo bello”.

Pero o máis vehemente tivo lugar o 31 de marzo de 1881 no banquete de celebración da chegada a Ourense da primeira locomotora, coa absolución de Curros moi recente. Otero brindou “por el bello sexo”, polo pobo, polos homes de ciencia “y por los tribunales de justicia que acaban de absolver a un acusado a quien perseguían como autor de un tomo de versos”.

Obvio é dicir que a partir de aí o bispo e a súa cohorte ergueron as pousadeiras e abandonaron o banquete, coa meixela aínda quente pola labazada pública que o prelado acababa de recibir.

Contenido patrocinado

stats