Francisco Estévez e a cruz de Alfonso III

CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE

Naceu en Freás de Eiras (Ramirás), irmán do coleccionista de arte en Rosario (Arxentina) Odilo Estévez e farmacéutico en Santiago, en xuño de 1906 foi sospeitoso do roubo da cruz de Alfonso III na catedral compostelá, que nunca foi recuperada

Cruz orixinal de Alfonso III e capela das reliquias da catedral de Santiago onde levaba máis de mil anos custodiada.
Cruz orixinal de Alfonso III e capela das reliquias da catedral de Santiago onde levaba máis de mil anos custodiada. | La Región

A veciñanza de Ramirás conmemorará o vindeiro domingo o centenario da unificación dos municipios de Vilameá e Freás de Eiras nunha soa entidade administrativa. Esta circunstancia, unida á devolución á actualidade do famoso roubo das alfaias da catedral compostelá por parte do historiador Francisco Prado Villar, tróuxome á memoria á prolixa e acaudalada familia Estévez Yáñez e dun xeito especial ó singular e “elegante” Francisco, reclamado, pero nunca capturado pola xustiza.

O 22 de maio de 2023 esta páxina reparou na figura de Odilo Estévez Yáñez, un fillo de Freás de Eiras que abandonou o val de Ramirás con só 14 anos e acabou converténdose nun potentado home de negocios na cidade arxentina de Rosario e nun filántropo e coleccionista de arte na compaña da súa muller, Firma Mayor, coa que crearon un museo que logo a súa dona lle entregou á cidade de Rosario denantes de morrer, momento no que pasou a ser o museo rosarino por excelencia.

Loxicamente, dado que unha vida non cabe nunha páxina, foi moito o que quedou por contar sobre unha familia de nove irmáns, entre os que destacou sobremaneira -pola espectacularidade dos feitos polos que foi declarado sospeitoso- un dos máis vellos da proxenie, Francisco, nacido en 1869 no mesmo lugar de Freás de Eiras e que disque se fixo farmacéutico e no ano 1906, con 37 anos e casado, residía en Santiago, dedicándose á actividade de “jugador de oficio”, segundo indica o gobernador de Ourense no edicto de agosto de 1906 no que reclama a súa captura e posta a disposición gubernativa “registrándole previamente su equipaje y domicilio y cuanto se encuentre relacionable con el robo de las alhajas llevado a cabo en la ciudad de Santiago y Santa Iglesia Catedral reseñadas en la Gazeta del 27 de junio”.

Segundo recolle ese boletín, as pezas desaparecidas do museo catedralicio foron unha aureola de prata sobredorada, unha imaxe de San Sebastián de prata maciza e un crucifixo de cobre sobredourado a lume de 60 centímetros de alto, destacando sobre todas elas “la cruz llamada de Alfonso III que ofreció este a Santiago en el año 874”, polo que levaba ó amparo da curia compostelá máis de mil anos.

Non logrei coñecer cales foron os indicios que levaron ós investigadores a pousar as sospeitas sobre Francisco Estévez como posible captor de tan valioso tesouro, ó nivel -cando non, superior- ó Códice Calixtino, cousa que saberemos cando o historiador compostelán Prado Villar publique o seu traballo, pero, fose pola razón que fose, o caso é que nin a xustiza nin os axentes lograron dar con el, nin, polo tanto, co valioso conxunto artístico nas súas mans, por máis tempo que pasou. E así, ata hoxe.

É moi posible que para cando comezaron a seren publicados, no mes de agosto, os edictos de reclamo e as informacións xornalísticas co nome de Francisco como sospeitoso -o roubo foi perpetrado na noite do 6 ó 7 de xuño-, xa o “jugador de oficio, de estatura regular, casi alta, color pálido, ojos azules, barba poblada y negra, pelo idem, y que viste elegantemente” -como foi descrito polo gobernador-, xa tomara o camiño do Cono Sur, onde levaban residindo cando menos catro dos nove irmáns que eran, facendo fortuna cunha empresa de importación da folla do mate de Paraguay e a súa transformación na herba-mate que lle dá sabor á bebida nacional arxentina.

Nada se ten demostrado -polo menos ata agora- de que a afección de Odilo e a súa muller Fina polas obras de arte e a súa dedicación case compulsiva á adquisición en América e en Europa de pinturas, esculturas e toda clase de obxectos museables, tivese algunha relación co conxunto desaparecido da catedral, polo cal, cabe dicir de paso, que o cabido chegou a ofrecer 5 mil pesetas a quen ofrecese algunha información ó respecto.

Curiosamente, no ano 1983 o propio museo rosarino de Odilo e Fina tamén sería vítima dun roubo de cinco cadros valorados en 12 millóns de dólares, dos que só foron recuperados tres.

Unha variopinta familia de nove irmáns con Arturo de vicecónsul de Arxentina en Ourense

Antiga casa do Concello de Ramirás trala fusión de Freás de Eiras e Vilameá.
Antiga casa do Concello de Ramirás trala fusión de Freás de Eiras e Vilameá. | La Región

A relación de Francisco Estévez coa oficialidade non debeu ser alá moi próxima, xa que logo, cando foi citado en Santiago para “la clasificación y declaración de soldado” polo reemplazo de 1886, non se presentou en tempo e forma, polo que en agosto de 1887 o tenente fiscal da zona militar de Ribadavia publica un novo edito comunicando estalo “sumariando por el delito de no haberse presentado a la clasificación y declaración de soldado” e outorgándolle un novo prazo de trinta días para que depuxese a súa actitude.

Isto non obstou, sen embargo, para que no mes de marzo de 1902 -é de supoñer que coas contas saldadas co servizo militar- solicitase a concesión de 78 “pertenencias” de explotación de pirita na parroquia compostelá de Santa Susana, procedendo dunha zona con explotacións mineiras exploradas tamén por outros seus irmáns.

En total foron nove homes e unha muller, os fillos procreados polo escribán Manuel Estévez e Generosa Yáñez, todos eles ligados nalgún momento das súas vidas á cidade de Rosario, onde Manuel -declarado prófugo en 1894- e Odilo comezaron co produtivo negocio da folla de mate.

A única muller rexistrada foi Leonor, que se fixo mestra e casou en 1907 co tenente de infantería Rogelio Martínez.

Logo aparecen, de cando en vez, Emilio, que tamén exerceu o maxisterio, Adolfo, que malia que é citado como labrego tamén estivo fuxido do exército, pero en xuño de 1937 acaba doándolle un Oldsmobil, Eloy, quen en 1934 publica unha esquela na memoria dos pais e do irmán Manuel, ademais de Constantino e Arturo, que, contra o costume dos seus irmáns fíxose cabo, logo viaxou tamén a Rosario e finalmente regresou nos anos 20 a Ourense onde profesou, entre outras moitas actividades públicas e privadas, o cargo de vicecónsul honorario de Arxentina en Ourense, por influencia lóxica de seus irmáns, que o levou a contar cun recoñecido prestixio na cidade entre 1924 e 1954, cando faleceu, deixando por tras un xeneroso ronsel familiar asemellado ó creado por seus pais e composto por oito fillos e fillas.

Ademais de explorar a actividade mineira da pirita nas lindes de Verea e Celanova, Arturo exerceu como xestor municipal a raíz do golpe de Estado e incluso como primeiro tenente de alcalde.

Contenido patrocinado

stats