ORÁCULO DAS BURGAS
Horóscopo del día: sábado, 20 de diciembre
CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
Esta fin de semana, unha vez máis dende hai dúas décadas, as xentes do coto de Seixalbo celebraron unha nova edición da “Festa dos foros”, creada pola asociación Agromadas para lembraren cando o Tribunal Supremo (1859) suprimiu os foros (500 moios de viño ó ano) que dende tempo inmemorial viñan aboándolle ó bispo de Ourense. O litixio durou tamén dúas décadas e chegou a un final feliz gracias ó tesón dun veciño do lugar chamado Fernando Freire Carril, a quen colocamos hoxe no escaparate desta crónica.
Non é preciso afondar moito nas hemerotecas nin nos andeis da biblioteca para saber algo deste ourensán singular que non parou ata devolverlle a dignidade ó seu pobo de acollida, dobrándolle o espiñazo a toda unhas institución tan poderosa como era o bispado ourensán da época, deixando ó bispo, coma quen di, sen o santo e a esmola, pois de contado deixou de recibir cada ano 500 moios de viño e ademais perdeu o pouco creto que lle quedaba á institución nesta singular aldea de Ourense.
Para saber quen era o tal Fernando Freire Carril (o mesmo que hoxe lle dá nome —todo sexa dito de paso— ó premio que conceden cada ano) abonda con ter á man o documentado libro que en 2008 publicaron Margarita Seara Pazo, Elena González Iglesias e Manuel Herminio Iglesias e que, baixo o título “Seixalbo, anacos do pasado”, fai un percorrido pola tan longa como interesante intrahistoria desta aldea dos arrabaldes da capital que mantén case intacta esa personalidade “rururbana”, que lle outorga un carácter tan singular á mesma.
Contan os autores da publicación que Fernando Freire Carril debeu nacer na primeira década do século XIX, aínda que non no antigo municipio seixalbés, senón no lugar de Congostro da Limia (Rairiz de Veiga), de onde disque tivo que fuxir por mor “de problemas derivados de certos amoríos”.
De como chegou a Seixalbo non dan detalles, nos que si se estenden, sen embargo, á hora de sinalar a súa primeira muller, Rosa Vide, filla do derradeiro xuíz de paz do devandito concello e propietaria dunha xenerosa herdanza.
Convertido, por arras, nun “acaudalado” colleiteiro, que lle tiña que aboar ó bispado ourensán máis de 200 dos 500 moios de viño ó ano que estaba obrigada a entregar a veciñanza de Seixalbo como consecuencia dun inxusto dereito foral que o bispado afirmaba posuír dende os tempos de Alonso III O Magno, alá polo século IX, Freire Carril e o resto da veciñanza, tres anos despois da integración do Concello no de Ourense (1836) e ó amparo das leis desamortizadoras de Mendizábal, o 2 de novembro de 1839 presentaron demanda no xulgado ourensán co fin de que fosen abolidos os foros do Coto de Seixalbo.
A demanda, amparada pola fiscalía, deu lugar a un longo proceso xudicial, baseado na falsidade dun documento datado o 28 de agosto do 886. O litixio pasou pola Audiencia da Coruña e rematou no Tribunal Supremo, que o 30 de xuño de 1859 sentenciou a nulidade do aforamento.
En resumo, foron vinte anos nos que Freire Carril se erixiu en representante da resistencia popular, desestimando incluso o pago do seu peso en ouro se renunciaba ó preito.
Trala decisión do alto tribunal, o prestixio popular foille restaurado e Freire Carril chegou a casar aínda dúas veces máis, sementando unha abondosa prole ata que o 6 de xuño de 1890 faleceu repentinamente en Mariñamansa, sendo acompañado no funeral por “22 eclesiásticos” e mesmo pola banda de música. Tiña 80 anos.
Entre os episodios que ó longo do tempo protagonizaron as xeracións de seixalbeses, paga a pena salientar o desencontro entre o bispo Juan de la Torre —que chegaba a Ourense a tomar posesión— e o correxedor Juan Losada, que case acabou nunha traxedia.
O episodio tivo lugar o 24 de novembro de 1622 e rescatouno o historiador Benito Fernández Alonso no “Álbum literario” (1889), onde alude ó costume de que os responsables do municipio saísen ó encontro do prelado en Seixalbo.
O ruxe-ruxe que lle chegou ó correxedor fíxolle saber que o cabido quería presidir a comitiva, polo que decidiu avisar ó bispo: se non quería ó Concello á súa dereita, non sairía a recibilo.
O bispo aceptou, pero negouse a ir en mula dende Seixalbo, como era costume, alegando estar “indisposto”, e anunciou que iría en litera ata as primeiras casas e logo montaría na mula. O Concello non aceptou o cambio, o que alporizou aínda máis ó prelado, que recriminou ó correxedor, incluso polo feito de presentarse con vara de mando.
Chegouse a tal tensión que o irmán do bispo intentou prender ó correxedor, apoiado por soldados piqueros e arcabuceiros, e a cousa estivo a piques de rematar nun enfrontamento armado, que non se produciu pola habilidade diplomática do correxedor Losada.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último