Heliodoro Gallego e a “patria xeográfica”

CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE

Naceu na Pobra de Trives, licenciouse en Ciencias en Santiago, doutorouse en Astronomía en Madrid e conxugou a docencia na Escola de Artes de Compostela coa actividade como xeógrafo e divulgador turístico dos encantos de Galicia

Heliodoro foi o autor do primeiro mapa xeográfico da provincia, subvencionado pola Deputación con 2 mil pesetas.
Heliodoro foi o autor do primeiro mapa xeográfico da provincia, subvencionado pola Deputación con 2 mil pesetas.

A recente campaña publicitaria que está levando a cabo a Axencia de Turismo de Galicia con motivo da chegada do outono, baixo o lema “Galicia Calidade” e como complemento á xa consolidada do “Outono gastronómico”, fíxome botar unha ollada cara atrás e consultar como era a difusión turística hai un século, cando viaxar era cousa de privilexiados. Entón asomou a figura deste polifacético ourensán que foi pioneiro da divulgación turística en Galicia e fixo o primeiro mapa da provincia de Ourense.

Nunha das poucas entradas que se poden consultar na rede arredor de Heliodoro Gallego Armesto -a de Ricardo Moreno no portal do Consello da Cultura Galega-, os breves apuntamentos aluden a “un matemático polifacético” que “estudou na Universidade de Santiago e nesta cidade foi profesor e director da Escola de Artes e Oficios”, salilentándoo como membro da Sociedade Española de Historia Natural, colaborador en diversas revistas e xornais, ademais de editor dun bo número de publicacións relacionadas coa xeografía, a física e as matemáticas, alén doutras -engado eu- que de compilalas elaborían un “corpus” moi interesantes sobre a promoción turística de Galicia.

É posible que esta aproximación biográfica tan sucinta non lle faga xustiza á auténtica valía persoal e intelectual deste ourensán que debeu apostar pola tranquilidade que supón unha cátedra e a dirección dunha escola universitaria para poder dedicarlle o tempo ó que simplemente lle petara.

É por iso, polo que trataremos de engadir algúns datos que nos axuden a saber algo máis del e do seu entorno persoal.

Nacido en 1872 na Pobra de Trives, no seo dunha familia acomodada que lle puido dar estudos a el e a seu irmán Germán (avogado, alcalde de Trives e deputado provincial), Heliodoro licénciase en Ciencias en Santiago -cidade que acabaría sendo o seu repouso vital- e ós 22 anos comeza a impartir aulas de Física e Química na Escola de Industrias desa cidade.

As inquedanzas intelectuais e as ganas de aprender non lle permiten inicialmente o acomodo persoal e dispón ampliar estudos en Madrid. Así, o 30 de maio de 1900 aparece na prensa como “licenciado en ciencias y alumno del doctorado y de astronomía”, colaborando co “distinguido astrónomo, don Ramón de Escandón” no observatorio madrileño para realizar as medicions dun eclipse solar que tivo lugar ese día e nas que chegou a participar o ministro de Instrucción Pública.

Co título de doutor debaixo do brazo e cun futuro aberto no campo científico cara onde el quixera, regresa a Ourense e tras un breve paso pola política local, que o eleva a deputado provincial polo distrito de Allariz-Trives, ós tres anos dimite para incorporarse como catedrático á Escola de Artes e Oficios de Santiago, non sen que polo medio fose quen de abrir un debate público sobre a necesidade de apostar polo trazado do tren Zamora-Ourense fronte á opción máis longa de Palencia e León.

A partir de aquí, alén das obrigas docentes e mesmo da dirección da escola, que exerceu duante case tres décadas, céntrase na faceta de xeógrafo e comeza a traballar sobre a planimetría de Galicia, o que o leva a solicitar unha axuda de dúas mil pesetas á Deputacion provincial para realizar o primeiro mapa completo da provincia de Ourense (tamén faría o de Lugo) seguindo os postulados de Domingo Fontán, así como a centrarse na divulgación turística con infinidade de artigos sobre vilas, cidades, monumentos espazos naturais etc., de toda a nosa xeografía.

E, para mostra, un botón: “Por la enorme riqueza monumental, por su encanto panorámico, por la belleza de sus rías, por la fertilidad de su suelo, que como ancha sábana verde se extiende entre las agrestes montañas arbóreas; por los encantos de su clima típico y suave, por lo original e indefinible de su ambiente, Galicia es el prototipo y compendio de una verdadera patria geográfica”.

Contenido patrocinado

stats