CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
José Feijóo e o “Gordo” do Alfonso XIII
CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
Aínda que -como veremos- a biografía deste ourensán que na súa condición de capelán castrense dedicou a vida a “tomar conta das almas” dos mariños da Armada, hoxe é oportuno traelo a colación, pero na condición de afortunado receptor de “60 mil duros” de 1915 (arredor de un millón de euros de hoxe) coma un máis dos 725 tripulantes do acoirazado Alfonso XIII, que tiña base no Ferrol e que ese ano foi tocado pola boa man do contable do buque, ó escoller o número 48.685 e distribuílo entre toda -ou case toda- a tripulación.
Por lóxica xeográfica (é obvio que Ourense é a única provincia galega sen costa), ó longo da historia non teñen sido moitos os ourensáns intimamente ligados ós grandes fitos do mar, aínda que os houbo, e con accións certamente destacadas, que aquí teñen sido contadas.
Pois ben, o caso de José Santiago Rodríguez é un deses que viviron por e para o mar, aínda que dende unha perspectiva singular e por máis que a súa traxectoria -coma tantas- acabase mergullada no abismo das hemerotecas, malia que el mesmo fose cronista da súa neste mesmo xornal, nunha interesantísima serie de 117 cartas que lles escribiu ós seus amigos e nas que deu conta do seu periplo marítimo ata os confíns do estreito de Magalhães.
Nacido na capital e fillo e irmán duns industriais chocolateiros con negocio na estrada de Trives, José derivou a súa formación cara o seminario e aínda moi novo, como presbítero, xa aparecía a comezos de 1898 rexistrado na condición de aspirante a capelán da Armada, a súa outra gran paixón vital.
Conseguino, previo paso por unhas oposicións, e foi nomeado “segundo capelán”, aínda que antes de ser enviado a ningún destino, tivo tempo de oficiar como ecónomo, entre outras, das parroquias de Bóveda e Xinzo de Limia durante seis anos.
O primeiro destino como capelán castrense chegoulle na icónica Cartaxena a cuxo hospital militar foi destinado en outubro de 1904, onde pasaría catro anos afondando nos segredos particulares da Armada e da vida militar en xeral.
O 28 de decembro de 1908, un terremoto de máis de sete graos e o seu correspondente tsunami entre a illa de Sicilia e a punta da bota de Italia, na Reggio Calabria, que arrasou as cidades de Mesina e Reggio Calabria e provocou uns dous centos mil mortos, levouno nunha expedición da Mariña a consecuencia do cal foi condecorado coa Cruz da Coroa de Italia.
A crueza da estadía no corazón do desastre aconselloulle pedir unha excedencia que aproveitou para regresar a Ourense. Se ben, pronto volveu á vida militar. Primeiro, no cruceiro Princesa de Asturias -a bordo do cal o sorprende o falecemento de nai-, e logo no hospital militar, denantes de que en setembro de 1915 o destino levouno ó impresionante acoirazado Alfonso XIII, que tiña base no Ferrol.
José e o resto da tripulación malamente sabían a sorte que os agardaban só tres meses despois, por mor do azaroso acerto de selección do contable do buque, que se achegou á administración de lotarías número un do Ferrol e alí botou man de tódalas series do número 48.685 para o sorteo de Nadal, que logo distribuíu en participacións entre todos aqueles que desexaron mercalas.
Dos 725 tripulantes, só un alférez de navío e catro mariñeiros non gozaron do favor da sorte. José, pola súa parte, fíxose con participacións por importe de 50 pesetas que o día 22 de decembro viu convertidas en “60 mil duros” -dixeron as crónicas-, é dicir, o equivalente a un millón de euros de hoxe.
Daquela o premio completo ó número eran 6 millóns de pesetas e José aínda tivo tempo de darlle unha inmensa alegría a un íntimo amigo que traballaba como “caixista” neste mesmo xornal, La Región, Antonio Álvarez Gutiérrez, ó que lle cedeu unha participación de cinco pesetas que se converteron de súpeto en 30 mil.
Que fixo con tanto diñeiro o humilde capelán é unha incógnita á que non lle dá resposta o feito sabido de que nunca, ata os derradeiros días, deixou de navegar
Non chegou a dous anos o período que José Santiago cubriu no rol do acoirazado rexio, aínda que o suficiente para convertelo en “millonario”. En marzo de 1917 volve á capelanía do hospital de Ferrol, cun paso intermedio polo buque Carlos V, denantes de que no mes de outubro de 1920 se vise embarcado na máis fascinante travesía que un mariño podía devecer.
No marco da celebración do cuarto centenario da viaxe de Fernando de Magalhães e do paso polo estreito ó que lle daría o nome, Chile organizou unha serie de fastos e a inauguración dun monumento en Punta Arenas na memoria do descubridor, nos que participou a Armada española, trasladando ata a outra punta do mundo ó acoirazado España co infante Fernando de Baviera a bordo, en representación da Coroa.
Enrolado, na condición lóxica de capelán entre os 800 tripulantes e consciente das circunstancias históricas nas que estaba envolta tal misión, non só polos actos en si, senón pola inabarcable dimensión do itinerario, José Santiago decidiu acometer unha proposta xornalística non menos audaz, como foi a de transmitirlle ós lectores de La Región, “una serie de crónicas reseñando sus impresiones a bordo del acorazado España en el viaje que conduce a la misión española que va a asistir al Centenario de Magallanes”.
A expedición partiu o 11 de outubro de 1920 do porto de Algeciras. “Eran las doce de una noche clara, diáfana, estrellada, fresca...”, escribe o capelán, “cuando el buque empezó a deslizarse suave y mayestáticamente sobre las sosegadas aguas de la oscura bahía, dejando en pos de si, luminosa, fosforescente, la estela de aguas removidas, arremolinadas por las palas de las hélices”.
O resultado final foron nada máis e nada menos ca 117 crónicas que merecen por si sóas unha reedición e que remataron o 2 de setembro de 1921 no traxecto entre o Porto da Luz das Palmas de Gran Canaria e o porto de Cádiz, despois de cruzar o Canal de Panamá, chegar a Punta Arenas, cruzar en sentido de ida e volta o propio estreito de Magalhães e regresar polo mesmo Canal de Panamá ata a península ó longo de once meses que seguramente transformaron a percepción vital do “ilustre” capelán dun xeito moito máis transcendental cás 300 mil pesetas que anos antes decidira concederlle o azar.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
José Feijóo e o “Gordo” do Alfonso XIII
ESTUDIO CLÍNICO
Estudian la relación entre el riesgo vascular y la demencia
Lo último
LOTERÍA DE NAVIDAD
El Gordo permite acceder al 75% de las viviendas en venta de Ourense
ACOSO LABORAL
El PP reitera que sigue en la oposición en Barbadás
Iván González Decabo
DIARIO LEGAL
El Supremo pone en la diana al préstamo familiar
Xabier Limia de Gardón
ARTE ET ALIA
Locus amoenus, narrativa local trufada de literatura para una muestra de historia personal