Masón, pintor e viñateiro en Vimieiros

CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE

Nacido ocasionalmente en Santiago, a biografía de Silvio Fernández está intimamente ligada ás terras do Ribeiro do Miño, onde loitou pola protección do viño de raíz logo de ter demostrado que puido ser un dos referentes das artes plásticas galegas

O cadro titulado “A las fieras” representa a condución dos cristiáns ó circo e foi premiado en 1887 (Museo do Prado).
O cadro titulado “A las fieras” representa a condución dos cristiáns ó circo e foi premiado en 1887 (Museo do Prado). | La Región

O “emporcallado” panorama político que albiscamos a cotío reclamou a miña atención no feito de que a un dos protagonistas lle fose destacada a condición de masón, algo inhabitual nos tempos que corren. Isto levoume a ollar para atrás, cando subliñar tal condición -normalmente, para mal- era cousa frecuente noutrora, e rescatar do silencio a un deles -houbo moitos máis-, como foi este singular Silvio Fernández que cambiou o lenzo e o pincel pola coitela da vendima, e a vida de artista pola “pax” agraria do Ribeiro.

Se un fai un breve exercicio de esculca na rede respecto do personaxe que traio a colación, máis alá dos algoritmos que cada quen teña no seu “adn” informático, é moi posible que entre as primeiras referencias atope un artigo de Lolín Pousa publicado neste mesmo xornal, no que ofrece -nunca mellor dito- un documentado retrato sobre este ourensán do Ribeiro que descansa o seu actual anonimato no panteón familiar do camposanto de Ribadavia.

Case media ducia de anos despois permítome devolvelo á actualidade, tomando a súa condición de masón na loxa Auria ourensá como desculpa para completar un perfil que arestora podería formar parte dos grandes titulares das artes plásticas galegas e mesmo españolas e, se quedou oculto nas páxinas de letra pequena, só foi por mor dunha decisión persoal que disque marchou con el á tumba.

Fillo dun maxistrado con raigame e casa grande no lugar de Vimieiros de Ventosela, os cronistas din que a súa vida alumeou en Compostela en 1859, se ben, debido á profesión do pai, a infancia e xuventude familiar transitouna por Ourense, Valladolid e outros lugares, mentres que a súa vida formativa tivo inicio no prestixioso colexio dos P.P. Escolapios de Celanova, onde comezaron a destacar as súas dotes artísticas.

Pero iso, aparentemente non era futuro para un fillo de boas familias, polo que acabou matriculado en Dereito en Valladolid, compaxinando isto coa formación artística, ata que -con gran desgusto para os seus proxenitores- decidiu que o Código Civil era incompatible coa súa memoria e mergullouse a fondo na creatividade plástica, mudando a facultade castelá pola Escola de Belas Artes de Madrid.

De aí a París só houbo un paso e alí -no paraíso da arte- residiu tres anos recibindo aulas do “realista” León Bonnat -mestre, entre outros, de Toulouse Lautrec-, conseguindo logo unha bolsa da Deputación de Ourense gracias á cal completou a formación en Roma durante outros catro anos.

Con tal bagaxe no seu haber e obras tan impactantes coma o retrato de Torquemada -que durante moitos anos presidiu as escaleiras de entrada da Deputación provincial- non foi estraño que os seus traballos -dotados dun clasicismo espectacular e dunha técnica impoluta- pronto comezara a destacar nas exposicións nacionais de Belas Artes de Madrid, con obras como “Expulsión de los judíos”, “Doña Blanca de Navarra” ou “A las fieras”, coa que foi premiado na exposición de 1887.

“Hoy no es ya el discípulo que desde las escuelas de Roma envía sus estudios -publica en 1888, “El Eco de Orense”-, sino el maestro apreciado por los que estos títulos conceden, y figura dignamente entre esa pléyade de pintores que atienden a cuidar el fuego sagrado encendido por Velázquez, Murillo, Rivera y todos nuestros genios”.

Todo apuntaba a que -como anos antes quixera predicir o seu amigo José Ojea- “el pincel de Silvio será un día de gloria”.

Sen embargo, a morte do pai, en 1890, marcou un punto de inflexión na súa vida. A prensa empezou a desvelar que semellaba “estar dominado por el desaliento” e malia a que en 1897, “a las cinco de la madrugada”, casa coa ribadaviense Antonia López Méndez, a morte prematura desta tan só tres anos despois da voda -da que lle quedou unha filla-, provocoulle o abandono definitivo da pintura, por máis que pintores coma Soutomaior tratasen de convencelo para que volvese para Madrid, centrándose finalmente na promoción vitivinícola.

Un matrimonio fugaz, un incógnito retiro e unha vida dedicada ó viño na casa de Vimieiros

Dous retratos de Silvio Fernández en “Vida Gallega”, na finca de Vimieiros.
Dous retratos de Silvio Fernández en “Vida Gallega”, na finca de Vimieiros. | La Región

Que aconteceu para que despois de ter as portas abertas á elite das artes plásticas hispanas e incluso ó recoñecemento internacional (do que informa “El Regional” en maio de 1891, indicando que “se ha concedido la cruz de primera clase del mérito naval al secretario de la embajada en Viena, el ilustre pintor gallego, don Silvio Fernández”), para que os días do pintor acabasen recluídos entre os bacelos de Ventosela, é unha incógnita que non debeu transcender ó ámbito público.

Dez anos despois do matrimonio, resulta chamativo o texto que no xornal “el Miño” publicou o escritor Neira Cancela, onde di: “Entregado al cultivo del viñedo, entrándole a chorros la luz del cielo azul por las ventanas de su estudio campesino, y viendo como se desliza murmurador y apaciguado el poético Avia..., aquel pintor orensano que tenía en Roma su cortejo de admiradores y su montón de envidiosos, dicen que aún pinta algo, muy poco seguramente, acariciando tal vez memorias y sueños de sus días de numen, de sus triunfos abandonados por causas desconocidas, que se irán con el artífice al sepulcro, pues a nadie revelará de fijo, Silvio Fernández, por qué arrinconó la caja del color del oro, sustituyendo la rama de laurel del elegido, por la vinosa hoja de parra del cosechero práctico”.

Dende a expresión destas cábalas do inefable Neira, Silvio aínda viviría tres décadas centrado, como el sinala, non só no coidado das viñas e na elaboración do “tostado” do que xa fora premiado seu pai, senón, sobre todo, na loita por afastar viños foráneos da produción propia do Ribeiro, de aí que pouco despois de abandonar profesionalmente o mundo artístico, xa en 1902 apareza como presidente da Sociedade Agraria de Ventosela “denunciando a las autoridades la expedición recién llegada de Vigo y consignada a Carballino, de varios bocoyes de vino falsificado, los cuales han sido decomisados”.

Organizador, en 1912, da cuarta asemblea agraria de Ribadavia e partícipe en todas cantas se celebran nesa época en Galicia, e representante, ademais, de “Abonos Pujolá” -di Lolín Lira-, os días de Silvio transcorren -iso si, sen pechar nunca o seu estudo- entre a “casa blanca” de Vimieiros de Ventosela, Ourense e Ribadavia, onde a familia era propietaria “de un trozo del exconvento de San Francisco”.

Contenido patrocinado

stats