EL GORDO ESTÁ EN EL BOMBO
¿Con qué números han tocado los premios gordos de la lotería de Navidad? Descubre los más repetidos
CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
A recente presentación do traballo realizado ó longo da súa traxectoria docente, polo profesor Alberto Valín sobre a masonería en Galicia, unido á apertura dunha nova loxa en Ourense, que levará o nome do poeta impar e masón ourensán Manuel Curros Enríquez, esíxeme traer a colación a algúns pioneiros que colocaron as primeiras “columnas” na cidade e na provincia. Son máis, pero como botón de mostra ben merecen espazo propio o bibliotecario Juan Manuel Amor ou o pintor Silvio Fernández Rodríguez-Bastos.
Se, ó rebufo das informacións xurdidas esta semana arredor da masonería e da francmasonería na cidade, hai quen desexa achegarse ó sempre enigmático, misterioso e hoxe xa non tan inescrutable asunto da masonería ourensá sen ter acceso ós centos de páxinas compiladas por Alberto Valín -coa imprescindible axuda do xove historiador ourensán Pablo Sánchez- como resultado das investigacións levadas a cabo por el nas últimas catro décadas, non ten máis que acudir ó portal da loxa “Ara Solis” da Coruña e ir ó espazo reservado á historia da masonería en Ourense.
Neste espazo, de acceso libre, ademais de coñecer os nomes daquelas loxas principais montadas, non só na cidade, senón nalgunhas das principais capitais comarcais da provincia, poderá ler que, dun xeito parello ó que aconteceu en Lugo, a masonería ourensá soubo sortear o forte poder exercido daquela pola Igrexa e chegar a constituír ata media ducia de espazos dedicados á promoción dos ideais do librepensamento, o progreso e a fraternidade, gracias ó traballo reservado, discreto e cauteloso levado a cabo por “unha clase media ilustrada da que formaban parte moitos intelectuais e profesionais vinculados ó pensamento rexeneracionista de 1898”.
A primeira e probablemente a máis coñecida de todas foi a Loxa Auria, xurdida probablemente no ano 1871 e da que formaron parte, entre outros moitos profesionais, artistas e mesmo militares, á fronte dos cales estivo case sempre “o venerable mestre” Juan Manuel Amor Pereira, eterno responsable da biblioteca de Ourense, membro activo como paleógrafo da Comisión de Monumentos de Ourense e promotor doutros colectivos menos ocultos para a sociedade do momento, coma a “Sociedad Cooperativa de Obreros de Orense”, que lle carrearía máis dun desgusto para unha persoa de carácter sensato, prudente e cauto como era el.
Sen navergarmos polas procelosas augas dobres do río polas que vogou, sirvan unhas notas necrolóxicas publicadas polo xornal “El Miño” o 1 de xullo de 1911 para obter un perfil aproximado deste impertérrito republicano que dende a biblioteca do Instituto ourensán enfocoulle as luces do saber a tantos e tantos correlixionarios.
“El cadáver del respetable señor don Juan Manuel Amor recibió sepultura en el cementerio civil en la madrugada de anteayer, según disposición del finado”.
O xornal laméntase de que o funeral tivese lugar a tan intempestivas horas, o que lle furtou á xente a posibilidade de acompañalo, polo que ó día seguinte os radicais, republicanos e socialistas da cidade quixeron organizarlle unha ofrenda e a piques estiveron de acantazar o bispado e o goberno civil por non permitírllelo.
Nesta mesma loxa militou -entre médicos, militares, funcionarios, avogados ou notarios- o singular pintor Silvio Fernández Rodríguez-Bastos, que foi becado pola Deputación de Ourense para formarse artisticamente en Roma, onde estivo entre 1882 e 1886 e que despois de percorrer Europa e participar en multitude de exposicións, casado en Ribadavia e falecido o seu pai, en 1890 abandona os pinceis de xeito profesional e, segundo publicou Lolín Lira neste xornal, “se dedica al cultivo de sus viñedos en O Ribeiro” e participa activamente “en los movimientos agrarios de Acción Gallega, luchando contra el fraude en el vino y formando parte en la organización de la Asamblea Agrícola Gallega que en 1912 se celebró en Ribadavia”.
É evidente que sería imposible abordar a historia da masonería ourensá nunha soa páxina do xornal, razón pola que me vou limitar a relacionar aquelas que -salvo erro ou omisión- están ben documentadas no “Arquivo da Guerra Civil” de Salamanca.
Ademais de “Auria” a capital acolleu outras loxas ou triángulos como “Auria-Amor” e posteriormente “Amor”, “Universo”, “Aurora”, “Eleusis”, “Adelante” ou “Constancia Nº 13”, unha das máis activas, xa no primeiro terzo do século XX, sen esquecer a “Escuela laica”, que iniciou o propio Juan Manuel Amor e que tería continuidade tamén nos anos 30, ata que chegou o 18 de xullo de 1936 e rebentou toda a actividade masónica, libre ou oculta.
E se isto acontecía na capital, no resto da provincia non era moi diferente, aínda que os colectivos eran, loxicamente, menos numerosos ca na cidade.
Probablemente a máis activa de todas tiña as súas “columnas” instaladas en Ribadavia dende 1890, baixo o nome de “Luz del Avia” e á fronte da cal se atopaba o “orador” de grao 18, Cesáreo Rivera.
Ó mesmo tempo e baixo o mesmo responsable, funcionou durante un tempo un “capítulo” denominado “Unión Ibérica”.
Se ben a súa actividade era completamente oculta ós ollos da poboación, os seus nomes eran luminosos ou rechamantes como “Adalides del progreso” que funcionaba en Verín en 1888 e tiña como responsable ó militar Santiago Gálvez Cañero, contando ademais coa singularidade de ter nas súas filas a dúas mulleres, Araceli Vázquez Cañero e Irene Gálvez Cañero.
O Barco de Valdeorras non foi menos cás outras comarcas vitivinícolas e alí se deron cita entre 1894 e 1936 o “triángulo” “El Brillante”, logo ampliado a loxa, así coma o activo “triángulo” “Marchesí”, co “venerable” Virgilio González ó mando.
Finalmente Celanova, coa impoñente figura de Curros Enríquez dentro da “Auria” ourensá, non podía ser menos e en 1895 -documentada por Pablo Sánchez- conta tamén coa súa propia loxa, de nome “Luz de la Celda” e á fronte da cal se ocultaban o benfeitor noutrora emigrante no Brasil, Carlos Arias, fundador do Hospital de San Carlos e o director de “El Correo de Celanova”, Leopoldo Seoane.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
EL GORDO ESTÁ EN EL BOMBO
¿Con qué números han tocado los premios gordos de la lotería de Navidad? Descubre los más repetidos
Guía para probar suerte en la lotería
Lotería de Navidad 2025, cuáles son las diferencias entre fracción, décimo, número, serie y billete
Lo último