Luís Soto e Castelao nos EEUU e Cuba

CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE

No verán de 1938, o galeguista e cristián Daniel Castelao e o internacionalista e marxista ourensán Luís Soto inician unha xeira ós EEUU e Cuba destinada a recadar fondos a favor da República, que acabaría convertida nunha viaxe cara ningures

Luís Soto, Virxinia Pereira, Castelao e María Docampo nunha imaxe de 1938.
Luís Soto, Virxinia Pereira, Castelao e María Docampo nunha imaxe de 1938.

Que eu saiba, a primeira vez que se fixo pública a devandita carta foi neste mesmo xornal o 12 de decembro de 1999 -hai nada que se cumpriron 25 anos- baixo o título de “Castelao: a tristura do desterrado”. Anos despois, en xaneiro de 2016, o propio Arquivo Histórico provincial de Ourense reproduciuna íntegra nas súas redes sociais.

Trátase dunha misiva de catro folios que Castelao lle escribe o 18 de setembro de 1939, dende Nova York, a Luís Soto -xa establecido en México- e que dalgún xeito serve de corolario de contraposición á tantas veces reproducida viaxe que o Goberno da República lle encargou a Castelao cando xa os ventos do norte agoiraban unha derrota da fronte republicana e que resulta acaído volver rescatar do silencio da hemeroteca porque é demostrativa das profundas contradicións existentes entre as “biografías resumidas” dos grandes persoeiros da historia e as connotacións de carácter persoal que lle dan explicación a tantas decisións aparentemente incogruentes.

A grandes trazos a devandita viaxe de propaganda e recadación de fondos realizada por ámbolos dous ós Estados Unidos e Cuba e que no caso de Castelao durou un ano e medio -no caso de Soto, algo menos-, poderíase cualificar de sumamente exitosa e así aparece nas múltiples referencias biográficas do político rianxeiro, a nada que un lea, sen embargo, algunhas das confidencias que Castelao lle fai a Soto nela, comprobará que non todo o “monte foi ourego” no transcurso dun periplo tan longo como multitudinario.

Para explicalo abonda con reproducir os primeiros parágrafos da epístola, nos que sen introduccións protocolarias, Castelao di: “Querido Soto: Hoxe tiven que tomar unha resolución cos da FPAG (Frente Popular Antifeixista Galego). Acabo de devolverlles os títulos que me deran porque os deshonraron coa súa convivencia con HC (Sociedades Hispanas Confederdas), onde se me inxuria e se me calumnia e onde os anarquistas e socialistas tomaron resolucións que ti non poderías soportar. Como eu son leal e vexo que todo esto é unha merda decidín aleixarme de todos (...) Acabouse todo. Eiquí nada me queda por facer.

E como rematei o meu traballo nos EEUU debo saír d-eiquí sen perda de tempo. Rógoche, pois, moi encarecidamente que xestiones o visado do meu pasaporte no Consulado de México en New York e que, valéndote de quen sexa e como sexa, non me poñan reparos. Polo de agora non necesito máis que eso. Se ti logras a orde de que se me vise o pasaporte non te esquezas de que tamén o necesito para a miña muller. Teño fame de verte, porque non vexo homes en New York e téñome medo a min mesmo. Estou, pois, decidido a marcharme tan axiña como poida conquerir o visado, e despois verei o que fago. Estarei aí unha tempada e logo marcharíame a Chile ou ao Inferno”.

A partir de aí e non sen deixar de declararse “entristecido” porque “a guerra en Europa non vai solucionarnos o problema” e porque “endexamais volveremos a Hespaña e non verei máis á miña nai”, Castelao degraña un estado de opinión moi crítico coa situación xeral, non só de Galicia e de España, senón tamén de Europa e do contexto mundial no marco dunha loita entre o “feixismo e o nacismo” que o leva a estar alerta porque “o nemigo non é máis que o nazismo, é decir, o nemigo dos xudeus, que por seren nazistas verdadeiros non aceptan aos nazistas finxidos”, así como a ser autocrítico cos responsables da causa republicana, que Castelao dá por perdida e “que somentes un feito imprevisto e casual nos pode salvar e despois de salvarnos teriamos que impedir a subida ao poder de todos cantos gobernaron a República, esquecendo os seus nomes”.

Para o galeguista, un dos erros principais deses gobernantes foi o de elixir París como refuxio. Non en van ó seu ver “París é un molde de feituras vellas incompatible coas arelas de renovacion que defendía o pobo hespañol”, entendendo que “o Goberno e as Cortes non tiñan máis que un camiño: o camiño dos emigrantes”, é dicir, América, “o único lugar para unha representación da nosa República”.

O Café Vodka de Valencia, 127 mitins en tres meses e a guía-espía María Docampo

Visto o texto, paga a pena describir tamén o contexto no que se xestou unha viaxe compartida entre dúas persoas aparentemente tan afastadas ideoloxicamente como eran o “galeguista cristián” Daniel R. Castelao e o “internacionalista, comunista de corte marxista e ateo” Luís Soto, pero que se portiñan un sincero aprezo e, no caso de Soto respecto de Castelao, unha admiración infinda.

Castelao e Soto (en primeiro plano) chegaron á Habana o día de San Martiño.
Castelao e Soto (en primeiro plano) chegaron á Habana o día de San Martiño.

O encontro ten lugar no verán de 1937 en Valencia, onde se atopaba o Goberno da República e unha longa ristra de galegos como “Casares Quiroga -di Soto-, Portela Valladares, Suárez Picallo, Alfonso Pazos e todos cantos por sorte quedaran vivos na desfeita dramática de xullo de 1936”. Por alí pasan de cando en vez “Líster e Santiago Álvarez e non hai galego de sona leal que non se achegue ó Café Vodka”, un céntrico local da cidade do Turia que se convertera nunha sorte de centro galego no que tamén se daba cita, loxicamente, Castelao, “decote teimoso pra conquerir a aprobación do Estatuto”. E alí foi a onde lle chegou a Castelao a proposta da viaxe ós Estados Unidos e a Cuba para procurar apoios do gran número de colectivos afectos á República.

Segundo describe Soto na súa autobiografía, aínda que lle propoñen unha terna de galegos para que elixise un como acompañante e secretario e por máis que a Soto, nun principio, non lle apetecera ir, mesmo por razóns sentimentais (acababa de coñecer á que sería a súa segunda muller, Menchu García Jurrieta), perante a peticiòn expresa de Castelao -di el- decide acompañalo pola devoción que o ourensán mantiña polo rianxeiro.

Entre finais de xullo de 1938 e comezos de 1940 (Soto marcharía para México seis meses antes, de aí a referida carta), Castelao e Soto mergúllanse nun esgotador baño de masas, tanto polos Estados Unidos como pola longa illa cubana. “A nosa estadía nos Estados Unidos de punta a punta e de mar a mar-relata Soto-, foi proveitosa. En menos de tres meses demos 127 mitins e conferencias”. En Cuba serían tamén ducias as impartidas durante tres meses.

Un periplo, en fin, do que non quedou máis ca historia e que incluso contaría coa presenza dunha tradutora e guía chamada María Docampo e filla de galegos, que acabou por ser unha espía da CIA e que, para a súa desgracia, rematou os días dunha tráxica maneira.

Pero iso xa é outra historia.

Contenido patrocinado

stats