CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
María Cofán, a Julie Christie española
CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
En pleno desenvolvemento da 31 edición do festival de cine resulta acaído traer a colación a algún ourensán -neste caso ourensá- que devalou polo complexo mundo das artes escénicas, como ten sido o caso de María Cofán Soto, unha moza nacida a mediados do mes de maio de 1940 no casal do matrimonio formado por Antonia Soto e o sarxento de infantería Camilo Cofán e que nos anos sesenta deu o salto ó cine e á televisión, chegando a compartir cartel con nomes que forman parte da historia da sétima arte española.
A primeira referencia informativa que tiven ocasión de consultar sobre María Cofán está datada no mes de marzo de 1958, no Ferrol onde daquela residía a súa familia por estar destinado seu pai nesa cidade, e ten que ver co anuncio dun “gran festival artístico” que ía ter lugar naqueles días no teatro Jofre e que tiña previsto contar coa actuación “estelar de un pequeño artista, futura estrella de la pantalla, José Luis Cofán Soto, de tan sólo dos años de edad”, completando para axustar a información, que é “hermano de la primera figura del cine español, María Cofán”, á que cualifican como “La cenicienta española y verdadera revelación de nuestra cinematografía”.
A presenza de María Cofán nesta noticia era, polo tanto, meramente testemuñal, aínda que xa desvelaba algúns dos valores que a levarían a codearse cos nomes máis ilustres do cine e da televisión daquel momento.
Denantes disto, sen embargo, a moza ourensa pasou por un proceso formativo no que tivo moita importancia a música -ós seis anos xa tocaba o violín-, así como o “Instituto de Investigaciones y Experiencias Cinematográficas”, antecedente da futura “Escuela de cinematografía”, onde recalou despois de ter os primeiros contactos cos sets de gravación, non sen deixar de ter optado a unha praza de funcionaria mecanógrafa no Ministerio de Facenda, pois inicialmente seus pais non estaban moi polo labor de que a súa filla se dedicase a unha actividade tan veleidosa como era considerado o mundo do cine e da televisión.
Para esas xa recibira o premio “Radio Cinema” que concedía Radio Nacional e, aínda que ela indica en varias entrevistas que fora elixida Miss España en 1957, o recoñecemento pola súa exótica beleza chegoulle como “La cenicienta española”.
Como consecuencia, participa con certo protagonismo nas películas “El azar se divierte” e “El ángel está en la cumbre”, dirixidas por Jesús Posada, e con esta bagaxe viaxa a Santiago de Compostela en decembro de 1959 acompañando á súa nai que se desprazara á cidade do apóstolo para ser operada da columna polo doutor Sixto Seco.
A partir desta etapa María Cofán traza os momentos máis álxidos da súa carreira cinematográfica, participando en series de televisión española con actores do calado de Francisco Rey, Fernando Fernán Gómez ou quen co tempo acabaría sendo a imaxe do simbólico Chanquete de “Verano Azul”, Antonio Ferrandis.
Abonda reproducir o que dela ci o redactor de “El Pueblo Gallego” en decembro de 1966 no transcurso dunha entrevista que tamén lle sería realizada en Santiago e onde incluso a chegan a comparar coa mesma Julie Christie:
“María Cofán -di o xornalista- es una de las pocas actrices españolas que deben constituirse en la base del nuevo cine español. Aún no es muy conocida, al menos en la dimensión que deberían reflejar sus cualidades. No se trata de una muñeca, así, sin más, porque hay mucho más. Una fibra de actriz, de buena actriz, temperamental, intuitiva, dúctil. Tiene mucho atractivo... y más clase”.
Estaba chamada a ser unha verdadeira estrela, sen embargo, nun momento dado -nunca desvelou as verdadeiras razóns-, descubriuse como cantante e aínda que lle xurdiron proxectos en Brasil ou Méjico, finalmente desbotounos e comeza a compoñer. Pasa tempadas en Portugal e Italia e céntrase na canción como intérprete en portugués, italiano e grego, ademais, loxicamente, do español.
Centrada máis na carreira musical ca na cinematográfica, ás letras creadas por ela mesma sumoulle composicións do mestre Algueró e de autores coma o portugués Jaime Nascimento, que lle abriron as portas do mercado lusófono, onde acudiu, non só para ofrecer concertos e levar a cabo gravacións de discos en portugués, senón tamén para levar a cabo algunhas interpretacións en series da televisión portuguesa.
En España continúa compaxinando a música coa interpretación, pero agora na televisión, chegando a formar parte do elenco dunha das series máis coñecidas do momento como “La familia Colón”, na que compartiu protagonismo con Fernando Rey ou Lola Herrera.
Humilde, pero chea de ambición -non admitía comparacións con outras actrices internacionais, sobre todo cando destacaban a súa beleza coa de Julie Christie-, en 1966 declaraba nunha entrevista que a súa ilusión era “llegar a ser una gran actriz”, esperanzada de que a súa última película “marcará la trayectoria definitiva de mi carrera”, ó mesmo tempo que se declaraba solteira “y enamorada de mi profesión, que está por encima de todo”.
Sen embargo, poucos anos despois, aínda sen rematar a década dos sesenta, casou cun médico traumatólogo que a deixou viúva e sen descendencia relativamente pronto.
Para superar tan doloroso golpe, María refuxiouse na música, ofrecendo concertos polos catro países latinos, ata que descubriu a Costa do Sol e decidiu mudar a residencia madrileña pola de Málaga, Fuengirola e Marbella, retirándose practicamente da actividade profesional e mudando radicalmente a súa vida.
Malia á condición de galega de Ourense que nunca deixou de ter, mantendo contacto permanente coa súa familia e regresando á esta cidade cando podía, tal como escribiu Lito Seoane neste mesmo xornal no ano 2016, ocupou o seu tempo na literatura e na pintura.
Na primeira das disciplinas, que dalgún xeito xa tiña explorado como compositora de letras musicais, abordou o relato e a novela, chegando a publicar máis dunha ducia de títulos coa temática do amor e incluso achegándose á literatura infantil.
E como válvula de escape para sentir o sosego utilizou a pintura, da que goza aínda hoxe nas paredes da súa casa de Marbella.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
María Cofán, a Julie Christie española
DESARROLLO DEL LENGUAJE
Los logopedas demandan una mayor presencia en el sistema educativo
ORÁCULO DAS BURGAS
Horóscopo del día: lunes, 28 de septiembre
Lo último
TERCERA FEDERACIÓN
Cara para el Atlético Arnoia y cruz para el Barbadás
Ricardo Tena
La caja tonta del deporte
INTENSO Y DISPUTADO
El Arenteiro volvió de vacío de su visita al Pontevedra B (1-0)