Parada Justel e o pintor que puido ser...

CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE

Para a inmensa maioría é o nome dunha céntrica rúa ourensá. Sen embargo, Ramón Parada Justel foi algo máis ca iso. Un mozo que se cadra naceu nun lugar equivocado, nun tempo equivocado, que quixo ser pintor pero só chegou a ser un esbozo.

Imaxes do enterro de Parada Justel depositadas no arquivo do Museo Arqueolóxico de Ourense e realizadas por José Gil.
Imaxes do enterro de Parada Justel depositadas no arquivo do Museo Arqueolóxico de Ourense e realizadas por José Gil. | La Región

O debate aberto -unha vez máis- arredor do traslado temporal do “Guernica” de Picasso ó País Vasco, levoume a pousar a mirada nalgún pintor ourensán dos máis anónimos (se anónimo pode ser aquel que lle dá nome a unha rúa) e malia que a súa figura ten sido abordada por moitos especialistas, non me retraio a colocala nun lugar deste mosaico porque a vida (inxusta con el, levouno ós 31 anos), non lle permitiu desenvolver o potencial artístico e humano que foi forxando para encarar un futuro que nunca deu tocado.

Se nos colocamos no medio da rúa que comunica a de Dr. Fleming coa do Progreso pola beira do edificio de Correos e lle preguntamos a calquera persoa que camiñe por alí se lle soa de algo o nome de “Parada Justel”, é moi posible que conteste que é o nome da rúa pola que vai camiñando.

Sen embargo, se a seguir lle preguntamos a que se dedicaba o tal Parada Justel, aquela maioría descendería moitos enteiros no tocante ó coñecemento da actividade que o inmortalizou na rúa.

E non é de estrañar porque se algunha característica definiu ó infortunado Ramón, esta foi a do seu breve paso pola vida, cousa que non lle permitiu desenvolverse en plenitude naquilo no que se tiña formado concienzudamente e no que todos apuntaban que acabaría sendo un xenio, se non fose que unha enfermidade letal lle estragou o camiño demasiado cedo.

Quen era e a que se dedicaba, logo entón, Ramón Parada Justel? Verémolo de seguido.

Fillo do veterinario de Esgos daquel momento, Cesáreo Parada, e da zamorana de Mombuey Petra Justel, Ramón naceu no fogar familiar de Esgos no mes de marzo de 1871, o mesmo berce no que chegaron ó mundo outros catro irmáns e unha irmá -segundo indica Javier Limia no segundo volume de “Galegos de Ourense”-, logo residentes todos eles na rúa do Progreso cando seu pai trasladou as ocupacións profesionais á cidade na que Ramón e o resto da estirpe estudaron ata rematar o ensino medio no Instituto ourensán.

A diferencia do futuro que tiña reservada para el seu pai, dada a innata habelencia demostrada para o debuxo, non foi compartida por Ramón que renunciou a ser arquitecto por entender que a súa vida tería sentido se se encomendaba ás artes plásticas e cambiaba a frialdade cardinal do cálculo de estruturas pola invocación ás musas e a translación do que os seus ollos vían ou imaxinaban ó escenario máxico do lenzo en branco.

Así foi que, en setembro de 1888, accede ás probas de ingreso na Academia de Belas Artes de San Fernando, logrando ser o número un. Cinco anos de formación na prestixiosa escola madrileña ofrécenlle uns coñecementos técnicos e unha práctica que vai saber explotar na compaña do grupo de amigos que vai atesourando co tempo, comezando por un dos máis íntimos, tamén aspirante a pintor, pero nacido en Noia e discípulo de Sorolla, Jenaro Carrero, o que lle dá a oportunidade de achegarse ó estudo do gran pintor valenciano.

A vida en Madrid sorrille, tal como escribe Modesto Fernández en maio de 1893: “Parada Justel continúa dando rienda suelta a su inspiración de artista y recibiendo las lecciones de sus maestros. Toda su labor se concentra en el pincel y todo su afán se dirige a los grandes modelos del Museo Nacional”.

Alí dedícase a estudar profundamente os secretos dos grandes clásicos, sentindo unha admiración especial por Velázquez e realizando copias de gran mérito ou interpretacións de obras doutros moitos coma Miguel Ángel, Rubens, etc., algúns dos cales vai entregando cada curso na Deputación ourensá como “pago” pola bolsa de estudos que esta lle concedeu nese mesmo ano para viaxar a Roma.

Previamente e non sen antes delinquir por non se presentar ó recrutamento militar, acaba sendo declarado “totalmente inútil” para o servizo, polo que pode continuar coa súa formación na cidade eterna, aínda que finalmente só está un ano, por lle teren negado o acceso nos anos seguintes, o que lle provoca unha gran decepción persoal e o retorno a Ourense.

O clasicismo, o romanticismo e unha morte prematura integrárono na “Xeración doente”

Parada Justel e debuxo de Jenaro Carrero doente, no Museo de Belas Artes.
Parada Justel e debuxo de Jenaro Carrero doente, no Museo de Belas Artes. | La Región

O proceso formativo no que por idade aínda estaba mergullado non lle foi obstáculo para participar, cando menos, en dúas das Exposicións Nacionais que se organizaban en Madrid e nas que compartiu cartel con artistas da talla de Regoyos, Rusiñol, Sorolla ou Cubells, conseguindo varios premios e diversas mencións honoríficas.

A volta á casa sérvelle para recuperar a relación con amigos que deixara máis ou menos afastados ó lanzarse a navegar polas augas nobres da arte durante o periplo madrileño-romano.

Amigos que no caso do boticario José Fernández -segundo relata Javier Limia-, “foi para el unha amizade distinta e próxima”, que non só inmortaliza nos seus debuxos, senón que tamén deixa patente en dedicatorias coma aquela na que lle di: “Al amigo Pepe, como prueba del afecto que le profeso y le profesaré”. O texto escribiuno por tras dun retrato de José lendo un xornal na rebotica.

Pero tanto a vida capitalina, pero provinciana, ourensá como as soidades probablemente buscadas das tranquilas paisaxes de Esgos, non debían saciar a súa sede por lograr transcender como artista e retornou a Madrid, asentando o estudo no barrio norte de Vistillas, aínda que a enfermidade contraída -disque unha tuberculose- xa o rondaba e non lle permitiu moitos azos para continuar evolucionando cara o gran artista que aquel “dandy” que se sabía pintor moito antes de comezar a selo, debería ter sido se o reloxo da vida non se lle parase para sempre o 13 de maio de 1902, deixando moita obra desaparecida, outra nos fondos da Deputación provincial, na Caixa de Aforros de Ourense -hoxe Afundación- e, sobre todo, no Museo Arqueolóxico ourensán, que alí depositou a súa irmá Modesta e que ten ben estudados Belén Lorenzo Rumbao.

Durante ese terzo finisecular no que se mantivo ardente a labarada vital de Parada Justel, deuse a singular circunstancia de que en Galicia houbo outros pintores coetáneos con Parada Justel, clasicistas e románticos coma o seu amigo Jenaro Carrero, o coruñés Joaquín Vaamonde Cornide ou o fillo de Manuel Murguía e de Rosalía de Castro, Ovidio Murguía, que, nacidos tamén nos anos 70 do século XIX, faleceron todos de tuberculose arredor do 1900, o que serviu para que o tamén pintor Felipe Bello Piñeiro os conxugase como a “Xeración doente”.

Contenido patrocinado

stats