Ramón da Merca, o fillo da Teolinda

crónicas de agora e sempre

Hai xentes nas que pesa tanto a circunstancia do lugar de nacemento, que acaban perdendo os patronímicos e quedan prendidos para sempre ó seu xentilicio. Este é o caso de Ramón Rodríguez Conde, para nós e para todos, “Ramón da Merca”

Ramón coa súa nai Teolinda, de quen herdou a popularidade local, que logo espallou a través do “Mesón do Labrego”.
Ramón coa súa nai Teolinda, de quen herdou a popularidade local, que logo espallou a través do “Mesón do Labrego”. | La Región

Era lector asíduo desta serie. Non había luns que non baixara ó seu “Mesón do labrego” (ata que as forzas deveceron e xa non conseguiron manter erguida a súa magra estrutura) á procura do xornal para deixarse sorprender polo protagonista de cada crónica.

A de hoxe xa non a lerá. Pero si que a lerán -e iso reconcíliame con el- todos cantos formaron parte da xenerosa tribo da que se erixiu, dende a mocidade comprometida, nun pioneiro, nunha sorte de Merlín que o sabía todo sobre o clan.

Dedicoulle a vida laboral ó ferrocarril. Sen embargo debeu ser esa a derradeira das ocupacións polas que acabará sendo recordado no entorno natural no que se desenvolveu a, en todo caso, longa traxectoria vital, que foi fundamentalmente a veiga natal da Merca e por extensión a terra de Celanova, na que esta se enmarca e da que el se sentía comprometido partícipe. De feito renunciou permanentemente a posibles ascensos na empresa nacional ferroviaria, é dicir, en Renfe, porque nunca quixo saír de Ourense.

E isto foi porque, loxicamente sen deixar de responsabilizarse das obrigas laborais na estación ourensá, a súa cabeza comezaba a traballar a cotío no que certamente lle interesaba a partir do remate da xornada laboral: as relacións sociais alimentadas a un e a outro lado do mostrador da taberna da Teolinda, a matriarca do clan, logo bautizada como "O Mesón do Labrego"; a procura do saber sobre o vivir dos devanceiros, ese que nos sinala as orixes e que, en cada transmisión oral, en cada oficio, en cada trebello e en cada ferramenta que foi coleccionando ao longo da súa vida, chegou a reunir case catro mil pezas. Todo iso non dende unha perspectiva académica, senón dende a analítica popular, que nos explica dun xeito empírico o porqué das cousas.

Como consecuencia dese interese experimental por coñecer os camiños da vida, que diría Otero Pedrayo, e que levaran ao clan dos tratantes da Merca polo mundo adiante, xa nos tempos da mocidade consciente entendeu que a súa forma de contribuír aos novos tempos que se albiscaban a comezos dos anos setenta era alimentar conciencias. A pequena taberna da matriarca Teolinda transformouna nun foro pioneiro de exploración cultural e de resistencia, ata onde foi posible, tamén política.

Pouco a pouco, a tenda da Teolinda deixou de ser a taberna da matriarca para cederlle protagonismo ao "Mesón do Labrego", aínda que coa Teolinda sempre presente. O local, situado no corazón da vella encrucillada da Merca, converteuse nun espazo cultural, cando os espazos culturais na Galicia da aldea eran pouco menos ca unha fantasía.

De aí á animación teatral houbo só un paso. Así naceu o grupo "Labregos 70", ao que lle seguiron a publicación de "O Trato", a primeira revista editada na bisbarra de Celanova neses anos, a organización dos primeiros concursos de poesía e relato e a creación, en xullo de 1974, do primeiro "Festival da Cantiga Labrega". Nel participaron os impulsores de Voces Ceibes, hoxe parte da historia da música galega, como Miro Casabella, Bibiano, Benedicto e Suso Vaamonde, referentes da canción protesta, cuxas letras subversivas lle custaron máis dunha visita da Garda Civil ao local e algunha multa por menosprezar ao ditador nos seus últimos días.

Coa chegada da democracia, imperfecta para un espírito crítico como o seu, o "Mesón do Labrego", co apoio incondicional de Lolo e Rosita, medrou en espazo e tamén en influencia. Aquel lugar consolidouse como un auténtico punto de encontro e debate, no que nunca daba unha conversa por perdida se con ela conseguía gañar para a causa da Galicia do común a algún dos moitos escépticos cos que compartiu reflexións.

Vinte e cinco mil pesetas de multa por un “can de palleiro”, unhas empanadillas e un epitafio

Superados os anos oitenta, co ferroviario xubilado convertido en empresario de éxito no novo “Mesón do Labrego”, “O Barbas”, tamén así coñecido, non deixou de exercer o oficio de mantedor das ferramentas do clan, senón tamén de lendas e tradicións, de falas e outros saberes, que nos últimos anos foi autopublicando nuns “libriños” titulados Cousas do Ramón da Merca, que nalgún momento alguén deberá compilar para coñecer o ser auténtico que era.

Neles quedan rexistrados sucesos e aconteceres que outros lle contaron a el, pero tamén pensamentos propios estruturados nunha poesía popular que certamente sorprende.

A xeito de botón de mostra, o primeiro que traio a colación é un oficio sancionador do 18 de agosto de 1975, no que se lle impuxo unha multa de 25.000 pesetas por permitir que no II Festival da Cantiga Labrega fose interpretada unha canción de Bibiano, titulada “O can de palleiro”, na que se facía burla da morte inminente do ditador.

O segundo é un dos relatos de vida e morte por el recollidos:

“Estaba un paisaniño na cama, case moribundo, cando lle chegou un arrecendo da cociña que o fixo erguerse como puido. Ó ver que o que lle espertara tanto apetito eran unhas empanadiñas, botoulle man a unha e cando se dispuña a darlle un bocado sentiu un alustro no cocote. Entón, ó ollar cara atrás viu á muller termando dun cazo e cagando a seguinte sentenza: ‘Non se che ocorra comelas, que son pro teu velorio!’”

E o terceiro é un epitafio que amosa ao Ramón iconoclasta que tantos gardaremos na memoria:

“Cando descanse por baixo da lousa/ coa que me tapen, se ó morrer me enterran,/ moitos compañeiros que me sobrevivan dirán:/ Foi un home dunha soa peza./ Foi un home honrado, como houbo poucos,/ amigo dos amigos e bo compañeiro,/ toda a vida viviu case probe,/ pois nunca se vendeu por diñeiro./ Estou seguro de que os que me critican/ e que nunca quixeran que alzara a cabeza,/ serán os primeiros que ó borde da cova/ dirán compunxidos: Amigos, que perda!/ Que consolo, digo eu, poder escoitalos/ dende outros mundos, alén da terra,/ pois esas palabras soarán a falso,/ a hipocresía, a engano, a envexa./ (...) Porque así é a vida, meus caros colegas,/ vives uns anos sen que te comprendan,/ mais cando te teñen ó borde da cova/ repetirán todos as túas sentencias!”

Contenido patrocinado

stats