ORÁCULO DAS BURGAS
Horóscopo del día: miércoles, 13 de mayo
CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
A fracasada viaxe da presidenta madrileña a México, que elevou á categoría de mantra o vello dito de “que carajo se me perdeu alí!”, xunto co confinamento dos pasaxeiros do cruceiro neerlandés, conflúen hoxe ambos neste ourensán que de neno foi botado ó monte por ter contraído a peste bubónica e tan só doce anos despois da chegada de Hernán Cortés a Nueva España arribou a Veracruz e, en vez de dedicarse a mallar nos indíxenas, dotounos de carros, carretas e estradas.
É frecuente que o grao de popularidade do nome dun persoeiro non se corresponda co coñecemento dos merecementos que sobre a celebridade ten a poboación para entender por que ten acadado esa categoría.
Isto é algo que, sen dúbida, lle acontece a este ourensán que hai máis de dous séculos foi elevado a beato e sobre o que, máis alá das terras raianas dos Tres Reinos -onde conservan devotamente a súa memoria- é posible que pasen inadvertidas as asombrosas pasaxes dunha vida case centenaria desenvolvida no complexo contexto da, agora por moitos denostada, colonización do Novo Mundo.
Para decatármonos da insólita dimensión acadada non hai máis ca ir ó primeiro tomo de “Galegos de Ourense” e, na recensión elaborada polo historiador Jesús de Juana, ler que se trata “dunha longa vida cronolóxica, ao tempo que chea de aventuras incribles, máis propias dunha imaxinaria e fantasiosa película de acción que da que se espera dun home santo, que un pensa dedicado á oración”.
Para comezar a constatalo diremos que, logo de ter nacido en 1502 e crecido no humilde fogar dos veciños da Gudiña, Juan Aparicio e Teresa Pardo, e ter comezado moi pronto a familiarizarse coa dureza dos traballos do campo, cando andaba polos catorce anos o contaxio da peste bubónica condenouno a a ser confinado nunha casoupa da montaña a onde acudía recorrentemente a súa nai para mantelo e onde unha loba comezou a visitar a choza e, ó lamberlle as feridas, acabou provocando a súa curación.
É posible que a forte constitución -disque ademais era ben parecido- o axudara a superar a grave doenza e, unha vez san, optou por abandonar a aldea e dirixirse cara o sur, atraído polo que as xentes falaban sobre o novo mundo.
Asentou un tempo en Salamanca, na casa dunha acaudalada viúva coa que seica tivo amores, como amores tivo, un tempo despois, coa filla doutro facendado, en Zafra, onde tamén traballou como xornaleiro e coidador do gando, así como en Sanlúcar de Barrameda, onde asentou durante sete anos e onde tamén mantivo relación coa filla do amo e con outra moza de Ayamonte, razón pola que igualmente se viu na obriga de fuxir.
Andaba xa polos trinta e tres anos cando se lle presentou a oportunidade de marchar e no ano 1535 recala no porto de Veracruz, tan só doce anos despois de telo feito o todopoderoso Hernán Cortés.
O rexo traballo nas terras non lle deu pé para ir á escola, polo que nunca aprendeu a ler nin a escribir, o cal non lle resultou óbice para percibir oportunidades de negocio que outras xentes letradas non detectaban, polo que, ó comprobar que o transporte de mercadorías entre o porto marítimo de Veracruz e a cidade de México era feita a pé con fieiras interminables de indíxenas con fardos ás costas, sumados a incontables recuas de mulas, lembrou o chiar dos carros na aldea, así que comezou a construílos e logo perfeccionalos, engadíndolle a elo a virtude innata que posuía para amansar os bois e os cabalos, ata conseguir establecer un pioneiro sistema de transportes que ó paso de non moito tempo converteuno en “Aparicio el rico”.
No tempo que mediou ata cumprir os cincuenta anos centrouse na mellora do negocio, decatándose de que o futuro non estaba só na adaptación das carretas ó territorio, senón na adaptación da orografía ás carretas para facilitar a circulación das mesmas, chegando a abrir unha estrada de 750 km entre Ciudad de México e Zacatecas, que viría a ser a primeira vía comercial de América.
Aparicio residiu nese tempo en Puebla de los Ángeles, logrando unha auténtica fortuna para a época a partir da aparición das minas de prata de Zacatecas e da necesidade de transportar esta dende esta cidade ata a que sería a capital do novo estado.
Sen embargo, cando cumpriu o medio século decidiu darlle un xiro á vida. Vendeu as carretas que posuía e mercou unha facenda na que se dedicou á cría do gando e á agricultura.
Disque para aquela tiña feito voto de abstinencia. Sen embargo, dez anos despois casou cunha moza moito máis nova, aínda que co compromiso de non consumar o matrimonio. A moza morreu tan só un ano despois. Logo volveu casar, mantendo o mesmo voto de non ter relacións maritais, pero tampouco a segunda durou moito, ó falecer vítima das feridas que lle ocasionou a caída dunha árbore, uns din que collendo froita e outros que querendo fuxir da finca na que Aparicio a pechaba cando abandonaba a facenda.
Viúvo por dúas veces, só e enfermo, optou por vender todo canto tiña, logrando un patrimonio de 20 mil pesos que llos entregou ás monxas de clausura de Santa Clara -contan que reservou mil pesos para un “por se acaso”- pasando a residir nese convento como porteiro e criado co único fin de afondar na vida espiritual.
Por esta razón -andaba xa nos 72 anos- pediu entrar na comunidade franciscana, pero o feito de non saber ler nin escribir e descoñecer, polo tanto os oficios relixiosos provocou a negativa dos reitores da abadía, ata que, por fin, o 9 de xuño de 1574 tomou o hábito de novicio e un ano despois fixo profesión de fe que tivo que ser asinada por outro monxe, sendo destinado ó convento Santiago de Tecali, moi preto de Puebla, lugar ó que regresaba con 73 anos.
Nese convento dedicouse a gardar a portería, atender a cociña e a horta durante un ano, denantes de que o enviasen ó gran convento de “Las Llagas de nuestro Seráfico Padre San Francisco” de Puebla, exercendo de esmoleiro, o que o converteu nun auténtico mendicante á captación de víveres e provisións para unha comunidade de máis dun cento de freires.
Unha actividade que o converteu en “carretero de Dios y de los pobres”, ata os 95 anos nos que o corpo non lle deu para máis. Morreu ós 98 e ese corpo permanece hoxe incorrupto na igrexa poblense de San Francisco.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
ORÁCULO DAS BURGAS
Horóscopo del día: miércoles, 13 de mayo
USO ILEGÍTIMO EN SUS PLATAFORMAS
La UE falla contra Meta y reconoce el derecho de los medios a una "remuneración equitativa" por sus contenidos
Lo último
LOS TITULARES DE HOY
La portada de La Región de este miércoles, 13 de mayo
10 DE MAYO, "DÍA CERO"
Sanidad aprueba el protocolo para el hantavirus: cuarentena y medidas