José Pardo Babarro, o oculista libertario
Non gozou de tempo suficiente para desenvolver o potencial humano que atesouraba. Aínda así deixou pegadas que paga a pena rescatar dun mozo que se fixo mestre e médico oculista e profesou un pensamento libertario que fendeu a guerra civil. A conmemoración anual do “Día do Traballo” pediume traer a colación a estas páxinas a algún sindicalista ourensán deses ós que o inexorable paso do tempo ocultou por baixo dun manto de silencio. A oportunidade concedéronma por unha banda o psiquiatra e historiador David Simón e pola outra o historiador Dionisio Pereira, que hai anos que o rescataron dese silencio e agora permítenme a min reactualizalo, porque, se ben a súa vida foi curta -morreu con 27 anos- non foi, nin moito menos, desperdiciada.
Nacido en 1911 non seo dunha familia, digamos “eufónica” -seu pai chamábase Leodegario e súa Contemplación-, orixinaria por parte paterna de Vilar de Vacas (Cartelle), dedicado ó negocio da madeira e do transporte de mercadorías dende un local da rúa do Progreso da capital, José aproveitou a proximiade do fogar coa primeira sede da Escola Normal e fíxose mestre, coincidindo, entre outros compañeiros e compañeiras, coa poeta Pura Vázquez, coa que disque mantivo unha estreita relación de compañeirismo e amizade.
Sen embargo, esa formación non encheu a súa avidez intelectual e, unha vez rematada aquela, matriculouse en Medicina en Santiago de Compostela, para desprazarse logo a Madrid e naquela Universidade Central finalizar o doutoramento na especialidade de Oftalmoloxía, chegando a ocupar a praza de médico residente da cátedra desa especialidade, entre os anos 1934 e 35.
Así é como recolle David Simón os primeiros datos académicos da súa esixua biografía, en varios traballos que se ven compilados en dúas entradas do seu coñecido blog “diario de un médico de guardia”, no que ten rescatada a vida dos máis destacados médicos ourensáns ó longo da historia.
José Pardo, é, sen dúbida, un deles e non xa pola obra médica desenvolvida, nin pola investigación científica -porque como temos dito, faleceu moi novo-, senón pola súa singularidade no campo da política, da que se ten ocupado o historiador Dionisio Pereira.
Coincidindo coa chegada a Santiago e como consecuencia, se cadra, da formación inicial recibida en Ourense na academia do mestre socialista Manuel Sueiro, pronto toma contacto con outros compañeiros de carreira cos que comparte unha ideoloxía progresista, pero que no seu caso acaba evolucionando cara posicionamentos máis radicais, o que o leva a participar na fundación do “Sindicato de Sanidade”, próximo á CNT compostelá e formado basicamente por estudantes de medicina, segundo informa o blog “sobre la anarquía y otros temas”.
A chegada a Madrid, exacerba loxicamente os fundamentos ideolóxicos ligados ó anarquismo que cementara no “Ateneo de Divulgación Social de Orense” e nunha tertulia que mantiña cos seus correlixionarios no café “Barca” da capital ourensá, e na gran cidade afonda na colaboración coa prensa representativa na capital, dándolle continuidade así os primeiros artigos editados en Santiago, en cabeceiras como “Solidaridad obrera” ou “Brazo y cerebro”, publicada neste caso na Coruña e na que mantivo unha sección pioneira que se centraba na reflexión arredor de temas relacionados coa sexualidade.
Son, en todo caso, traballos de investigación científica, que se conxugan con outros de reflexión política. Os meros títulos dalgúns deles son certamente expresivos e esclarecedores, ademais -coma no caso da sección de sexualidade- pioneiros e alternativos.
“Biología de la revolución”, “En defensa del sindicalismo revolucionario”, son dous exemplos perfectamente válidos. Se ben, no aspecto no que rompeu moitos esquemas, non só na ideoloxía conservadora e achegada á igrexa católica, foi na súa defensa do dereito ó aborto que tiña a muller, que publicou en febreiro de 1936 e que provocou un gran debate incluso nos sectores máis progresistas, que daquela analizaban este tan delicado tema dende unha perspectiva menos aperturista e menos garantista para a muller.
Un anarquista enrolado como alférez médico na brigada franquista dos “Flechas Azules”
En 1935 o doutor Pardo Babarro regresa a Ourense e establécese, primeiro compartindo a clínica do doutor Casto Rodríguez Otero e logo abrindo clínica propia como oculista, tal como informa este xornal no mes de agosto, destacando que regresa, despois de ter conseguido “una esmerada preparación en la especialización al lado del oculista madrileño, doctor Márquez, de fama ya mundial”.
Faino, non sen antes ter sorprendido á parroquia científica galega cun traballo sobre “El glaucoma en sus relaciones con la patología general”, presentando nas xornadas médicas Galaico-Portuguesas que tiveron lugar en Ourense en setembro do 35.
A partir dese momento os seus anuncios na prensa son habituais, por non dicir cotiáns, presentándose como oculista “ex titulado del Instituto Oftálmico Nacional” que consulta e opera na rúa Progreso 23, a carón da Escola Normal, é dicir, no domicilio familiar.
Unha peculiaridade que define a súa personalidade, así como o compromiso co seu ideario, é que ó mesmo tempo que se anuncia, tamén informa dos descontos do cincuenta por cento ofrecidos ós seus correlixionarios da CNT.
Se a iso se lle une o feito de que o seu nome aparece no listado de mestres suspendidos de emprego e soldo en agosto do 36 -aínda que nunca exerceu a docencia-, causa estrañeza que tralo golpe de estado franquista, Pardo Babarro apareza -posiblemente non lles quedase outro remedio-, xunto con outros medicos ourensáns como Peña Rey, Ramón Mosquera, Parada Justel, César Saco ou Alejandro Meruéndano, entregando medicamentos no Colexio Médico, “con destino a las necesidades del Ejército Nacional”.
E máis estrañeza causa o panexírico que o nove de outubro de 1938 foi publicado neste xornal, baixo o epígrafe “muerte de un héroe”, informando de que “en el frente de combate -sen especificar cal- con el singular heroísmo que caracteriza a esta pléyade de bizarros soldados imperiales, dio su vida por Dios y por la patria a la edad de 27 años, don José Pardo Babarro, alférez médico de Flechas Azules”.
Contra esta versión, David Simón e outros investigadores poñen en dúbida a súa morte ocasional na fronte de batalla e din que “hai datos contrastados que apuntan a que a súa morte foi deliberada e provocada polas tropas franquistas”.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
ORÁCULO DAS BURGAS
Horóscopo del día: lunes, 4 de mayo
MODA Y TENIS
Entre fuerza y estética: el fenómeno Naomi Osaka