Estas son as finalistas a Palabra do Ano 2024

REAL ACADEMIA GALEGA E FUNDACIÓN BARRIÉ

A Real Academia Galega abre a votación para elixir a Palabra do Ano 2024, con finalistas como "aparvar(se)", "cantareira", "dina", "emerxencia climática", "fala" e "meu", que reflicten temas de actualidade e o compromiso coa lingua galega.

Publicado: 11 dic 2024 - 14:41 Actualizado: 11 dic 2024 - 15:55
As palabras finalistas para ser a Palabra do Ano 2024. (Foto: RAG)
As palabras finalistas para ser a Palabra do Ano 2024. (Foto: RAG)

A Real Academia Galegaabriu a votación popular para elixir a Palabra do Ano 2024, entre finalistas como aparvar(se), cantareira, dina, emerxencia climática, fala e meu. Estas palabras reflicten temas de actualidade como o impacto das redes sociais, a crise climática ou a revitalización do galego.

"Aparvar(se)" alerta sobre a perda de atención causada polas redes; "dina" remite á devastadora depresión atmosférica que afectou á Comunitat Valenciana, e "emerxencia climática" subliña a urxencia de acción global. "Cantareira" homenaxea as mulleres da poesía oral popular, foco das Letras Galegas 2025. "Fala", sinónimo de lingua galega, simboliza o desexo de reverter a perda de falantes. Finalmente, "meu" propón unha alternativa afectiva ao anglicismo bro. A votación está aberta ata o 25 de decembro no Portal das Palabras.

Nas edicións anteriores foron elixidas cibercarracho (2023), comadre (2022), tanxugueiras (2021), nós (2020), sentidiño (2019), deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016) -coincidindo co centenario das Irmandades da Fala-, refuxiado (2015) e corrupción (2014).

Vota pola túa favorita

Poderás votar pola túa favorita en portaldaspalabras.gal na sección de palabras do ano.

O Portal das Palabras é o proxecto da RAG e a Fundación Barrié para a modernización do tléxico galego e a divulgación do galego. Cada semana ofrece xogos e outros contidos divulgativos que mostran realidade cotiá da lingua e a actualidade dun xeito ameno. A palabra do día é unha das seccións deste espazo aberto ao diálogo.

Ademais do Portal das Palabras ofrecen ao público o Ximnasio Léxico, unha aplicación de xogos do Dicionario, dispoñible para dispositivos Android e iOS.

Contenido patrocinado

stats