VIDA OURENSANA
Trazos culturais galegos que condicionan a lonxevidade
VIDA OURENSANA
Os xeitos particulares dunha colectividade para adaptarse a un medio común apréndense por experiencia propia pero, sobre todo, por experiencia allea ou vicaria, imitación de modelos e transmisión oral. É o que se pode denominar o “ethos cultural” ou conxunto de trazos do comportamento colectivo. No estudo de Ourensividade sobre a lonxevidade na provincia de Ourense entrevistamos a 115 persoas de máis de cen anos e chegamos a identificar un mínimo de cinco trazos de personalidade colectiva propios da cultura tradicional galega que teñen efecto demostrado na duración da vida. No centro de todos eles está a laboriosidade. Tamén unha paradoxal forma de xerar redes de apoio, mestura dunha introversión continua centrada na familia e unha extraversión intermitente orientada á comunidade, que ben puidese denominarse “colectivismo individualista”. E logo, na proximidade doutras culturas lonxevas, podemos falar de resiliencia, afabilidade e “cultura do sentido común”, concepto para o cal aquí se usa -e abusa- do substantivo “sentidiño”.
Estes patróns de conduta funcionan a modo de fíos que unen e entrelazan elementos favorecedores da saúde e, xa que logo, da lonxevidade. Un exemplo é a laboriosidade. Constitúe unha característica nuclear da xeración lonxeva galega -aquela que naceu antes de 1950, por poñer un punto de corte-. Aparece como o trazo de personalidade máis significativo nas persoas centenarias entrevistadas e foi constatado por pensadores e antropólogos. Esta maneira de actuar é aprendida e reforzada na comunidade, que censura a quen non traballa e ten máis de dez adxectivos para ridiculizar ao preguiceiro. Vexamos como este trazo opera a modo de nexo de varios “alimentadores” da lonxevidade. En primeiro lugar, o traballo é eminentemente material, o cal garante unha actividade física mantida, diaria e moderada. En segundo lugar, a organización dos horarios de sono e de vixilia arredor do traballo obriga a unha vida máis ou menos metódica que segue os ciclos naturais das colleitas. Ademais, a laboriosidade implica obtención de produto, aínda en condicións adversas, suficiente para evitar a pobreza alimentaria e garantir a achega proteica necesaria. Actúa tamén de maneira sinérxica con outras calidades favorables, como o sentido común, pois o afán de produtividade non resulta moi compatible con certas condutas que non entran dentro do código do sentidiño, como asumir riscos innecesarios para a vida ou para o patrimonio. Beber en exceso, engulir de máis, usar drogas, cometer imprudencias ou descoidar a saúde son condutas penalizadas, asemade, pola laboriosidade e polo sentidiño. E todas estas penalizacións actúan no sentido de favorecer a supervivencia. O sentidiño en si mesmo, concepto que no ámbito anglosaxón se corresponde co “conscientiousness”, está estudado como un dos grandes trazos de personalidade que favorecen a saúde.
A afabilidade é outra característica nomeadamente galega, que oscila entre dimensións moi aclamadas na tradición literaria, como a benignidade de carácter sinalada por Roberto Arlt, ata a mansedume censurada por Castelao; e desde a hospitalidade co forasteiro deica a “xenofilia” criticada por Losada Diéguez. O caso é que o galego é conceptuado dentro e fóra dos lindes como unha persoa afable, e mesmo se acuña o estereotipo do “galego riquiño”. Sendo adecuada ou non esta característica para outros obxectivos, o certo é que a afabilidade xera modelos de relación de baixo conflito coa comunidade e está considerada un trazo de personalidade protector da saúde, nalgúns estudos incluso por riba de actitudes como a extroversión ou a apertura á experiencia. A espiritualidade, elemento moi debatido en canto á súa influencia na lonxevidade, está presente de forma constante pero peculiar na xeración lonxeva galega. Mantén unha compoñente crencial importante, pero moito menos devocional que noutras sociedades arraigadas nel catolicismo. A función da relixiosidade na xestión do estrés non está clara. Pode xogar un papel de atenuante e xerador de esperanza e compensación pola adversidade. Do que non hai dúbidas é do papel socializador da relixión a través do folclore. A festa, a misa, o enterro, son oportunidades periódicas e case obrigadas de interacción entre os membros da comunidade, que reforzan e apuntalan a rede social de apoio. Outro trazo con bibliografía abondo para demostrar vantaxe evolutiva é a resiliencia, entendida como a capacidade de adaptarse a situacións estresantes ou como a facilidade de recuperación fronte ás adversidades. A resiliencia estúdase hoxe como un dos mecanismos máis eficaces na xestión do estrés. Coñecemos todas as implicacións que ten o estrés crónico nas enfermidades inmunolóxicas, cardiovasculares, na orixe da depresión e na iniciación do cancro. E sabemos que o galego da xeración lonxeva foi adestrado na resiliencia desde pequeno. Medrou nun ambiente de resiliencia, convivindo coa morte inevitable de irmáns ou co pasamento prematuro das nais e dos pais. Con frecuencia tivo que adaptarse ao maior dos cambios que pode experimentar unha persoa, a emigración, que supón mudar de terra, de clima, de idioma, de traballo, de amigos e, ás veces, de familia. E foi exercitado, ademais, a través da complexa cultura funeraria galega, a prepararse para a situación que, filosoficamente, máis estrés xera ao ser humano: a morte.
A globalización cultural do século XXI liquida ou modifica moitas destas variables do comportamento colectivo. A cultura da austeridade, da laboriosidade e, ás veces parece que tamén a do sentidiño, está deixando de dar mostras de existencia en favor de actitudes sociais gobernadas por outros intereses máis centrados no consumo. De feito, a lonxevidade nas zonas azuis está a desacelerarse e equipararse coa súa contorna, en parte pola desaparición da especificidade cultural. Porén, tamén hai boas noticias. A precariedade que xerou eses trazos culturais xa desapareceu, polo menos no noso medio. A pobreza non é unha condición necesaria para adestrar persoas na frugalidade, na resiliencia e no amor polo traballo. Eses valores tamén se poden transmitir mediante a educación. Recoller os valores positivos da nosa cultura e transmitilos aos nosos fillos é un proceso que depende de nós. A prescrición cultural talvez sexa tan importante coma insistir unha e outra vez nos hábitos de saúde.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
VIDA OURENSANA
Trazos culturais galegos que condicionan a lonxevidade
DE PEREIRO DE AGUIAR
Ourense se lleva el Miss Vaca 2026: conoce a Paloma, su protagonista
ORÁCULO DAS BURGAS
Horóscopo del día: sábado, 27 de junio
Lo último