Natureza e compromiso mesturados con lecer
VOLUNTARIADO AMBIENTAL
Voluntarios de todas as idades únense en Trives para limpar e coidar a natureza dentro do Programa de Voluntariado Ambiental Interxeracional da Xunta. Recolléronse máis de 220 quilos de lixo nunha fin de semana de compromiso e aprendizaxe no medio natural.
A natureza da Pobra de Trives recibiu unha boa dose de coidado e respecto grazas ás actuacións de limpeza impulsadas dentro do Programa de Voluntariado Ambiental Interxeracional da Xunta. Foron dúas xornadas intensas nesta pasada fin de semana nas que quince persoas voluntarias, acompañadas por dous monitores da asociación medioambiental Amabul, deron vida a unha actividade que mestura acción ambiental, convivencia e aprendizaxe no medio natural.
A iniciativa ofrece preto de 400 prazas para persoas voluntarias que, entre maio e outubro, participarán en 28 actuacións repartidas por 22 espazos naturais protexidos. As intervencións abranguen enclaves como o Parque Nacional das Illas Atlánticas, os parques naturais da Baixa Limia – Serra do Xurés, o Complexo Dunar de Corrubedo ou O Invernadoiro-. Tamén en monumentos naturais como o Pregamento xeolóxico de Campodola-Leixazós, ou o Bosque de Catasós, e en paisaxes e humidais protexidos como os Penedos de Traba, a Ría de Ortigueira ou o Val do Navea, espazo no que se enmarca a actividade realizada esta fin de semana na Pobra de Trives.
O sábado, a intervención centrouse no río Fiscaíño, onde se recolleron nada menos que 170 quilos de residuos. Ademais da limpeza en si, os participantes dedicaron parte do seu tempo a xeolocalizar vertedoiros para futuras actuacións. A xornada do domingo desenvolveuse na contorna de Ponte Cabalar, cunha andaina de 4,5 quilómetros durante a que se retiraron 50,6 quilos de lixo, maioritariamente plásticos. Como subliñou Miriam Miramontes, coordinadora de Amabul, “parecen poucos kilos, pero cando falamos de plásticos é unha cantidade importante”. A propia Miriam quixo agradecer a colaboración do concelleiro Fermín Santoveña, destacando que as bolsas de lixo foron recollidas por Conservación de Estradas grazas á xestión do Concello de Trives.
Estas actuacións ambientais non son só unha oportunidade para mellorar o entorno, senón tamén para descubrir os espazos naturais protexidos de Galicia desde unha perspectiva activa e participativa. Por unha parte fan o traballo de voluntariado limpando, pero tamén aproveitan para coñecer espazos protexidos de Galicia. “É moi gratificante, mesturas lecer con axudar”. Dentro do programa, inclúese tamén o coñecemento de proxectos que naceron no rural, e neste caso, o grupo tivo ocasión de visitar a Finca da Mata, no concello de Manzaneda.
Miriam tamén aproveitou para facer unha chamada a participar en iniciativas coma esta: “Gustaríame que estas actividades chegaran a máis xente e pouco a pouco todos contribuamos”. As persoas interesadas en inscribirse no Programa de Voluntariado Ambiental Interxeracional poden facelo a través do espazo habilitado na páxina www.voluntariadogalego.org.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
PROTECCIÓN A LOS MENORES
Prohibir las redes sociales a menores de 16 en España: lo que falta por saber
SIN SERVICIO EN VIGO
Ourense y Vigo, sin conexión por tren debido a la borrasca Leonardo
RELACIONES INTERNACIONALES
Cantabria explora nuevas oportunidades comerciales con El Salvador