Chega o “Pincho Irmandiño”, un concurso gastronómico con ingredientes medievais

VIAXE AO PASADO

A carreira de obstáculos de Verín e Monterrei, "A Revolta Irmandiña", vén de presentar o seu concurso de "pinchos irmandiños" con ingredientes medievais

Javier M. Quintas, Ánxeles Sierra e José Prado, co cartaz do novo concurso.
Javier M. Quintas, Ánxeles Sierra e José Prado, co cartaz do novo concurso. | Ktorce

A gastronomía e a historia únense no novo concurso “O Pincho Irmandiño”, unha iniciativa gastronómica no marco da carreira de obstáculos A Revolta Irmandiña, que terá lugar o 22 de xuño.

O certame chama a tódolos establecementos hostaleiros de Verín e Monterrei a unirse con propostas culinarias que empreguen exclusivamente ingredientes coñecidos en Galicia antes do descubrimento de América, polo que quedan excluídos produtos habituais hoxe como a pataca, o tomate ou o pemento.

Cada establecemento poderá presentar unha única proposta, quente ou fría, a un prezo fixo de 2,50 euros, e esta deberá estar dispoñible para a clientela os vindeiros 19, 20 e 21 de xuño.

Os comensais poderán votar polos seus pinchos favoritos cun QR. O No acto de clausura d’A Revolta Irmandiña entregaranse un premio de xurado á proposta que aúne sabor, presentación e rigurosidade histórica, e sortearase un bono de 100 euros entre tódolos que voten.

Participación aberta

Os locais que queiran participar poden inscribirse ata as 20,00 horas do 12 de xuño, enviando un correo a arevoltairmandinha@ktorce.gal, cos datos do establecemento e do responsable, máis unha foto, o nome e os ingredientes do pincho.

Contenido patrocinado

stats