Circo no Camiño pecha en Verín cun cheo total

TRES DÍAS DE ACTIVIDADES

A carpa estivo chea durante os tres días de programación de actividades

O mago Teto durante a súa actuación.
O mago Teto durante a súa actuación. | C.A.

Circo no Camiño pechou a súa primeira parada en Verín cunha excelente resposta do público. Durante os tres días de programación, a carpa estivo chea en todos os espectáculos. A maioría dos abonos vendéronse por anticipado e os últimos despacháronse na billeteira situada á entrada do recinto.

O festival ofreceu unha programación variada, pensada para todos os públicos, na que se combinaron o circo, a maxia, o humor e a música. As actuacións de Zirko Txosko, a Gran Gala Circo no Camiño, Uxía Lambona e a Banda Molona e Galerock’n’Magic, de Mago Teto, conseguiron encher a carpa de aplausos e risas.

A actividade tamén chegou ás rúas de Verín cos pasarrúas gratuítos de Troula, que levaron a animación a diferentes puntos da vila. Ademais, o festival coincidiu coa celebración do magosto, sumándose así ao ambiente festivo da localidade.

Aínda que o tempo non acompañou durante toda a fin de semana, os momentos sen chuvia permitiron celebrar todas as actividades previstas. Deste xeito, o circo saíu da carpa para achegarse á xente e formar parte da vida da vila.

Desde a organización destacan a boa acollida desta primeira parada e agradecen a participación e o entusiasmo do público de Verín, que respondeu de maneira masiva á proposta.

Despois desta primeira experiencia en Verín, Circo no Camiño continuará o seu percorrido por Galicia. A seguinte parada será Lalín, do 20 ao 22 de novembro; despois chegará á Estrada, do 27 ao 29 de novembro, e finalizará en Santiago de Compostela, do 3 ao 6 de decembro.

O interese polo festival tamén se reflicte na venda de entradas. De feito, os abonos para Santiago de Compostela xa están esgotados. Por iso, a organización recomenda non agardar ata o último momento para conseguir os das próximas localidades.

Os abonos teñen un prezo de 10 euros por persoa e permiten asistir aos catro espectáculos que se celebran baixo a carpa durante a fin de semana. Os pasarrúas, pola súa banda, son gratuítos e están abertos a todo o público.

Toda a información sobre o festival e a venda de entradas pode consultarse na páxina web circonocamiño.gal.

Circo no Camiño conta co patrocinio da Xunta, a través da Axencia de Turismo de Galicia e do Xacobeo 2027.

Contenido patrocinado

stats