Concello e PP de Verín chocan polo financiamento da mellora da depuradora

MODERNIZACIÓN DO SANEAMENTO

O PP de Verín denuncia novamente a perda dunha subvención de case 700.000 euros, mentres que o Concello apunta que agora a achega municipal do investimento non será do 50%, senón de apenas o 2,25%

Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Verín.
Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Verín. | La Región

Despois de poñer de manifesto a recente renuncia de fondos europeos para construír a escola infantil, o PP de Verín sinalou este martes a perda dunha axuda de 663.994,76 euros do Fondo de Cooperación Local para a Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR), contía que tiña previsto financiar o 50% da mellora da liña de auga e da eficiencia enerxética. Os populares sosteñen que “a nula xestión do grupo de goberno ocasionou que nin se executara nin se xustificara en tempo e forma” antes da data límite do 15 de novembro.

O Concello rebatiu aos populares asegurando que o proxecto conta agora con “mellores condicións económicas”, ao pasar dun esquema no que a vila asumía a metade do custo, a outro onde “o 97,75% do investimento está cuberto a través de fondos da senda Feder, da Xunta e da Deputación”, deixando a achega municipal nun 2,25%.

O goberno local xustifica este cambio de estratexia pola demora na autorización da Confederación Hidrográfica do Duero, que “non foi emitida ata 14 meses despois da súa solicitude e, unha vez recibida, licitouse inmediatamente a obra”. Engaden que “resulta difícil comprender que haxa quen, tras máis dunha década na oposición sen achegar propostas construtivas, sigan optando por xerar alarmas infundadas”.

O PP insiste en que “non só hai que anunciar subvencións senón que hai que ser capaces de executalas”, e cren que é “paradóxico” que se anuncien novos fondos externos mentres se perden axudas.

A EDAR, lista en abril

O Concello di que os traballos están en marcha, rematarán en abril e céntranse na “substitución de maquinaria obsoleta por novos equipamentos de alta eficiencia”. O alcalde, Gerardo Seoane, defende a xestión sinalando que “a obra execútase, o investimento mantense e Verín sae gañando”.

Contenido patrocinado

stats