O Concello de Verín engade 22 prazas ao Obradoiro do Cigarrón pola gran demanda

FIGURA SENLLEIRA

A gran demanda veciñal obriga a ampliar ata os 66 cupos a participación na iniciativa municipal para aprender a elaborar o traxe tradicional do Entroido de Verín

O mestre artesán Álvaro Ferreira -de pé- nunha aula de elaboración da careta.
O mestre artesán Álvaro Ferreira -de pé- nunha aula de elaboración da careta. | C.L.M.

A paixón que esperta a figura protagonista do Entroido verinense e a gran acollida da nova edición do Obradoiro do Cigarrón levaron ao Concello a anunciar unha ampliación das prazas dispoñibles, despois de que a semana pasada se completasen en apenas un día as 44 ofertadas inicialmente.

Deste xeito, sumaranse 22 novos cupos para dar resposta ao gran número de veciños interesados en aprender estes oficios tradicionais. A modalidade de elaboración da careta suma 12 prazas, acadando os 36 participantes, mentres que a de confección do traxe gaña 10 novas prazas ata chegar ás 30.

Prazo aberto ata o venres

O novo prazo de inscrición abre este mércores ás 9,00 horas, e permanecerá aberto ata este venres, 2 de outubro, ás 14,00. As solicitudes adxudicaranse por orde de chegada e poderán tramitarse presencialmente no rexistro do Concello ou de xeito telemático na sede electrónica. Os prezos mantéñense en 120 euros para o obradoiro completo e 85 euros para quen opte por unha única modalidade (só careta ou só traxe). O Obradoiro arrancará na Casa da Xuventude o vindeiro luns, 5 de outubro, e estenderanse ata o Xoves de Compadres.

Contenido patrocinado

stats