María Solar, xornalista: “Buscaba un pazo para as vampiras da novela, e Verín é máxica”
ENTREVISTA
A xornalista na TVG María Solar compaxina a televisión coa escritura infantil e xuvenil, pero tamén para adultos. No 2022 recibiu o Premio Xerais de Novela pola súa obra "A culpa"
Coordinadora dos contidos dos programas culturais da Corporación Radio Televisión de Galicia e presentadora e directora do programa cultural da TVG Zigzag Fin de Semana, María Solar (Santiago de Compostela, 1970) atesoura igualmente unha longa traxectoria como escritora, sobre todo no eido infantil e xuvenil.
Recentemente pasou por varios centros verinenses presentando a súa nova novela, “Adeline”, homenaxe á historia gótica irlandesa “Carmilla”, a primeira vampira da literatura e precursora de Drácula, e que transcorre en Verín.
Pregunta.Regresa á narrativa xuvenil cunha historia de vampiros.
Respuesta.Tento ir combinando, polo que “Adeline” naceu despois de gañar o Xerais con “A culpa”, que é para adultos e moi dura. Apetecíame escribila porque a tiña na cabeza dende que lera “Carmilla”, de Sheridan Le Fanu, hai moitos anos. Malia adiantarse 25 anos a “Drácula” e instaurar o xénero vampírico, esta devorouna. Carmilla é unha rapaza adolescente e vampira que seduce a outra adolescente. Impresionoume ler iso e ver que era de 1872, polo que me propuxen escribir algo actual, pero que fora sobre vampiros. Xoguei con “Carmilla” e manteño algúns elementos, pero non está baseada nela.
P.Por que se sitúa en Verín?
R.Visitei a vila varias veces grazas á súa biblioteca municipal, que é marabillosa. Para min é unha terra moi máxica, cunha morea de pazos incribles. Precisaba dun pazo e dun entorno así para Laura, a protagonista, unha rapaza normal de hoxe en día que se muda a un pazo cos pais, e alí descobre enterrada á vampira Adeline, polo que Verín era a escolla perfecta. É moderna e máxica á vez.
P.Pero a historia é moi actual.
R.Si, Laura sofre un rexeitamento social por ser “rara”, distinta. Tamén trato problemas de autoestima e de saúde mental, así como o amor tóxico. Adeline, a miña vampira que seduce á protagonista, non é de todo mala, pero si emprega unha certa manipulación co amor, un tema interesante para abordar cos rapaces en idade adolescente.
P.Que descubriu do vampirismo?
R.Pois que existe en moitísimas culturas diferentes. En Galicia temos as meigas chuchonas, que zugan o sangue das persoas e déixante seca.
P.Hai diferenzas entre escribir para rapaces e para adultos?
R.Eu concibo a literatura para tódolos públicos. Podes marcar cal é a idade inferior, máis ou menos apropiada, se dende nenos ou adolescentes, pero tódolos adultos poden ler un libro infantil ou xuvenil. A min pasoume co meu supervendas, “Os nenos da varíola”, que chegaba a casa a través do instituto e líao toda a familia.
P.Malia escribir en galego, as súas obras son moi traducidas.
R.Si, eu escribo sempre en galego, e neste caso publicouse ao tempo en tres linguas. Está demostrado que o galego non supón ningunha eiva. De feito, se tes un bo produto literario podes estar traducida a outras linguas. No meu caso, algunhas como o polaco ou o filipino. Pero cada vez é máis difícil. Os autores en linguas minorizadas saímos caros. Penso que é un logro cada vez que calquera de nós conseguimos ser publicados noutras linguas de aquí ou internacionais.
P.Que facemos para reverter a perda de galegofalantes?
R.Os rapaces móvense nun mundo global, refiren contidos de internet en tódalas linguas. É vital que o galego se potencie nas redes, onde están todo o día mergullados, para que lles cheguen os contidos. Se xa temos poucos xornais e medios de comunicación en galego, nas redes é aínda peor, e ese é o espazo natural da rapazada. E logo está o ámbito do fogar. Non lle podemos pedir ás escolas que o fagan todo. O galego sae da casa. O mundo cambiou moito, as fórmulas que tiñamos para achegar o galego aos rapaces xa non son válidas.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
UNHA VISIÓN DE GALICIA
O fotógrafo Carlos Folgoso Sueiro será por fin profeta na súa terra, Verín
SORTEOS PARA CLIENTES
El comercio local de Verín recupera el concurso de escaparates
Lo último