Renuncian a cabeza de lista e o número dous do PP de Verín
CAMBIOS NA FORMACIÓN
Os concelleiros populares en Verín Lara Da Silva, ata o de agora voceira, e Aitor Álvarez, deixan as súas actas por "motivos persoais"
Lara Da Silva e Aitor Álvarez, os dous nomes que encabezaron a lista do Partido Popular de Verín ás eleccións municipais do 2023, presentaron onte no Concello a súa renuncia á acta que os acredita como edís por motivos “estritamente persoais”. No próximo pleno municipal entrarán no seu lugar Bernardo Rodríguez e Tamara Velázquez, que se unirán ás concelleiras populares Sonia Arias e Beatriz Blanco.
Deste xeito, a única formación na oposición da vila do Támega ve nun día marchar á metade dos seus concelleiros, entre eles a ata o de agora voceira dende que Da Silva foi a escollida hai tres anos para liderar o PP verinense en substitución do exalcalde Jiménez Morán.
Non obstante, Jiménez mantívose como presidente da agrupación local ata que foi relevado o pasado mes de outubro co nomeamento por parte do PPdeOU dunha xunta xestora liderada pola exconcelleira e exdeputada provincial Luisa Valladares, co delegado territorial Manuel Pardo e o parlamentario Víctor Baladrón como vicepresidentes.
Valladares agradeu o traballo de Da Silva e Álvarez, así como o “seu compromiso e valentía co partido, coa veciñanza e con Verín, poñéndose á fronte do partido nun dos momentos máis delicados”.
Sen candidato á vista
A pouco máis de nove meses para as eleccións municipais do 23 de maio do vindeiro ano, o Partido Popular de Verín segue sen desvelar a persoa que liderará a súa lista electoral, co obxectivo de poñer fin a tres gobernos consecutivos do bipartito que forman PSOE e BNG.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
CONCIERTO SOLIDARIO
El OUFF recaudó en su concierto solidario de Verín más de 3.000 euros
150 ESTUDIANTES
Verín y Chaves refuerzan la cooperación en emergencias