Unha bici, 32 países e 600 días de aventura de Verín a Australia

41.500 QUILÓMETROS PEDALEANDO

Francisco Álvarez “Paquiño” leva toda a súa vida desafiándose en bicicleta e acaba de regresar da súa maior viaxe: percorreu tres continentes cun orzamento mínimo e durmindo ao aire libre

Paquiño posando coa súa bici no parque nacional de Kata Tjuṯa, en Australia.
Paquiño posando coa súa bici no parque nacional de Kata Tjuṯa, en Australia. | Cedida

A globalización trouxo consigo que ata os lugares máis recónditos do planeta deixaran de ser un misterio. Un proceso acelerado coa chegada de internet e das telecomunicacións, que provocaron que vivir unha aventura como as de antano, perderse no mapa, sexa unha tarefa cada vez máis complicada porque temos a información a golpe de clic.

Hoxe moitos viaxan cunha planificación milimétrica, sen lugar para a sorpresa. Xusto o contrario do que aínda procuran persoas como Francisco Álvarez (Verín, 1989), coñecido como “Paquiño” porque de cativo era pequeniño, ata que un verán deu o estirón. Apaixonado da bicicleta, coa que afrontara travesías por Europa, o 13 de marzo do ano pasado arrancou o seu maior desafío: unha viaxe de ida e volta, sen rutas predefinidas, cos mínimos medios de transporte e durmindo en tenda de campaña. O único obxectivo era chegar, “como mínimo”, ao Xapón. Finalmente fíxoo ata Australia.

27 euros ao día de media

Paquiño -centro, en amarelo- posa cun grupo de estudantes en Indonesia despois de presentarlles a súa viaxe.
Paquiño -centro, en amarelo- posa cun grupo de estudantes en Indonesia despois de presentarlles a súa viaxe. | Cedida

Este pasado 4 de novembro, tras 601 días fóra, Paquiño regresou a Verín. Recibírono cunha pancarta na Praza Maior, e unha liña de meta simbólica agardábao na casa. Familiares e amigos seguiran a súa viaxe a través dunha web na que foi recompilando tódalas estatísticas. Pedaleou un total de 41.500 quilómetros a través de 32 países e tres continentes, a unha media de 70 quilómetros diarios.

Gastou arredor de 16.500 euros, uns 27 ao día, incluíndo alimentación, visados, seguro, reparacións e algúns aloxamentos, así como os tres voos, entre eles os do hemisferio sur, os máis caros. Os cartos saíron do seu peto porque Paquiño cre que “ninguén ten que pagar os meus caprichos”.

Cun monxe budista na provincia chinesa de Qinghai.
Cun monxe budista na provincia chinesa de Qinghai. | Cedida

O itinerario á ida levou a Paquiño ao Xapón atravesando, entre outros, Italia, os Balcáns, Turquía, Irán, Turkmenistán, Uzbekistán, China, Mongolia e Corea do Sur. Unha vez no país do sol nacente, o 15 de outubro de 2024, tomou a decisión de voar a Australia: “Descartei ir a América e facer a volta ao mundo, pero víame con forzas de continuar, polo que fun a Sydney”.

Percorrendo o Outback, a remota rexión do interior do país, completou 5.500 quilómetros ata a cidade de Darwin, incluída unha etapa de 256, con temperaturas de 45º C. Do continente austral voou a Timor Leste, e avanzou polo sueste asiático (Indonesia, Singapur, Malasia, Tailandia e Laos) ata volver ás montañas de China, preto do Tíbet, onde pedaleou a 4.000 metros de altitude. Á volta sobrevoou o Caspio, o terceiro e derradeiro voo, e sumou países coma Kazaxistán, Azerbaixán e Georgia.

“Desfrutar do camiño”

Acompañado por un grupo de nenos en Timor Leste.
Acompañado por un grupo de nenos en Timor Leste. | Cedida

Máis alá do reto físico, Paquiño resume a súa viaxe cunha palabra: “Amabilidade, sobre todo da xente fóra de Europa. Todos me botaron unha man, incluso os que non tiñan nada. A xente foi incrible, convídaronme a durmir nas súas casas e coñecer as súas familias”.

Para el, o máis importante foi “desfrutar do camiño, non podes andar pensando cando vas regresar”. A nivel persoal, asegura que “nunca sentín medo, nin sequera cando durmín en sitios completamente illados. O único malo foi cando estiven incomunicado uns días e miña nai preocupouse”.

Paquiño á súa volta a Verín, coa bicicleta coa que fixo a viaxe.
Paquiño á súa volta a Verín, coa bicicleta coa que fixo a viaxe. | C.L.M.

Como é lóxico, o verinense ten anécdotas para escribir un libro: “Rompín o pedalier no deserto do Gobi, fun o primeiro home branco que vira un grupo de nenos de Timor Leste, encontreime con lobos e escorpións e ata levei unha viúva negra dúas semanas na tenda sen darme de conta”.

Integrante da banda de gaitas Nova Era, Paquiño recoñece que os dous últimos meses “dinme présa porque quería chegar para ensaiar para o concerto do 10º aniversario”. Aparte de tocar a gaita, deuse un mes de descanso “sen dar pedal”, pero non pode deixar de pensar en novas viaxes, polo de agora menos ambiciosas: “Apeteceríame ir a Almería… en bicicleta, por suposto”.

Contenido patrocinado

stats