Verín aposta pola conciliación familiar con dous campamentos estivais

INSCRICIÓNS XA ABERTAS

O Concello de Verín vén de presentar unha nova edición do Espazo Ludoverán e do Campamento Urbano Junior 2026

Cativada verinense participante na ludoteca e campamento do ano 2025.
Cativada verinense participante na ludoteca e campamento do ano 2025. | C.L.M.

Estes dous programas estivais en Verín destinados a facilitar a conciliación familiar e laboral terán lugar de luns a venres do 22 de xuño ao 7 de setembro, nos CEIP Módulos Amaro Refojo e Princesa de España.

O programa Espazo Ludoverán oriéntase á cativada de entre 3 e 10 anos, mentres que o Campamento Urbano Junior está destinado á mocidade de entre 11 e 15 anos. As dúas iniciativas procuran ofrecer un modelo de ocio educativo, saudable e seguro para o tempo de lecer, impulsando á súa vez a creación de emprego xuvenil cualificado.

Durante estes meses, os participantes desfrutarán de xogos alternativos, obradoiros creativos, actividades deportivas, propostas acuáticas, informática, rutas de sendeirismo ou excursións. Os programas contan con diferentes modalidades horarias, concretamente de 8,00 a 14,30 horas e de 9,00 a 14,30, con tarifas adaptadas segundo se trate de persoas empadroadas ou non.

Inscricións

O prazo de inscricións abriu este mércores e estas deben formalizarse de xeito presencial na Oficina Municipal de Información Xuvenil, situada na Casa da Xuventude. As familias interesadas poden solicitar información adicional a través do teléfono 988 414 776.

Contenido patrocinado

stats