Dúas artesás de Viana do Bolo reciben o selo Artesanía de Galicia

PRIMEIRAS DA COMARCA EN CONSEGUILO

As dúas artesás de Viana do Bolo, Ainhoa Aguín e Cristina Fernández, veñen de acadar o selo de Artesanía de Galicia, converténdose nas primeiras da comarca en contar con esta distinción da Xunta de Galicia. Fano con dous proxectos ligados a súa propia terra.

Ainhoa Aguín e Cristina Fernández co seu novo mandil de Artesanía de Galicia.
Ainhoa Aguín e Cristina Fernández co seu novo mandil de Artesanía de Galicia. | IES Carlos Casares.

Viana do Bolo está de parabéns. Dúas das súas artesás, Ainhoa Aguín Fernández, impulsora de Serendipia Creative, e Cristina Fernández Hernández, creadora de Atelis Ceramics, acaban de obter o selo Artesanía de Galicia, un distintivo que recoñece a calidade, a autenticidade e a profesionalidade dos obradoiros artesáns galegos.

Convértense así nas primeiras artesás das Terras do Bibei en conseguir esta distinción -outorgada pola Xunta de Galicia a través da marca Artesanía de Galicia-, que identifica os profesionais que forman parte do sector artesán galego.

Sen dúbida, Ainhoa e Cristina xa eran un motivo de orgullo para Viana do Bolo moito antes de recibir este recoñecemento. Coa súa participación en ducias de feiras, festivais e eventos de toda Galicia e doutros puntos de España, ambas levaron o nome do seu concello por bandeira.

Un achado inesperado

Serendipia defínese como un achado afortunado e inesperado que aparece na vida dunha persoa por casualidade. E así foi como a artesanía chegou á vida de Ainhoa: “de casualidade”, mentres intentaba manter a cabeza ocupada e, quizais, un pouco afastada da realidade que lle estaba tocando vivir.

Unha doenza pouco común chegou á súa vida como unha lousa: a histiocitose de células de Langerhans. Entre as múltiples actividades que a vianesa tivo que deixar de facer estaba participar no Entroido.

A súa “teimosía” por non abandonar a tradición e as infinitas horas de espera na sala de quimioterapia marcaron un novo punto de partida para ela, que, sen dúbida, “quería seguir ligada dalgún xeito á tradición”. Tres anos despois dos seus inicios, é unha das artesás de referencia no municipio e a súa especialidade son as orixinais pezas inspiradas nas diferentes figuras do Entroido de Galicia.

É un impulso para seguir adiante, un recoñecemento ó esforzo realizado e a confirmación de que imos polo bo camiño

En 2023 decidiu dar os seus primeiros pasos neste ámbito coa creación dunhas pequenas máscaras de madeira que o seu irmán utilizou como parte do seu disfrace de Entroido. Aquela primeira experiencia espertou unha inquietude creativa que non deixou de medrar desde entón. A base de traballo, aprendizaxe e experimentación, a súa evolución foi constante, ampliando progresivamente tanto os seus coñecementos como a calidade e variedade das súas creacións.

A obtención do selo de Artesanía de Galicia supuxo un novo impulso para seguir desenvolvendo o seu proxecto. “Estou contenta e moi motivada. É un recoñecemento ao traballo realizado ata agora e unha gran fonte de inspiración para seguir creando, aprendendo e afrontando novos retos”, asegura.

O proxecto de Cristina naceu dunha auténtica paixón pola cerámica. Durante anos formouse nun recoñecido estudo de cerámica de Ourense, onde foi perfeccionando a súa técnica e desenvolvendo un estilo propio. Co paso do tempo decidiu dar un paso máis e construír o seu propio obradoiro na casa para seguir creando con total liberdade.

A imperfección

O que comezou como unha afección converteuse axiña nunha verdadeira vocación. Cristina elaboraba pezas de forma constante, impulsada unicamente polo pracer de crear, ata que a demanda de familiares, amizades e coñecidos a levou a dar un novo paso: comezar a vender as súas creacións. A excelente acollida dos seus traballos foi o impulso definitivo para profesionalizar o seu proxecto e dar o salto ao mercado, convertendo a súa paixón nun oficio

Cristina asegura que a obtención do selo de Artesanía de Galicia supuxo para ela “un impulso para seguir adiante, un recoñecemento ao esforzo realizado e a confirmación de que vou polo bo camiño”. Ademais, confesa que este distintivo tamén a axudou a superar a síndrome da impostora que a acompañou durante os seus primeiros pasos como artesá, achegándolle a confianza necesaria para crer plenamente no valor do seu traballo.

Atelis significa “imperfección” en grego, unha elección que define a esencia do seu traballo. As súas pezas, lonxe de perseguiren unha perfección artificial, reivindican a beleza do auténtico e do imperfecto. “Non creo que nada sexa perfecto; son unha apaixonada das imperfeccións”, confesa.

Esa filosofía reflíctese en cada unha das súas creacións, onde as formas irregulares, as pequenas marcas do modelado ou mesmo as pegadas dactilares que deixa o proceso de elaboración forman parte da identidade de cada peza. A artesá está convencida de que son precisamente eses detalles os que converten cada obra nun obxecto único e irrepetible.

Con traxectorias moi diferentes, pero unidas pola mesma paixón de crear, Ainhoa e Cristina demostraron que o talento, a constancia e o traballo ben feito sempre atopan a súa recompensa. O selo de Artesanía de Galicia non só recoñece a calidade das súas creacións, senón que tamén sitúa a Viana do Bolo no mapa da artesanía galega, convertendo estas dúas mozas nun referente para as novas xeracións.

O selo

O principal obxectivo deste selo é actuar como unha marca paraugas que promociona e pon en valor a artesanía galega, ofrecendo unha imaxe unificada, representativa e recoñecible dos seus produtos. Ademais de contribuír á súa difusión, constitúe unha garantía de calidade, excelencia e autenticidade para os consumidores, ao tempo que reforza o prestixio e a identidade do traballo artesanal realizado en Galicia.

Contenido patrocinado

stats