Germán García-Ávila, alcalde saínte de Viana do Bolo polo PSOE: “Voume satisfeito; a mágoa é que tiñamos máis ideas”
ENTREVISTA
García-Ávila aborda o balance do seu mandato, os logros acadados e os retos que quedan pendentes.
Germán García-Ávila deixa a alcaldía de Viana logo de 11 meses ao fronte do Concello, tralo acordo alcanzado co BNG que permitirá a nacionalista Graciela Diéguez asumir a presidencia municipal. A súa etapa estivo marcada por unha forma de entender a política baseada na presenza constante no municipio, a toma de decisións e unha xestión que xerou apoios. García-Ávila aborda o balance do seu mandato, os logros acadados e os retos que quedan pendentes.
Pregunta. Despois de 11 meses como alcalde de Viana, chega o momento de facer balance. Cal é a súa valoración global desta etapa?
Respuesta. Marcho satisfeito porque nestes meses traballamos arreo e conseguimos levar a cabo numerosas actuacións, tanto na capital do municipio como nas aldeas, dun xeito equilibrado. Melloramos servizos básicos coa instalación de bocas de rego e mangueiras para facilitar a extinción de incendios, puxemos ao día todas as fosas sépticas e acometemos a reparación de viais de acceso que eran moi necesarios. Ademais, logramos sacar adiante expedientes que levaban tempo esquecidos. A única mágoa é que tiñamos moitas máis ideas e proxectos para desenvolver.
P. Que sensación lle queda ao deixar a alcaldía? Cumpriu as expectativas coas que asumiu o cargo?
R. Eramos un equipo sen experiencia no ámbito da política municipal. Ademais dos problemas de persoal cos que nos atopamos, tivemos que pasar por un período de aprendizaxe e adaptación. Con esforzo e moito traballo fomos adquirindo experiencia e comprobamos que administrar os recursos públicos en beneficio da veciñanza é unha responsabilidade que tamén dá moita satisfacción. É certo que non puidemos atender as necesidades dos 52 núcleos do municipio no tempo do que dispuxemos, polo que entendemos que haxa veciños que consideren que as súas demandas non foron atendidas. En ningún caso foi unha cuestión de favoritismos ou amiguismos, senón simplemente unha cuestión de tempo e de prioridades.
P. A súa forma de gobernar foi moi visible e próxima aos veciños. Como interpreta que a súa xestión non deixase a ninguén indiferente?
R. Desde o primeiro momento tivemos claro que había que abrir as portas do Concello e que a xente atopase nel un lugar ao que acudir para trasladar as súas peticións e inquietudes. Estou convencido de que hai persoas satisfeitas e outras que non o están tanto, e tamén escoitamos e valoramos as críticas de quen considera que non fomos quen de atender as súas necesidades. A todas esas persoas pedímoslles desculpas. Non foi por falta de vontade, senón polas limitacións de persoal, de recursos económicos e, sobre todo, de tempo.
P. Houbo algunha decisión que tomou como alcalde que volvería adoptar exactamente igual? E algunha que revisaría?
R. Se tivese que destacar algo que volvería facer, sería o feito de desbloquear asuntos que levaban anos atrancados e que podían ocasionar un grave prexuízo para o Concello. Entre eles, a licitación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que levaba cinco anos en situación de precariedade, ou evitar o peche do matadoiro, que acumulaba máis dunha década funcionando en precario. Son decisións que volveriamos tomar exactamente igual. Evidentemente, tamén houbo cousas nas que nos equivocamos e nas que puidemos decepcionar a parte da veciñanza, pero desas experiencias tamén se aprende.
P. Se tivese que quedar cunha imaxe, un momento ou unha lembranza destes 11 meses como alcalde de Viana, cal sería?
R. Quizais o fito máis importante deste mandato foi a sinatura do convenio coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil para investir dous millóns de euros en Viana. Nunca antes unha administración realizara un investimento desta magnitude no municipio. Viana levaba dende os anos 90 cunha depuradora que nunca chegou a funcionar correctamente, o que provocaba verteduras de augas sen tratar ao encoro e mesmo sancións. Ademais, esta situación mantiña paralizado o Plan Básico de Urbanismo, polo que estamos a falar dun dos principais problemas estruturais do concello.
P. Que opinión lle merece a nova alcaldesa? Que consello lle daría para afrontar esta responsabilidade?
R. Non estou en posición de dar consellos a ninguén. Probablemente teñan máis experiencia ca nós e estou convencida de que saberán facer un bo traballo. Agora teñen total liberdade para tomar as decisións que consideren axeitadas.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
DISPOSITIVOS AÉREOS Y TERRESTRES
José Antonio Feijóo, alcalde de Baltar, sobre el incendio forestal: “Foi intencionado”
Jesús Prieto Guijo
LA OPINIÓN
El cielo es de Neira