Viana, Vilariño e A Gudiña convidan aos seus magostos
NOVA EDICIÓN
A Asociación de Mulleres Rurais Bibei será a encargada da organización na localidade vianesa
Viana do Bolo celebrará o vindeiro sábado, 7 de novembro, unha nova edición do magosto popular, unha cita organizada pola Asociación de Mulleres Rurais Bibei coa colaboración do Concello de Viana do Bolo. A celebración terá lugar a partir das 20,00 horas no Campo da Feira e reunirá aos veciños arredor dunha das tradicións máis arraigadas da localidade.
A xornada estará dedicada á gastronomía típica do outono e á convivencia veciñal, cunha proposta que incluirá bullotes, bolos preñados, bica, auga, viño e refrescos. Ademais, as persoas asistentes poderán gozar dunha queimada e da música da Charanga Alegría, encargada de amenizar a festa. Ao longo da celebración tamén se realizarán varios sorteos de produtos entre os participantes, utilizando o número da entrada.
O donativo para participar no magosto será de 10 euros, mentres que os menores de seis anos terán entrada gratuíta. A venda anticipada estará aberta ata o mércores 4 de novembro nos bares Emigrante, Dani e Chías. Tamén será posible reservar entradas a través do teléfono 686 534 935.
Con esta iniciativa, a Asociación de Mulleres Rurais Bibei aposta por manter vivas as tradicións populares e fomentar os encontros entre a veciñanza nun ambiente festivo, no que a gastronomía, a música e a convivencia serán as protagonistas.
Vilariño de Conso celebrará a súa tradicional festa en honor a San Martiño o 11 de novembro, coincidindo coa festividade local. A programación incluirá unha misa solemne con procesión, un magosto popular e unha festa amenizada polo dúo Flow. Os actos comezarán ás 13,00 horas cunha misa solemne e procesión, que estarán acompañadas pola Banda de Gaitas do Concello de Vilariño de Conso.
A celebración continuará a partir das 20,00 horas na Praza do Pobo cun magosto popular no que se servirán chourizos, castañas, bica e viño. O prezo será de sete euros por persoa en venda anticipada.
Tras a degustación gastronómica, a xornada festiva continuará cunha actuación musical do dúo Flow, que poñerá ritmo á celebración.
Outros municipios da comarca, como A Gudiña, o día 31, ou A Mezquita, celebrarán tamén o seu magosto popular.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
ROMPIERON LOS CRISTALES
Roban dos casas en Vistahermosa en menos de 100 metros
FACILITAR EL RETORNO
Un pequeño concejo asturiano cede una vivienda a descendientes de emigrantes a Cuba