Alba Fernández, o xogo do figurativo e o abstrato nas artes plásticas

EN CONFIANZA

Segue namorada da arquitectura, a súa carreira de formación, pero hai nove anos decidiu construír outros soños vencellados ás artes visuais. E nese espazo non ten límites, xa que a vocación exploradora de Alba Fernández permítelle viaxar dende o debuxo á cerámica ou á pintura. No eido da ilustración, por exemplo, acompaña cada domingo os artigos de Jaime Noguerol en La Región, onde amosa o trazo do seu talento. O venres inaugurou a exposición “Un mundo por pensar”, onde trata de provocar se é posible artellar un mundo mellor. A mostra de pintura e debuxo, ubicada na galería Dodo Dadá, responde a unha “teima” súa sobre a esperanza, é dicir, sobre a necesidade de convertela nun elemento imprescindible para insistir e persistir na loita por cambiar o rumbo trabucado dos tempos.

Alba Fernández,  a vida, unha mostra máis da arte
Alba Fernández, a vida, unha mostra máis da arte | Xesús Fariñas

Pregunta. A súa formación foi en arquitectura, pero, co tempo, deu un xiro a súa vida para dedicarse ás artes plásticas, que foi o que o motivou?

Respuesta. Dende sempre tiven latente un pulo creativo e unha gran sensibilidade polas artes. Unha pulsión por pintar, por crear… pero, dalgunha maneira, a vida levoume por outros camiños e de aí que me formase en Arquitectura na Coruña e en Normandía. A arquitectura tamén é unha arte, e sigo namorada da arquitectura, pero no ano 2017 houbo un fito vital na miña vida no que sentín a necesidade de adicar máis tempo a expresarme de maneira máis intima e persoal. Así que dei un xiro de 360º aparcando a arquitectura que supuña unha gran esixencia e comecei a dedicarme ás artes visuais.

P. E de todas as artes, hai algunha que lle atraía especialmente?

R. Partindo de que o que me levou ás artes, de xeito totalmente natural, foi a necesidade de expresarme, exploro diferentes disciplinas. Fago ilustración, debuxo, pintura… cunha mistura entre o figurativo e o abstrato. Pero tamén fago pequenas pezas de cerámica, unha técnica artística que me interesa moito. Tamén estou inmersa, a pequena escala, no mundo da escultura.

P. Como definiría o seu estilo?

R. Non me gusta etiquetarme ou falar de estilos concretos porque todos están interrelacionados. Se teño que definirme dalgún modo, diría que para min é moi importante expresar emocións, captar a alma como un sentimento, e facelo empregando os mínimos trazos posibles. Cando quero amosar a miña arte, afasto o “ruido” que a rodea e fago un esforzo de limpeza para deixar tan só o elemento central que quero amosar.

P. Ten algunha fonte de inspiración?

R. Unha non… centos! Inspírome en todo. Lendo un libro, camiñando pola rúa, na natureza, nos museos, en momentos da vida cotiás… creo que é moi importante pararse, xa non só como artista, senón como persoas neste mundo tan frenético. É importante obrigarnos a pararnos a observar e desfrutar. Ir máis devagar.

Algúns dos asistentes á mostra na Galería Dodó Dadá.
Algúns dos asistentes á mostra na Galería Dodó Dadá. | Xesús Fariñas

P. Á hora de crear, é metódica?

R. A verdade é que non teño horarios. E debería facer un esforzo para ser máis rutinaria nos horarios (risas). Pero si que hai que ser moi organizada, senón, se un se deixa levar polas “mieres” e o día a día… Así que trato de axendar todo ao máximo, aínda que me coste.

P. Sabe de antemán o que vai crear ou déixase levar polo momento?

R. Depende, como boa galega (risas). Hai veces que fago un traballo que parte desde un punto máis conceptual, traballando ao redor dunha ou varias ideas que son inquedanzas para mín. Tamén escribo moitas ocorrencias que logo quero plasmar nas imaxes. Pero logo, os momentos máis emocionantes, son aqueles nos que te evades e “xogas” a crear. E tamén hai momentos nos que partes dunha idea preestablecida e logo te deixas levar… vamos, que a creación plástica para mín é cada día unha aventura.

P. Cando das por rematada unha obra?

R. Hai veces que é moi moi complicado. E non é a primeira vez que derramo unha obra por querer meterlle máis elementos e logo vexo que non, que funcionaba mellor se fose máis sinxelo. Nos casos nos que traballo con bosquexos, cando materializo a obra final teño as cousas moi pensadas e bastantes claras. Naquelas nas que xogo con composicións e vou facendo probas, chega un intre no que vexo que máis que un final, hai milleiros de combinacións posibles e que todas poden funcionar, aí si que me perdo un pouco… (risas). Nese caso, máis ben medito cantos camiños podería tomar a obra para poder encamiñala dalgún xeito. Sexa como for, hai un momento no que digo “xa está” porque nese instante, nesa imaxe, hai unha chispa, un algo que me emociona, que me transmite, e ese é o sinal de que a obra está rematada.

P. Confésenos, hai momentos de bloqueo cando está traballando?

R. Si, hai hai. E hai que ter recursos para os momentos de bloqueo. Ás persoas creativas sempre se nos están ocorrendo ideas, pero hai días que, como todas as persoas, non temos as musas con nós. No meu caso, o que me funciona é tirar das ducias de cadernos de diferentes tamaños e formatos nas que vou tomando apuntamentos, bocetos, debuxos sinxelos e outros máis traballados… moitas veces son conceptos moi rápidos e intuitivos que, en caso de bloqueos, recurro a eles e axúdanme a seguir adiante.

Alba Fernández ante a súa mostra “Un mundo por pensar”.
Alba Fernández ante a súa mostra “Un mundo por pensar”. | Xesús Fariñas

P. Vén de inaugurar a mostra “Un mundo por pensar”, ante todo, e tal e como están as cousas na actualidade, teño que preguntarlle polo nome que lle deu á mostra.

R. A mostra é un convite á reflexión, á empatía, á meditación… e a pensar de xeito colectivo. Pensar se un mundo mellor é posible, tendo en conta esta deriva tan perigosa que está tomando nestes últimos tempos, vendo o futuro como perigoso e escuro. Algo que me pasa a min, pero que tamén vexo que pasa ao meu arredor, vendo que o máis sinxelo é caer na deseperanza.

R. Esta teima miña, que ven de moi atrás -a teima e a situación- penso que máis que nunca é preciso facer unha reflexión sobre a esperanza e apertala no senso de persistir e loitar polo futuro.

R. É posible pensar un mundo aínda impensado? Un mundo que non fomos capaces de imaxinar? Evidentemente eu non teño a solución, pero a arte ten a capacidade de poñer sobre a mesa esos temas que nos concernen tanto.

P. Cal é a liña que segue a exposición?

R. Son 27 pezas que poderán verse ata o 2 de maio no taller-galería Dodo Dadá e que seguen a liña de evolución do meu traballo. Son, na súa maioría ilustracións e collages de diferentes formatos, pero tamén hai algunha peza cerámica e pequena escultura. Todas elas fan un pulso entre o figurativo e o abstrato que dialogan moi ben, e hai moita cor, en contraposición a ese futuro escuro do que che falaba. Hai un encontro coa natureza, cos afectos, coa empatía, coa volta a infancia, as emocións… son aspectos que, con todo, están moi presentes en toda a miña traxectoria.

Alba na inauguración da mostra saudando aos asistentes.
Alba na inauguración da mostra saudando aos asistentes. | Xesús Fariñas

P. Xa que fala da traxectoria, se bota a vista atrás, que nos pode decir da súa evolución?

R. Penso que nas pezas dos meus inicios xa estaban latentes todas as ideas que agora percibo nas miñas obras máis actuais. Pero, á vez, estou satisfeita porque si que vexo que o meu traballo tivo unha evolución moi clara no senso de que agora son moito máis capaz de experimentar con materiais e texturas, atrévome coas cores, teño máis presente concepción do espazo…

P. Que consello daría a alguén que se está iniciando no eido das artes plásticas?

R. Honestidade. Que o que faga, que sexa fiel a si mesmo e crea no que fai. Sen deixarse levar por nada alleo a súa pulsión interior.

P. Como se presentan os vindeiros meses na vida de Alba Fernández?

R. En setembro teño prevista outra exposición… ata aí podo ler. Máis alá seguirei colaborando nos artigos que Jaime Noguerol publica neste xornal, e sempre hai algún que outro proxecto de encargos, ilustracións de editoriais, cartelería…

Contenido patrocinado

stats