A arte plástica e reivindicativa de Clara Martín

Escritura e arte plástica conxúganse en Clara Martín para dar saída a unha paixón, a un xogo de liberdade, no que leva o feminismo por bandeira. Nos seus collages atopamos mulleres, mulleres auténticas, e textos, textos que nos levan a descubrir cada peza desde o seu punto de vista. Ademais, é a ilustradora do libro de poemas “Uterus siue uolua”, de Xulio Pardo de Neira, onde ela plasma o que, persoalmente lle achega cada poema.

Publicado: 04 dic 2022 - 03:30 Actualizado: 04 dic 2022 - 07:16
A arte plástica e reivindicativa de Clara Martín

Moitas das inquedanzas que temos na vida adulta veñen marcadas pola infancia. É este tamén o voso caso?

Totalmente. Eu comecei a escribir e a debuxar, cando era cativa. Pero a debuxar deixeino de moza porque considero que non teño talento. Gústame, pero oxalá tivese ese don. Así que o tempo foime levando pola narrativa, o relato curto. Participei en certames literarios, estiven como dramaturga nunha compañía madrileña… pero, ao mesmo tempo, seguía metida de cheo na arte plástica, aínda que máis a nivel persoal e familiar. Pero coa explosión das redes sociais, que che permiten chegar en nada a todo o mundo, sumado ao tempo que vivimos de pandemia, comecei a publicar fotografías das colaxes en Instagram ou Facebook. E a xente encantoulle.

Podemos decir que o seu perfil converteuse nunha galería de arte.

Si, nunha gran sala de exposicións que chega ao momento a toda a xente. E tamén de inmediato obtes unha resposta. Hai conexión entre o creador e o que observa. Ademais, abrense moitas portas que ata o momento non se me ocorrera tocar.

Cóntenos, que xurdiu?

Pois as miñas primeiras exposicións: “O que comen as bruxas” e a recente “As saias da Carolina”, así como colaboracións que se materializaron en libro como foi o último que publicamos Xulio Pardo de Neira e máis eu, “Uterus siue uolua”.

Para ir descubrindo pouco a pouco o que hai detrás de Clara Martín, comecemos por ese libro ilustrado.

“Uterus siue uolua” é un libro de poemas acompañados con collages meus. Foi un traballo moi estimulante, pero que tamén da unha vertixe tremenda, ademais ao ser poemas dunha persoa que admiro como escritor como é Xulio Pardo de Neira. Tiña que construir algo a partir das emocións doutra persoa. Lino moitas moitas moitas veces. Case o sei de memoria. A idea non era que as imaxes reflectisen o que se le nos poemas. Senón que eu plasmase o que a mín me facían sentir eses poemas. Independente o poema do collage, pero dalgunha forma conectados.

O libro componse dun total de 39 poemas e 30 colaxes analóxicos que dan forma, que poñen rostro, que debuxan unha chea de emocións sempre coa ollada feminista, feminina e feminizada dun home e unha muller.

No que atinxe a súa faceta de artista plástica, como son as súas obras?

Teño algo de todo, sobre todo retratos. Nacen dunha corrente artística que comezou nos anos 70, o “femmage”, término que ven dun xogo de palabras entre entre “collage”, “hommage” e “femme”. Naceu da man da creadora americana Miriam Schapiro para recuperar e homenaxear o traballo creativo das mulleres ao longo da historia, independemente da súa procedencia. A mín sempre me fascinou esa corrente artística e quixen traballar nesa liña. Por eso hai tantas mulleres que buscan romper estereotipos nas miñas obras.

E de aí naceu “O que comen as bruxas”, a súa primeira mostra que viu a luz fai unhos meses. Que nos atopamos nela?

É unha colección sacada exclusivamente de revistas de moda. Son publicacións que dan unha imaxe da muller totalmente estereotipada. Todos somos conscientes delo. Iso dábame carraxe. Eu quería crear unhas mulleres distintas. E para iso non precisaba tanto dos corpos, senón das cabezas. E esas cabezas quíxenas encher de todo o que mín me petaba. Así naceu esa colección de 22 mulleres, solo rostros con cabezas con historias distintas. E todas e cada unha delas van acompañadas do seu nome e unha microhistoria. Un pequeno relato, as veces surrealistas, a veces incompletas, a veces son tan só unha frase… ou mesmamente unha onomatopeia. Foi unha mostra na que fundín imaxe e palabra.

Non podo evitar preguntarlle polo título da exposición e a súa relación co que vemos nela. É ben rechamante.

Pois dunha canción de Nacho Vegas (risas). A de “Lo que comen las brujas”. Esas mulleres son máis bruxas que meigas. Entendendo a diferenza de que as meigas son máis feiticeiras, e as bruxas máis mundanas. E eu quería converter esas mulleres en mulleres mundanas.

“As saias da Carolina” foi o nome da súa seguinte mostra… ademais dun tema musical que todos coñecemos.

Vas ben. É un tema que popularizaron Fuxan os Ventos e que sempre me fixo moita gracia. A canción di que Carolina fai o que lle da a gana, vistese pola cabeza e espise polos pés… era unha rebelde. E o lagarto era esa figura masculina “que movía o rabo” debido o erotismo que lle espertaba Carolina. Todo falando dunha época concreta. E con ese nome quixen facer alusión a mulleres que levantan e baixan as saias, que bailan… e os lagartos non poden con elas. Representan o poder das mulleres.

É máis alá, entendo que segue fiel ao seu “femmage”.

Si, pero neste caso as obras recollen a mulleres con corpos enteiros. Doulle moita importancia a cor dos fondos, as combinacións rechamantes. Cada unha delas ten unha especie de “profesión” ou “don” relacionado cun ámbito: a que domina os planetas, a que domina a ciencia, a que domina a televisión… mulleres que poden con todo.

En xeral, como se recoñece a súa obra técnicamente?

Son collages totalmente analóxicos. Emprego básicamente recortes de revistas, folletos… sempre papel. E chámame moito a atención a cor. Cores vibrantes, cheos de enerxía.

Para vostede ser artista plástica é…

Unha expresión de liberdade, un xogo coas tesoiras. Permiteme expresar cousas que coa escrita non sería o mesmo. É máis lúdico e chega moi axiña ao espectador. Cecáis porque cada vez nos custa máis ler e, sobre todo se pasan deses 140 caracteres.

Entre recorte e recorte, cando di “ata aquí!”?

Chega un momento na que a mesma enerxía das obras cho di. A mín non me costa decir: ”aquí rematamos!. E eso que un collage se compón de multitude de elementos. Sen embargo hai un momento no que hai unha armonía tan perfecta, dentro da miña percepción obviamente, que me di que ese é o remate.

Falamos do “femmage”, unha corrente que aínda nacendo no século pasado, segue sendo necesario hoxe en día ese discurso.

É imprescindible. E todo o que esté ao meu alcance de reivindicar o feminismo, non só por principios, senón porque me sae de mín mesma. Hai que facer sempre forza para adiante, porque estamos tendo algunhos retrocesos que me parecen terribles. Queda moito moito por cumprir en igualdade.

En que anda metida de cara o futuro Clara Martín?

Seguiremos coas presentacións do libro “Uterus siue uolua”. Tamen nos próximos meses publicarase unha antoloxía no marco do Proxecto “Nómades” coordinado por Inma Doval. Nel unénse artistas multidisciplinares galegas, somos un total de 14, e eu participo cunha serie de poemas e colaxes: “Entre leiras e labores”. E sigo coas miñas tesoiras e o meu pegamento…

Contenido patrocinado

stats