Carlos Arias, a vitalidade do asociacionismo no rural

CONSERVACIÓN DA MEMORIA

Carlos Arias é o presidente da Asociación Cultural Porta da Cadea de Sobrado do Bispo, Barbadás. Unha entidade que naceu no 2019 e que pode presumir, a forza de moitas horas de dedicación e traballo, ter levado a cabo ducias de propostas. Desde exposicións de fotos antigas ou concertos, a publicacións de libros, a gravación dun documental e dun cd para ensalzar a especial vinculación da localidade coa música, ou a posta en marcha do Festival Cultural Emulart, no que durante unha semana música, exposicións e outras actividades paralelas conviven atraendo á xente de toda a contorna. Na teima máis particular de Carlos Arias, a visibilidade, recoñecemento, e que un ano se lle adique o Día das Letras Galegas ao poeta natural de Sobrado, Alberto García Ferreiro.

Carlos Arias
Carlos Arias | Lucía Otero

Pregunta.Cando e por que naceu a Asociación Cultural Porta da Cadea de Sobrado do Bispo?

Respuesta.Naceu a finais do 2019, colleunos pouco antes de comezar a pandemia, e naquel momento só nos deu tempo a facer unha actividade: unhas xornadas micolóxicas. O motivo? Nós notábamos a falta dunha asociación en Sobrado a través da que se puideran facer xuntanzas e actividades para todos os públicos para que xente saíse da casa, se coñecese e compartise un anaco do seu tempo de lecer. Aquí ocorría como está acontecendo en tantos e tantos pobos da que chamamos a España vaciada: o que antes eran catro bares, tres panaderías e dúas tendas, hoxe resúmese nun só bar. E nós temos sorte, que noutros lugares pechou ata o último bar privando á veciñanza dun punto de encontro para compartir unha charla ou unha partida.

P.Cal foi a intención de poñela en marcha?

R.Paula, Cristian e eu somos os fundadores da asociación e os tres tiñamos claros que queríamos que a xente se xuntase. Por calquer motivo. Pero que saíse das súas casas e compartise tempo cos seus veciños.

P.E dende entón levan a cabo unha completa axenda de actividades.

R.Unhas cantas, si… Temos exposicións, concertos, festas gastronómicas, charlas, xornadas micolóxicas, fixemos un documental, gravamos un CD, fixemos publicacións… e o programa Emulart que naceu no 2024 para rendir homenaxe ás raíces musicais de Sobrado con concertos e exposicións. Podemos decir que cada dous meses, algo argallamos.

Algunha das fotos antigas expostas.
Algunha das fotos antigas expostas. | Lucía Otero

P.Unha das máis chamativas son as vosas exposicións. Cóntenos.

R.É unha exposición de fotografías de xentes e lugares do pobo de diferentes épocas, incluso temos algunha de 1900. Así que o que comezou con 30 fotografías, lévanos a falar agora de ao redor de 500 imaxes que imos expoñendo periódicamente. Agora en Semana Santa, amosaremos unha nova colección de imaxes.

P.Como conseguiron as fotografías?

R.Pouco a pouco imos indo polas casas, e pedimos as imaxes que os veciños teñan gardadas nas gavetas. Amplíamolas e expoñémolas ao aire libre nun formato ben visible e resistente ás inclemencias do tempo. É bonito ver como os veciños se achegan, rememoran momentos do pasado e anécdotas das que nós tomamos boa nota para que non se perdan na memoria. Na colección tamén temos unha serie de imaxes co “antes e despois” de zonas emblemáticas do pobo. E lugar destacado ocupano aqueles intérpretes de Sobrado, xa que este era un pobo moi musical con moitos músicos e varias agrupacións.

P.Falaba tamén da elaboración dun documental.

R.Son 12 minutos no que se recolle unha panorámica do noso pobo e a súa riqueza patrimonial: “Sobrado patrimonial a vista de páxaro”. A música que acompaña o vídeo é unha composición inédita de José López Cid, director da Banda de Música Maestro Lupi de Benavente e veciño de Sobrado do Bispo.

P.No eido de divulgar o patrimonio musical, tamén fixeron un CD 100% de Sobrado.

R.Na miña teima de seguir buscando información, investigando e loitando por dar a coñecer a figura de poeta de Sobrado, Alberto García Ferreiro, atopei catro libros -dous en Madrid, un en Valencia e outro en Lugo- (xa que non hai reedicións) e, de todos os seus poemas, escollín nove deles. Poemas que foron musicalizados polo mesmo José López Cid do que che falaba, por Xoán Manuel Xil Páxaro, director da Escola de Música de Barbadás, e por Xoán Antón Vázquez Casas, pianista e docente de piano no Conservatorio Profesional de Música de Ourense. Como había temas recitados e outros cantados, tamén contamos coa implicación da Coral de Barbadás e de Voces de Sobrado, e co apoio do Círculo Poético Ourensán.

P.Antes de seguir avanzando, creo que é necesario que nos faga unha semblanza do poeta Alberto García Ferreiro e a súa importancia na literatura galega.

R.Foi díscipulo de Curros Enríquez no que atinxe a súa liña de pensamento liberal e progresista. Estudou Dereito, traballou de xornalista e escribiu diferentes xéneros literarios, destacando especialmente na poesía descriptiva, costumbrista e progresista. Os seus artigos de prensa eran combativos, o que lle valeu numerosas denuncias das que saiu airoso, cecáis pola súa formación como avogado. Con só 19 anos escribiu a súa primeira novela “Luchas por la patria”, que conseguiu estrear no Teatro Principal de Santiago, e fundou diversas revistas e xornais. Algúns dos seus poemarios son: “Volvoretas”, “Gritos del alma”, “Chorimas”, “Leenda de groria” e “Follas de papel”.

Nas excavacións do Castro de Trelle.
Nas excavacións do Castro de Trelle. | Lucía Otero

P.E falando de libros, están os publicados pola mesma asociación. Un deles, cos alcumes dos veciños como protagonistas.

R.Ese é “Ti de quen eres” no que recollemos os alcumes de Sobrado. Nunha primeira edición, que fixemos tipo “globo sonda” porque os alcumes teñen o seu aquel, recollimos ao redor de 160. Na segunda edición, reunimos más de 500, chegando a retroceder ata cinco xeracións. É un libro no que tomamos como modelo o de Ben Cho Shey, “Mil y pico apodos ourensanos”, no que está inspirado, tanto na idea como na edición.

P.O outro, lévanos a unha viaxe polos músicos de Sobrado.

R.“De bandos e xingros. 25 anos de historia da banda de música de Sobrado do Bispo. 1911-1936” recolle 25 anos de historia musical da localidade e aldeas da contorna. A publicación xurdiu pola información reunida entre veciños, fillos de músicos históricos, testemuñas orais directas, e outras aportadas por veciños e veciñas ou atopadas en internet, e nos arquivos deste xornal, La Región. Neste pobo chegou a haber 300 músico e posiblemente sexa o lugar de onde sairon máis músicos de toda Galicia.

P.Unha primeira parte do libro recolle como en Sobrado chegaron a contar con dúas ou tres bandas de música activas a un tempo. Na segunda, fala de ata 115 músicos que cadraron nalgún momento cos de Barbadás, entre eles os máis coñecidos da época como “Os trinta de Trives” ou “Os 40 de Castro Caldelas”, ou a que podería ser a primeira muller gaiteira de Galicia, Aurea Soto, que formaba parte do grupo “As Marabillas”, de Cartelle.

P.E a súa revista “Terras de Louredo”.

R.É unha publicación que facemos en conxunto con Amigos do Patrimonio de Toén co fin de dar a coñecer a nosa historia e patrimonio material e inmateiral. “Terras de Louredo” é un nome ben acaecido, xa que o maior símbolo do pasado en común deste territorio era a Terra de Louredo, o que ven sendo hoxe en día os concellos de Toén, Barbadás, e parte de Cartelle.

P.E non faltan as festas máis puramente sociais.

R.Nós collemos a organización das festas no ano da pandemia. Foi complicado, pero logramos ser os primeiros en regresar a certa nomalidade neste eido. Tamén axudamos na celebración de festexos ou citas gastronómicas xa que, ao non haber asociación de veciños, traballamos tamén na vertente social. Outro dos momentos nos que colaboramos é na procesión do Venres Santo, a máis antiga do concello e que aínda se mantén hoxe en día. E, como non, o de agochar os décimos de Nadal da moi bo resultado (risas).

P.A semana cultural Emulart significou un punto e aparte na traxectoria da asociación.

R.Foi unha aventura. É algo que facemos entre cinco e que xurdiu de Rafael Yebra, un saxofonista contemporáneo de nivel internacional que xa entrevistaches no seu momento no suplemento Vida, e que é veciño de aquí. A súa proposta unímonos: Andrés Conde, José López Cid, Héctor Alonso e eu mesmo.

R.Trátase dunha proposta do que facíamos ao longo do ano, pero reunido nunha semana cultural. Así, neses días ofrecemos 14 actividades entre concertos -totalmente diferentes e con artistas de nivel internacional- de saxo contemporáneo, frauta, clarinete, oboe, de jazz…; exposicións de pintura, escultura e fotografía coa colaboración da Asociación Fotográfica Os Potiños que cederon material das súas exposición, así como de fotógrafos da provincia, e teatro -que tivemos que levar á escena catro veces-. Estamos moi satisfeitos coa acollida, debemos de recibir a máis de 1.300 persoas durante esa semana. Así que teremos que repetir.

P.Ímolo anotar na axenda. Cando se levará a cabo este ano?

R.Entre o 14 e o 20 de xullo. Esperamos ter a mesma repercusión, e xa che avanzo que xa temos pechadas varias actividades, algúns que repiten e outros novos, como un concerto do saxofonista Rafael Yebra, que tamén é da localidade.

P.Que cree que é o máis importante do asociacionismo no rural?

R.Polo que eu vexo, aínda que a nosa asociación sexa algo máis particular, xa que fai unha labor cultural e tamén social, é o poder de unir á xente e ir pedir cousas cun respaldo e cunha entidade. A unión fai a forza.

P.Cal é o voso principal reto?

R.Por unha banda que toda a xente se involucre, tentar que os que están se queden e tamén lograr atraer a máis veciños. Que o nome do pobo de Sobrado do Bispo soe, se coñeza e non morra. E, como non, esa teima miña que teño que repetir unha e outra vez: que Alberto García Ferreiro sexa recoñecido no Día das Letras Galegas.

A música, imprescindible en Sobrado do Bispo.
A música, imprescindible en Sobrado do Bispo.

Coa venia

Unha actividade pendente en Sobrado do Bispo, Barbadás.

- Tería que darlle unha volta porque levamos feito moito.

Na súa casa soa…

- A que pon miña filla… (risas). Música pop.

De pequeno quería ser…

- A saber… igual delineante ou algo así. Pero seguramente Garda Civil non.

Cando se mira ao espello, ve…

- Unha persoa moi normal que vai cumprindo as súas expectativas de vida. Lentamente, pero van indo por bo camiño.

Un recordo da súa nenez.

- Vivín nos Países Baixos ata os seis anos, e iso é algo que teño moi presente. O de ser emigrante cos meus pais.

Unha viaxe pendente.

- Unha viaxe coa miña filla, coa miña muller e a miña nai.

Un lugar para perderse.

- Calquera sitio tranquilo entre mar e montaña. Eso si, en Galicia.

Unha manía.

- Son moi organizado.

Un defecto.

-Son organizado demais (risas).

Unha virtude.

- Creo que son boa xente.

Un vicio confesable.

- Diríache que non teño.

Perde a calma con…

- A lista sería larguísima… pero unha delas é ver como este pobo, Sobrado do Bispo, vai a menos.

Recobra a calma perdida con…

- Cando investigo, cando leo, cando vexo que o que fago vai aportarlle algo a alguén, falando con xente de cousas do pasado…

Un soño.

- Desde a asociación fago as cousas para todo o público e gustaríame que todos participasen. Pero si que hai unha espiña pendente: o recoñecemento e maior visibilidade do poeta de Sobrado, Alberto García Ferreiro. Gustaríame que un día se lle adícase a el o Día das Letras Galegas.

Contenido patrocinado

stats