Carmen Penim, a voz das raíces populares
ENTREVISTA
De nena, Carmen Penim escoitaba os vellos romances na voz da súa avóa no Couto Mixto. E ese xermolo permaneceu nela acompañándoa durante toda a súa traxectoria musical, pero sen acabar de agromar nun disco. Agora faino e presenta "Cantos de terra e sal", un traballo onde interpreta temas do cancioneiro tradicional recollidos da Galicia do interior e mariñeira
“Cantos de terra e sal” é o nome do seu último traballo. Nel recolle temas do cancioneiro popular. Cóntenos, como xurdiu a idea deste disco?
Aínda que non estaba no repertorio habitual, tanto Maurizio Polsinelli -músico, a outra metade da formación 2NaFronteira e parella- coma mín sempre tiñamos presente eses temas galegos como unha omnipresencia da que éramos conscientes que acabaría por saír dalgunha maneira. Era unha conta pendente. Ante a imposibilidade de que nós fixésemos unha recollida deses temas populares, recorremos a persoas expertas que levaban toda a vida adicada a elo. Ca sorte de poder contar con antoloxías de gravacións, con partituras orientativas, e con Xosé Lois Foxo, que incluso me ofreceu un cantar inédito da zona da Limia que non estaba recollido, “La Gallarda”.
Como o definiría?
É un disco moi alegre, que igual “choca” neste tempos tan duros, pero para mín é unha das virtudes do disco. Ten forza e vitalidade, tamén gracias en parte á conexión e ilusión de todos os profesionais que traballaron nel. Esa enerxía nótase no disco. E penso que tamén é necesaria esa esperanza e ilusión que transmite.
O disco ten dez temas, foi complicado elexir?
Moito. En Galicia contamos cunha gran riqueza de temas tradicionais. Para a escolma fomos seleccionando aquelas melodías que consideramos que darían máis xogo. Pero temos moitas cancións que quedaron fora.
Cancións da Galicia mariñeira e da Galicia do interior, “de terra e sal”, hai equilibrio?
Non o pensei ben. Gustaríame decir que os temas son de todo o pobo galego. É verdade que cecáis hai máis temas do interior, de terra, que de sal… supoño que serán as raíces.
Cos temas pendentes e co fin de lograr ese equilibrio, haberá segunda parte?
Seguramente. Quedaron tantas cancións fóra... e está gustando tanto á xente. Así que, case irremediablemente, hai que sacar unha segunda parte.
Que significa para vostede que vexa a luz este traballo?
É unha rede na que todo se relaciona: o amor aos recordos da infancia; ao rural; á colcha que a miña bisavoa teceu coas súas mans e que forma parte do traballo como unha "leitmotiv" da gráfica; honrar o traballo das mulleres, moitas veces invisibles, e máis no rural; o uso do galego que moitas veces se considera rural; e o rural, de segunda categoría, o que dá como resultado que “non se queiran relacionar coa lingua”. Creo que é esencial non só para os galegos, senón para o mundo enteiro, a volta ao mundo rural, recupéralo e dignificalo; á memoria cultural e musical da nenez de escoitar na voz da miña avóa eses romances e cantares… Volver conectar con todo iso é algo moi íntimo da túa memoria.
Falando da volta ao rural, agora mesmo parece que comeza esa nova etapa.
Non estou tan segura. Xa tiña esperanza coa crise tan longa que houbo fai anos, que parece que cada certo tempo se produce algo para baixarnos a cabeza. A ver se desta a mensaxe entra en cada un, que a memoria é moi curta e temo que a xente deseguida esqueza e volva á velocidade vital na que estábamos; de falta de respeto á natureza, de tempo para os nosos… Non perdo a esperanza, pero penso que a humanidae precisa reflexionar en torno a todo isto.
Volvendo ao disco, viu a luz a través do micromecenazgo, que lle parece esta forma de edición?
Penso que vai máis alá dunha cuestión económica, que obviamente é importante. Pero, a parte diso crease unha ligazón coas persoas. De feito, moitas das que mercaron “Herdeiras”, que tamén viu a luz con este sistema, están tamén no mecenazgo deste traballo. Crease unha especie de rede tecida coas persoas que colaboraron a través de redes sociais, contactos, intercambio de información… e é moi bonito porque esa xente queda dalgún modo conectada contigo.
En redes sociais é moi activa, é hoxe en día unha ferramenta máis de traballo?
Tanto para a promoción do teu traballo como para esa rede de persoas da que falaba é un bo útil. Permíteche chegar máis lonxe e tamén coñecer a persoas con interés pola túa música.
Durante a pandemia tamén quedou de manifesto que moita xente iría a concertos, pero non o fai porque motivos de desprazamento. Nesas datas rexistráronse milleiros de visitas nos recitais online, e eso é moi bonito para unha artista.
Carmen Penim tamén é o outro piar da formación 2naFronteira. Cóntenos.
Maurizio Polsinelli, o outro pé, está sempre. Aínda que o disco vexa a luz só co meu nome, a súa música sempre me acompaña. Coa formación 2NaFronteira destacamos coa musicalización de poemas, tanto meus como de poetas, e o proxecto “A voz da pedra”, que está algo parado debido a falta de fondos, pero que está vivo e de cando en cando retomamos. Este consistía en censar os armonios das igrexas galegas e dar concertos con eles. Para ese instrumento temos un repertorio sefardí que nos fascina e que realizamos recentemente en Tui e Valença do Miño pola Semana da Cultura Xudea. Tamén temos pendente un novo disco, pero somos pequenos e temos que medir ben como e cando sacar os discos. Tamén porque ven a luz co mecenazgo e non podemos saturar esa vía.
Si é certo que os últimos traballo, aínda con Maurizio Polsinelli na música sairon co meu nome porque dalgún modo eran máis meus. Unha teima miña.
Á hora de compoñer, en que se inspira?
Non son nada ortodoxa. Eu saio ao monte cos cans e aí é onde pesco as ideas. De cando en cando me ven algunha de noite, na cama, levántome e gravo. Pero normalmente venme fóra, en contacto coa natureza.
Ademais do rural e a tradición, é innegable a súa continua homenaxe e recoñecemento á muller a través dos seus traballos. É unha das “Referentes galegas” de Executivas galegas, e sempre traballa a prol do feminismo. Que mensaxe daría nese senso de cara este 2021 que recén comezamos.
Debemos traballar coa xente nova e non baixar a garda. As mulleres máis maduras que temos moito loitado e xa temos unha vida máis ou menos vivida, corremos o risco de confundir a nosa visión particular co xeral, e non coincide. Eu vexóo continuamente no meu traballo como mestra. Moita desigualdade e moito machismo. Temo que a xente moza dea esta batalla por concluida, e non o está, para nada. Debemos por unhas lentes con dous cristais: para ver a homes destacados e a mulleres destacadas. Son moitas as veces que en clase teño que completar os libros de texto porque hai mulleres sobresaintes que non están.
Forma parte do Museo da Limia de Escritores e fai unha década sacou o libro “Cambio versos por champán”. Cando veremos outro libro?
Dende nena sempre escribín e sempre me gustou. Pero penso que me enche máis o mundo da música. Escribir cancións. O meu lado artístico está máis volcado na música. Cecáis coa xubilación…
Antes de rematar non podo evitar preguntar polo lado máis rural de Carmen Penim, ese que nos enseña segredos e recetas da horta a través da páxina “Máis que verzas”.
É algo que me resetea a cabeza. Cando estou de mal humor… horta! Meter as mans na terra é man de santo e moi divertido! E tamén é bonito compartir cos veciños e co grupo de Facebook segredos, trucos para un coidado natural e responsable e recetas as veces impensables. Aspiro a xubilarme con horta e música. Non preciso máis.
Fálaba dun proxecto de 2naFronteira, pódese desvelar algunha cousa?
Imos gardar certo secretismo ata que “se cociñe” un chisco máis. Gústame esperar máis. Si que, como comentaba, a ver se nun par de anos sacamos unha segunda parte de “Cantos de terra e sal” e, polo medio ese proxecto de 2naFronteira.
Coa venia
1. Un/Unha intérprete.
- A soprano galega Laura Alonso Padín.
2. Un instrumento musical.
- O piano.
3. Un disco que soe na súa casa.
- Soa moito Mozart.
4. Un libro na cabeceira da súa cama.
- “Planilandia”, de Edwin Abbott.
5. Un recordo da súa nenez.
- Sentir o lobo nunha noite que regresábamos de Covas a Meaus.
6. O primeiro que pensa ao erguerse.
- Levántome con optimismo e organizo mentalmente as clases que vou dar.
7. Antes de deitarse.
- Procuro respirar, relaxarme e pensar en algo bonito.
8. Cando se mira ao espello, ve…
- Unha muller que vive. Algo que me parece moi importante.
9. Unha virtude.
- A lealtade.
10. Un defecto.
- A impaciencia.
11. Unha viaxe pendente.
- A Islandia.
12. Un lugar para perderse.
- Calquera monte de Galicia.
13. Perde a calma con…
- A inxusticia.
14. Recobra a calma perdida…
- Co yoga e a natureza.
15. Un soño.
- Que acabe xa esta pandemia.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
PRIMERA FEDERACIÓN
El Arenteiro buscará sacar rédito de una Ponferradina a la deriva
TENSIÓN POLÍTICA EN ESPAÑA
Feijóo exige elecciones para acabar con un Sánchez que "encubre a machistas y corruptos”