Comezar o ano en plena forma con Eddy Insua: "En forma con carisma e doses de simpatía"

ANO DO MÁIS COMPLETO

Eddy Insua estase convertendo a forza de presenza, simpatía e carisma nunha das caras máis coñecidas da pequena pantalla.

Publicado: 04 ene 2026 - 06:25 Actualizado: 04 ene 2026 - 08:11

Presentador de “Pulso Activo”, colaborador en diferentes programas da CRTVG e influencer.
Presentador de “Pulso Activo”, colaborador en diferentes programas da CRTVG e influencer. | Miguel Ángel

Eddy Insua estase convertendo a forza de presenza, simpatía e carisma nunha das caras máis coñecidas da pequena pantalla. Cada día podémolo ver en “Pulso Activo” na TVG animando en pequenas pílulas a espreguizar o corpo e manterse activos dun xeito sinxelo e sen saír da casa. Un programa de 20 minutos para que o corpo non se acomode a non facer nada e tentar retrasar o máximo posible o enferruxamento que moitas veces trae a idade. Unha oportunidade que lle chegou tras saír da edición 19 da casa de “Gran Hermano” e que tamén fai que cada vez conten con el en máis programas. O último logro, presentar as badaladas de fin de ano. E para o 2026… agárdalle un ano do máis completo.

Eddy Insua en el set junto a un grupo de personas.
Eddy Insua en el set junto a un grupo de personas. | Miguel Ángel

Pregunta.Nestes intres é unha cara coñecida por todos pola súa presenza en programas de televisión e en redes sociais, pero, quen era Eddy Insua antes de todo este rebumbio?

Respuesta.Un rapaz de aldea que sempre saudaba (risas). Un mozo ao que todos os veciños e veciñas consideraban unha boa persoa, achegada e amable. Un pai solteiro que tentaba, e tenta, facelo o mellor posible cada día. Un bo fillo que axudaba aos seus pais a sacar adiante o seu negocio das Cabañas de Fisterra. Un graduado en Educación Primaria con mención en Educación Física, e con numerosas formacións específicas e certificados de diferentes disciplinas como entrenador persoal, Pilates, Ioga, Sala Fitness e adestramento, Tonificación Dirixida Body Fitness e Fundamentos Biolóxicos da Motricidade Humán, entre outros, emitidos pola “Federación Española de Actividades Dirigidas y Fitness” (FEDA).

Diferentes momentos de Eddy Insua amosando o seu día a día.
Diferentes momentos de Eddy Insua amosando o seu día a día. | Eddy Insua

P.Ata aí o anonimato, pero un día cruzou as portas da edición 19 de “Gran Hermano” e todo mudou. Como se lanzou a este reto?

R.Non fun eu… foi máis ben unha idea da miña irmá. Ela envioume o enlace da nova oportunidade de inscripción ao programa animándome a participar. E díxenme, “porque non?”. E logo supoño que xa foi cousa do destino… Ir superando fases e acabar formando parte da 19 edición do “reality”.

P.Antes de continuar co seu presente, non podo evitar preguntarlle como foron esas semanas aillado do mundo, pero á vista de todo o mundo, na famosa casa.

R.Foi unha gran experiencia e non podo estar máis que agradecido pola oportunidade que tiven de vivilo en primeira persoa. Non por elo deixa de ser unha experiencia dura. A máis “heavy” que eu teña vivido. É vivir totalmente dentro dunha burbulla na que chegas a crear a túa propia realidade allea ao que acontece no mundo exterior. Esas catro paredes son a túa vida e ensumente totalmente. Podo explicalo, pero, nunca e ninguén, o poderá entender se non o vive.

“Con ‘Pulso Activo’ queremos que a xente espreguice o seu corpo para que non enferruxe independentemente da idade”

P.Ao pasar a porta ao exterior, sendo o quinto finalista nesa edición do 2024, o mundo que o rodeaba cambiou totalmente.

R.Foron moito cambios repentinos en moi pouco tempo. E confeso que me costou a adaptación. Aínda a día de hoxe me estou acostumando a tantas voltas que me deu a vida. Entrei sendo un pai solteiro, empresario, a non saír do meu pobo coma quen di, cunha vida a “sota, cabalo, rei”… a saír con parella, estar prometido, vivir da televisión e redes sociais… algo que nunca xamais me imaxinei. E tamén é duro porque de repente estás exposto a todas as críticas. Ao bo e ao malo. Comparo a miña vida como a dun peixiño nunha peixeira e agora son ese mesmo peixiño que se ten que desenvolver nun océano. En resumo: cambiou todo: laboral, económico, sentimental, entorno…

P.Situándonos no presente. Entre esas oportunidades laborais está a de ser o presentador do programa “Pulso Activo”. Cal é a proposta deste formato?

R.Considero que é unha proposta moi interesante. Tentar que a xente se mova, fomentar unha vida activa deixando atrás unha vida sedentaria. E todo elo dun xeito sinxelo, sen grandes equipacións ou instalacións. Só un chisco de tempo e vontade.

P.O tempo. Esa é unha das escusas coas que moitas veces se autoconvence a xente para evitar practicar deporte.

R.Con este programa esa excusa non é válida! Os exercicio levanse a cabo en 20 minutos e, como decía, sen ser necesario grandes instalacións e equipamentos. Basta cunha sala e cousas que calquera ten a man e que poden servir como reforzo á práctica.

Diferentes momentos de Eddy Insua amosando o seu día a día.
Diferentes momentos de Eddy Insua amosando o seu día a día. | Eddy Insua

P.Outra das vantaxes de “Pulso Activo” é que é válido para todas as idades e condicións físicas.

R.O importante é dar o primeiro paso e convertelo en rutina. Obvio que se unha persoa quere obter uns resultados máis evidentes, quere obter certos resultados, ou manter unha condición física máis óptima, esta non é a plataforma. Para elo debe acudir a un plan de adestramento máis específico e a uns exercicios con maior impacto. Pero si é perfecto para espreguizar o corpo. E, sobre todo, que o poidan facer desde casa con seguridade, sen risco de mancarse.

P.Cree que nos últimos tempos hai máis preocupación por coidarse físicamente? Máis alá da estética.

R.Antes a xente coidabase menos. Non había unha cultura tan vinculada ao deporte. Agora hai maior preocupación pola apariencia exterior e estar en forma. Pero, máis alá, é importante a actividade física para manter unha tonificación, elasticidade e incluso evitar dores que os anos che van traendo. Se non te moves, e acostumas o teu corpo a non moverse, menos vas poder facer e máis che vai costar.

P.Como diría vostede que inflúe a saúde física na saúde mental?

R.Para mín, a nivel persoal, é moi importante facer deporte para eu estar ben. Se eu teño calquer problema ou inquedanza, a miña forma de liberarme é facendo deporte. É o meu antidepresivo. Así que penso que unha persoa que está nun momento complicado ou de sobrepensamentos, a práctica de calquera deporte vai facer que se evada, que desfrute dese momento sen pensar noutra cousa. E, ao remate, vaise atopar cunha satisfacción persoal e mellor autoestima. Sobre todo, se eres constante e ves resultados, aínda que só sexa que antes non eras capar de atar os amallóns e agora te podes agachar sen que as costas se resintan.

Diferentes momentos de Eddy Insua amosando o seu día a día.
Diferentes momentos de Eddy Insua amosando o seu día a día. | Eddy Insua

P.E iso sen entrar nos estudos demostrados.

R.Efectivamente. Está demostrado que o deporte libera endorfinas, neurotransmisores naturais que actúan como analxésicos e elevan o ánimo, xerando sensación de euforia e bienestar. O que leva a reducir o estrés, a ansiedade e a dor, mellora o estado de ánimo -o que explica esa sensación de “subidón” tras facer exercicio-, mellora a calidade do sono, a función cognitiva e a xa nomeada autoestima.

P.Acabamos de estrear o 2026. E con el os tradicionais propósitos. Que lle diría a todos aqueles que teñen na súa lista o de poñerse en forma.

R.Todos pecamos algo diso… e chega febreiro e xa nin nos acordamos (risas). Está ben ter unha motivación e finalidade. Pero á hora de facerse propósitos, hai que ser realistas. Porque senón pode chegar a ser frustrante. Hai que darse tempo e ser constante.

Diferentes momentos de Eddy Insua amosando o seu día a día.
Diferentes momentos de Eddy Insua amosando o seu día a día. | Eddy Insua

P.Máis alá de “Pulso activo” acaba de dar as badaladas na TVG. Como se sinte?

R.Sen palabras. Foi realmente moi emocionante vivilo “dende dentro”. E tamén con moita responsabilidade.

P.E cara o 2026, onde veremos a Eddy Insua?

R.Vai haber bastante movemento. Tampouco podo adiantar moito. Pero por ser ti, confirmo que “Pulso Activo” renova tempada e aí estaremos cada mañá na TVG, de luns a vnres, ás 11,00 horas, tentando que os espectadores se ergan do sofá e se animen a unha rutina beneficiosa para o seu corpo.

Contenido patrocinado

stats