Emocións de premio para a Banda de Música de Celanova

VIDA

A histórica agrupación celanovesa, con 173 anos de traxectoria, recibiu o premio Martín Códax polo proxecto “Emocións”, unha proposta multidisciplinar que naceu en 2021 como un evento capaz de mobilizar toda a vila e que non parou de medrar desde entón. Deseñado arredor da figura e a poesía de Curros Enríquez, no seu nacemento converteu Celanova nunha festa cultural con actividades musicais e culturais. O galardón chega nun momento de gran forma da agrupación, que apostou decididamente pola formación e o relevo xeracional cunha escola potente que alimenta cada ano de novos músicos á banda municipal. Para o director Miguel Pérez, este recoñecemento non o é só á excelencia musical, senón o broche de ouro a anos de traballo colectivo e á demostración de que Celanova é capaz de unirse arredor dunha figura universal como a de Curros Enríquez.

La Banda de Música de Celanova.
La Banda de Música de Celanova. | La Región

Con 173 anos de historia, a Banda de Música de Celanova vén de recoller o premio Martín Códax na categoría de agrupacións populares, un fito histórico para unha agrupación que, máis alá da excelencia musical, actúa como parte fundamental dun motor cultural, social e identitario da vila. Este galardón supón para eles o broche de ouro a un proxecto global que desenvolveron a partir da figura de Curros Enríquez. “Emocións” é o título da iniciativa cultural que no ano 2021 desenvolveron en Celanova e que ten como centro o concerto que percorre boa parte da obra do autor do Rexurdimento.

O director da formación, Miguel Pérez, non agocha o orgullo que supón este recoñecemento para todos os compoñentes da agrupación celanovesa. “Estamos moi contentos. É unha alegría moi grande, moi grande. Para nós significa un orgullo tremendo, un refrendo a moitos anos de traballo que se consuman con este premio”, confesa con emoción.

Un espectáculo total

“Emocións”, o proxecto galardoado polos Premios Martín Códax destaca pola súa gran dimensión, pola súa complexidade loxística e pola súa ambición artística. Deseñado como unha performance que vai moito máis alá dun concerto filharmónico tradicional, o espectáculo xira en torno á poesía de Curros Enríquez. Os seus versos foron musicados para a ocasión por Manuel Alejandro López, compositor de toda a parte musical, e o deseño global e narrativo de Jorge González, xunto ás palabras do escritor Baldo Ramos. Todos eles involucráronse a fondo no proxecto, enriquecendo a produción co seu traballo.

O resultado final é un despregue escénico impresionante onde a banda de música actúa como o foco de atención e o eixo central, pero arroupada por unha posta en escena multidisciplinar de proporcións xigantescas. “A partir da figura central de Curros, xorde a idea de musicar as súas poesías. Desde centrar a composición, o eixo central é a banda con esa música, e despois o coro cantando as cantigas, bailaríns, gaiteiros, e a banda sempre como foco”, conta Miguel Pérez. Completaron o espectáculo dous cantores, outorgándolle ó proxecto unha envergadura que require a perfecta coordinación de colectivos moi diversos, chegando a xuntar a máis de cen persoas sobre o escenario. Esta gran masa coral formouse grazas á suma de vontades da Coral Solpor, o coro parroquial ou a Coral da Bola, ós que se uniron varias corais de Vigo. Todo o conxunto desenvólvese combinando a enerxía dos gaiteiros e os bailaríns coa solemnidade dunha parte narrada que vai tecendo as letras de Curros coa música, facendo que o espectador se mergulle por completo na historia.

Na gala dos premios Martín Códax.
Na gala dos premios Martín Códax. | Cedida

A xénese deste proxecto estivo marcada polo dinamismo e a implicación social desde o primeiro minuto, converténdose nun evento que mobilizou a vila no seu nacemento. “No primeiro ano, cando naceu o proxecto, fixeramos unha fin de semana intensa onde estabamos metidos todos”, lembra o director. “Fixeramos unha andaina, un mercadiño, actividades na Casa de Curros onde a Fundación tivo unha parte fundamental tamén na presentación. Fomos ó mercado cos nenos, estivera Baldomero Moreiras... foi un cúmulo de experiencias, unha fin de semana extensa onde o punto central foi este concerto musicando a Curros mediante a canción, o baile e a música”.

O éxito desta iniciativa foi tan rotundo que o proxecto non morreu na súa estrea, senón que continuou medrando e viaxando nos anos seguintes para expandir o legado do poeta por toda Galicia. Da man do seu tenor levaron o espectáculo ata Vigo e proximamente prevén levalo tamén á Coruña, “seguindo os pasos de Curros”. “En todos os sitios onde vai é moi ben recibido e gusta moito porque é moi grande, ten baile, a música da banda, o coro, os cantantes e esa parte narrada”.

Máis alá dos aplausos e os teatros cheos, para o director o verdadeiro valor desta viaxe reside no compoñente humano e na capacidade de superación que demostrou a veciñanza uníndose cun obxectivo común. “Sen esquecernos de que isto naceu como algo colaborativo e o máis importante, é para todo un pobo. Nese sentido é co que me quedo, que Celanova volveu demostrar o potencial e a unión en torno a unha figura como a de Curros”, reflexiona Pérez.

Concerto “Emocións” en Vigo.
Concerto “Emocións” en Vigo. | Cedida

“Picar pedra”

Agora, tras recoller o galardón dos Martín Códax por un proxecto global, Miguel Pérez asegura que o premio non tería sido posible sen unha rede de apoio incondicional que sostén o día a día da banda, un tecido humano que o director quere visibilizar e agradecer especialmente. “Hai moito traballo detrás e moita xente colaborando dunha maneira ou doutra, as bandas pequenas, os profesores da escola, a directiva, o concello, a Fundación Curros, Piñeiro, Paula, Baldomero, Baldo, Manolo, Jorge, os coros…. A dimensión que colle é, sen dúbida, inmensa”, afirma.

Ó marxe deste proxecto concreto, a Banda de Celanova atópase nun momento de forma musical moi boa, colleitando os froitos dunha estratexia a longo prazo que se volcou decididamente na formación e o relevo xeracional. “Apostamos nun momento polos nenos e por facer unha boa escola con xente moi potente. A partir de aí, a traballar moito, moito, moito... e hoxe creo que aí está o nivel musical que ten. Claro, que vou dicir eu, non? Pero creo que se reflicte, a banda está moi potente”, explica Pérez con orgullo.

Concierto de la Banda de Música de Celanova en el monasterio de San Salvador.
Concierto de la Banda de Música de Celanova en el monasterio de San Salvador. | Cedida

O segredo, segundo o director, non se atopa en fórmulas máxicas nin en camiños curtos, senón na constancia diaria e na capacidade para manter motivados os novos músicos que se van incorporando cada ano ao primeiro equipo. “Si, cada ano hai esa nova fornada de músicos que suben a ese nivel superior, digámolo así coa boca pequena, que é a banda municipal. Todo o punto máis importante é iso, ter unha escola que funcione, intentar facelo ben cuns profesores moi potentes, e despois... aí non hai segredos, picar pedra. Cando digo picar pedra é traballar, traballar moitísimo. Nese sentido imos un proxecto, outro proxecto, outro proxecto independente, intentando poñer cada ano un poquiño máis de clases, mellor música e un poquiño máis de nivel”.

Os contrastes

A axenda da Banda de Celanova non entende de descansos e, coa chegada do verán, a formación prepárase para a súa época de maior actividade. Lonxe de encastelarse en formatos puramente académicos ou institucionais, a agrupación destaca pola súa versatilidade, sendo capaz de compatibilizar os proxectos artísticos máis complexos e esixentes coas actuacións máis populares e festivas que demandan os seus veciños.

“A nosa banda aínda garda festas”, aclara Miguel Pérez sobre o respecto que lle teñen ás súas raíces populares. “Temos as festas e despois os concertos que temos que realizar no noso pobo. Todo se vai mesturando”. Esta convivencia de estilos permite que os músicos experimenten a arte desde todas as perspectivas posibles, enriquecendo a súa formación e mantendo vivo o vínculo coa rúa.

Deste xeito, o calendario estival da banda convértese nun fervedoiro de formatos diferentes. Por unha banda, a agrupación afronta retos de primeirísimo nivel internacional. “Está aí o Hércules Brass, que para nós é un compromiso forte porque estamos tocando con xente de primeiro nivel, e este ano faremos un concerto especial en agosto con Serafín Zubiri”, adianta o director sobre unha das grandes citas do verán.

Miguel Pérez recollendo o premio Martín Códax.
Miguel Pérez recollendo o premio Martín Códax. | Cedida

Por outra banda, esa mesma vertente académica desdóbrase e convive con formacións moito máis lixeiras e populares que nacen no seu propio seo. É o caso da charanga Os Roquiños, para as citas máis festeiras, ou de pequenos grupos de cámara. É o caso do Celanova Brass, “un quinteto de metais que está nun momento grandísimo”. E despois eses pequenos grupiños dentro do seo da banda e da escola, de clarinetes ou de saxos, “que tamén funcionan moi ben”. Todo, o grande e o pequeno, “é importante para vivir a música dende as dúas perspectivas”, detalla Miguel Pérez.

Cun verán intenso por diante, a Banda de Celanova non baixa o ritmo. Vén de participar con grande éxito no Festival de Bandas da Estrada e de pechar o curso da súa escola cun maratón de audicións que demostra a vitalidade da súa canteira. O Premio Martín Códax non supón un punto de chegada, senón o combustible necesario para que Miguel Pérez e os seus músicos sigan “picando pedra”, levando o nome de Celanova e o espírito de Curros Enríquez a cada escenario que pisan.

Contenido patrocinado

stats