Eva Pérez, acompañamento para a integración
EDUCACIÓN FAMILIAR
Os programas de Educación Familiar son un eixe fundamental para lograr que familias en risco de vulnerabilidade ou risco social se integren no seu entorno a través das ferramentas que un profesional da materia lle preste.
Ese é o traballo que desempeñou Eva Pérez -agora en excedencia polo seu cargo de alcaldesa de Vilardevós- no seu concello natal. Un concello do rural no que levar a cabo este traballo ten as súas vantaxes pola cercanía e coñecemento, pero que tamén ten as súas dificultades á hora de achegarse aos veciños.
Pregunta. Na actualidade é alcaldesa de Vilardevós, pero a súa formación pasou por maxisterio e, co tempo, converteuse en educadora familiar. Cóntenos, como comezou o seu interese por esta profesión?
Respuesta. A miña formación inicial foi Maxisterio xa que naquel momento non existían os estudos de Educación Familiar como tal. Así que eu estudaba e vivía en Vigo, pero sendo de Vilardevós, sabía que cada ano dende o concello se convocaban prazas de concurso público no marco do Programa de Educación Familiar. Tan só eran uns meses e só había dúas prazas, pero presenteime xusto nun ano no que só dúas persoas fomos a concurso, co cal ambas comezamos a traballar. Despois, ao longo dunha década seguín concursando cada ano. Paralelamente, apuntábame a cada curso que saía relacionado coa área de Educación Familiar para seguir formándome e actualizandome en todo o relativo a ese campo.
P. Estamos falando de Educación Familiar e, cecáis, é preciso definir que aspectos aborda este programa.
R. Somos axentes de cambio que traballamos con temas sociais. Buscamos dar apoio educativo e psicosocial ás familias para favorecer o cumprimento das súas necesidades, o seu benestar e plena participación na comunidade. Mediante este programa o noso cometido é detectar e anticiparnos ás situacións de dificultade social, promovendo procesos de cambio e dotando ás familias das competencias necesarias para un axeitado exercicio das funcións familiares, facilitando procesos de autonomía, responsabilidade e participación no seu entorno. Somos persoas que funcionamos como un engranaxe para que a unidade familiar se integre perfectamente.
P. Como é traballar no rural? E, no seu caso, traballar con veciños?
R. No rural hai unha vantaxe, que tamén pode ser un inconvinte…: que todos nos coñecemos. Cando coñeces, tes máis información da problemática pola proximidade, e acabas creando uns vínculos de cercanía. Se eres de alí, vives alí, e eres a educadora do concello, a relación cos veciños, obviamente, é diferente á que hai nunha cidade. Consecuentemente, as actuacións tamén son diferentes.
R. O inconvinte vén polas decisións profesionais que debes tomar unha vez coñeces a situación. Ao final son veciños e a nivel emocional hai outra implicación.
Cales son as principais limitacións que se atopa un educador familiar á hora de levar a cabo o seu traballo?
R. Á xente cóstalle, como é lóxico, deixar que entres nas súas casas. Son eles os que teñen que dar o paso e depositar a súa confianza en ti. Pero para isto hai que traballar, saber crear un clima de concordia, que se sintan a gusto, e vexan que todo o que fas é por favorecer á familia. Para logralo tamén é imprescindible ser moi rigorosos coa ética profesional e a privacidade das persoas. O noso traballo é tentar coidalas.
P. Tamén é un traballo que da as súas alegrías.
R. Dá moitas. A pesar de que tamén é habitual ter sentimentos enfrontados. Cando comezas a traballar cunha familia, nin eles mesmos soen ser conscientes de que precisan dun apoio para poder tomar decisións ou ter autonomía. Traballamos con programas que teñen obxetivos, e cando vas vendo como os cumplen e evolucionan ata que se lles dá a alta -aínda que sempre hai un seguimento- é moi satisfatorio. Tanto para o traballador como para toda a familia, que ten o seu mérito de deixarse asesorar e buscar unha mellora no seu día a día.
R. Persoalmente, penso que axudar aos demais reconforta e da felicidade. O que non quita que sexa necesario moito traballo, e tamén ter as túas propias ferramentas para que cada caso non traspase os seus límites e che acabe afectando demasiado.
P. Da súa primeira experiencia a día de hoxe, como ten evolucionado este ámbito?
R. Eu acórdome que cando comecei o Programa de Educación Familiar eran tres meses de traballo coa familia e listo. Así que ti comezabas a traballar con eles, e mentres ías, viñas e collías confianza, remataba o programa e a familia quedaba “colgada”. Co tempo foi evolucionando, pero aínda agora ten as súas eivas, xa que é un programa polo que teñen que apostar e involucrarse os propios concellos, como fai o de Vilardevós, por exemplo. Tamén se levan a cabo a través das mancomunidades, pero coa problemática de que tan só hai unha persoa para seis ou sete concellos.
P. Se tivese que ser crítica coa profesión de educador familiar, que sinalaría?
R. Os educadores sentímonos sós. Cando eu traballei en Vilardevós sempre optei por un traballo en rede como eixo fundamental. Tecer redes con sanidade, servizo de Atención Temperá, equipos de orientación, colexios, entidades de acción social… pero foi algo que saiu de mín, de forma voluntaria. Gracias a iso conseguiuse que funcionara algo máis e mellor o servizo no meu concello, debido a que chegábamos a máis sitios e as familias sentíanse máis arroupadas. Así que diría que a principal demanda que temos os educadores familiares, é que falta dunha ferramenta estipulada que nos una nunha rede para tendela a esas familias máis vulnerables.
P. Sente que é un traballo que está suficientemente recoñecido e valorado na sociedade?
R. Hai sete anos que eu estou en excedencia, así que a día de hoxe non che podo dicir. Si que podo falar dese momento, cando eu estaba plenamente activa, e o noso traballo non se recoñecía tanto. E creo que somos uns axentes de cambios esenciais para a sociedade, tanto para as familias máis vulnerables, como á hora de levar a cabo actividades comunitarias, ou abrirnos a máis campos.
P. Por onde cre que ten que pasar o futuro da profesión?
R. Deberían pasar por un programa igual ao que pasan os traballadores sociais, no que se rexistre todo o que acontece. E que o noso traballo non se quede nun ordenador nun despacho, que veña a inspectora e que vexa que se fixo, pero que que non haxa un rexistro en si.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último