Frutos Fernández, incansable estudoso da comarca do Ribeiro

ENTREVISTA

Frutos Fernández é un férreo estudoso da terra que o viu nacer: a comarca do Ribeiro e, especialmente de Leiro. É dentro destas fronteiras onde deixa que a súa curiosidade aflore ata a máxima expresión para investigar xentes, edificios, toponima, historia… que logo da forma a libros. Libros como o último publicado, “Leiro. Casas e xentes”, no que a través das construccións relata vivencias dos veciños.

Frutos Fernández
Frutos Fernández

Pregunta. “Leiro, casas e xentes” é o seu último libro. De onde xurde a idea de facer esta publicación?

Respuesta. O libro vén a ser unha continuación da miña Historia de San Clodio, pois San Clodio foi o centro de poder local ata o fin do Antigo Réxime, e Leiro pasou a ocupar ese posto cando, xa dentro do Estado liberal, se creou o concello homónimo en 1836.

P. Conta unha historia, pero a través das casas, era algo que x rondaba na súa mente?

R. Pareceume que podía ser un xeito novidoso e interesante de contar a historia. As casas antigas, e en xeral calquera tipo de construcción, comunícanse con nós, son coma mensaxes enviados polos devanceiros , que nos falan sobre o seu tempo. O traballo do historiador consiste, neste caso, en interpretar esas mensaxes e incorporalas ó relato histórico.

Frutos, José Luis, Pablo e Nores durante a presentación do libro “Leiro, casas e xente”.
Frutos, José Luis, Pablo e Nores durante a presentación do libro “Leiro, casas e xente”.

P. Como foi o traballo de campo ata darlle forma?

R. A base do relato é unha información de tipo catastral do ano 1926, pero despois houbo que darle vida a ese relato a través da historia das das xentes que habitaban eses edificios, e para iso foi fundamental, aparte doutras indagacións, o estudo de miles de protocolos notariais no Arquivo Histórico, uns documentos que é onde mellor se aprecia o pálpito vital dunha comunidade.

P. Porque Leiro?

R. Como comentaba, San Clodio e Leiro veñen a ser dous capítulos dunha mesma historia. E claro, os naturais dun lugar ou dun país son os principais interesados na súa historia; pero tamén os que poden alcanzar un maior coñecemento dela: eu, por moito que estudase, nunca podería escribir unha historia de Beade ou de Ribadavia (a pesar de ser vilas ben próximas, queridas e coñecidas) co nivel de detalle co que escribín a de San Clodio e a de Leiro.

“Cabe subliñar, sobre todo, a diferenciada e ancestral cultura das xentes do Ribeiro”

P. Que lle di a xente que leu o libro? E os veciños?

R. Pois coinciden a maioría en asombrarse da rica historia de Leiro e do número de persoeiros de importancia que deu a vila.

P. A idea de contar esta historia fainos pensar noutros tempos e en certa morriña. Como se sentiu vostede escribindo estas historias?

R. Eu creo que para comprender mellor o presente é imprescindible o coñecemento da historia. Por outra parte, os homes teñen unha tendencia natural ó regreso á súa terra cando van cumprindo anos. Creo que esas dúas ideas combínanse e explican a razón de que o estudo da historia da terra natal resulte tan atractivo para case toda a xente adulta. Menor interés ten para os novos, que, como e natural, están máis interesados polo futuro ca polo pasado; a min pasábame o mesmo: por iso comecei estudando Química e non Historia…

P. Pensando en casas con xente que xa non está e na tan repetida frase de que o rural esmorece, que nos pode decir?

R. As xeracións que nacemos entre os anos vinte e setenta do pasado século vivimos o fin da sociedade rural galega, un xeito de vida que se mantera vixente durante séculos, e dado que o interese pola historia aumenta nos momentos de perigo, non cabe dúbida de que neste tipo de traballos palpita un interese por deixar constancia daquel xeito de vida que desapareceu. Penso que o cambio, con outras políticas, puido ser menos abrupto, específicamente no Ribeiro, pero agora esa ruptura xa non ten remedio.

Con Anxo Collarte e co finado poeta de Barbantes Manuel Vilanova na presentación de “Nomes do Ribeiro”.
Con Anxo Collarte e co finado poeta de Barbantes Manuel Vilanova na presentación de “Nomes do Ribeiro”.

P. Antes deste libro xa publicara “Nomes do Ribeiro”, aínda que o titulo xa o deixa entrever, quqe recolle nel?

R. Aquel é un estudo da toponimia do Ribeiro, pero creo que tamén axuda a coñecer a historia do Ribeiro.

P. E para este traballo, como foi o traballo de recollida? Foi moi longo?

R. Este libro está conectado tamén coa Historia de San Clodio, nacendo os dous da mesma investigación, na que levaría traballando cerca de trinta anos.

P. Con todo, supoño que é un libro que, unha vez reeditado, aínda podería facerse unha nova ampliación.

R. Claro, unha obra histórica nunca está totalmente rematada, sempre imos coñecendo cousas novas que poden modificar, parcial o totalmente, o relato orixinal.

P. Cal é a importancia de recoller toponimia en cada localidade?

R. O meu interese pola toponimia é fundamentalmente histórico: dos topónimos, que son maiormente medievais, poden sacarse importantes información de tipo histórico

P. “Historia de San Clodio” é outro dos seus libros. Sen dúbida é un férreo defensor e divulgador da terra que o viu nacer. Fálenos deste libro.

R. Un autor tan importante como Walter Benjamin decía que “a verdade está nos detalles”, e os detalles soamente se poden descubrir en campos de observación moi limitados. Por iso Unamuno dicía que unha das mentiras máis grandes chamábase Historia Universal. A idea fundamental da miña Historia de San Clodio é que a través do estudo minucioso dunha historia local, calquera que sexa, un pode acabar entendendo moitas cousas da historia xeral: a historia local vén a ser coma aquel exemplo numérico ou práctico que solictabamos do profesor cando queríamos entender ben a importancia dun teorema matemático ou dunha teoría física.

Xantar do día da presentación do libro de “Leiro. Casas e xentes”.
Xantar do día da presentación do libro de “Leiro. Casas e xentes”.

P. Que é para vostede o mellor do Ribeiro?

R. O Ribeiro ten moitas cousas boas, as paisaxes, os viños, pero eu destacaría sobre todo a diferenciada e ancestral cultura das xentes do Ribeiro. O principal perigo que observo é que esa cultura desapareza de par da extinción daquela sociedade de pequenos viticultores elaboradores dos seus propios viños.

P. Ten en mente novos proxectos?

R. Os estudosos, e eu considerome un deles, máis que proxectos o que temos sempre na cabeza son campos de curiosidade e de estudo. Pero non sempre eses estudos conducen a unha publicación. No meu caso, logo de satisfacer a miña curiosidade por saber algo, é cando penso se iso que eu investiguei pode ter interese para outros; nese caso é cando trato de publicalo, cousa que tampouco resulta fácil cando realiza estas actividades de xeito independente.

Coa venia

1. Un escritor/a.

- Hai moitísimos fantásticos: Montaigne, R.W. Emerson, Pessoa, Azorín, Cunqueiro…

2. Un libro.

- Moitos: A Biblia, O Quixote, os Ensaios de Montaigne…

3. Na súa casa soa…

- Cat Stevens, Serrat, Chopin, Batallán… pero, para acompañar a lectura, prefiro o jazz.

4. De cativo quería ser…

- Maior.

5. Un recordo da súa nenez.

- Estou ben surtido deles, e iso considéroo unha riqueza. Pero un dos máis gloriosos talvez sexa o dunha balsa que construímos, eu e máis o meu amigo Enrique Blanco, para explorar o Avia. Unha balsa que acabou naufragando debaixo da Cooperativa de Leiro, en fronte das Tres Marías.

6. Cando se mira ao espello, ve…

- Como te vai deixando o paso do tempo

7. Unha afeción.

- O fútbol (son do Atlético de Madrid), e o cine (fundei dous cineclubes: o cineclube Ortigueira e o cineclube Carballo).

8. Unha manía.

- Gústanme as cousas ben ordenadas e ben feitas, pero non penso que iso sexa unha manía. Non creo ser maniático.

9. Un defecto.

- Ás veces gustaríame ser máis temperado.

10. Unha virtude.

- A xustiza. Trato sempre de ser xusto, a pesar dos problemas que isto adoita ocasionar.

11. Unha viaxe pendente.

- Percorrer Galicia en coche de liña.

12. Un lugar para perderse.

- Gústanme máis os lugares para atoparse, por exemplo os cafés.

13. Perde a calma con…

- Máis facilidade do que me gustaría

14. Recobra a calma…

- Cando lle cadra.

15. Un soño.

- Que na política fose obrigada a exemplaridade pública.

Contenido patrocinado

stats