Una furgoneta con moito máis que lectura, primeiro aniversario da Furgoteca Occidental
CADA VIAXE ALGO NOVO
Reme Cid é a responsable da zona de Ourense Occidental e a paixón polo seu traballo transmítese en cada palabra coa que fala do seu día a día
Fai un ano que A Furgoteca de Ourense Occidental fixo a súa primeira viaxe para achegar a dez concellos desta demarcación o servizo móbil de préstamo de libros posto en marcha pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta. Un servizo que non só se queda en libros, senón que vai máis alá con aluguer de películas, videoxogos, publicacións periódicas… e cun equipamento que vai desde tablets a conexión a internet ou servizo de fotocopias. Un amplo equipamento que non estaría completo de non ser polas persoas que levan esa vistosa furgoneta polo rural. Reme Cid é a responsable da zona de Ourense Occidental e a paixón polo seu traballo transmítese en cada palabra coa que fala do seu día a día, na organización de actividades e dinámicas según a época do ano e o público que agarda por ela… e ela síntese afortunada. Afortunada por achegarse á xente e aprender en cada viaxe algo novo que atesoura entre os seus recordos.
Pregunta. Para comezar, por se hai algunha dúbida, que é o servizo da Furgoteca?
Respuesta. A Furgoteca é un servizo de bibliotecas móbiles no rural galego posto en marcha pola consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia. Esta biblioteca móbil vai por diferentes concellos con paradas axeitadas á demanda da xente.
P. Coa demanda que debe ter o servizo, entendo que haberá máis dunha área.
R. En Ourense contan con dúas zonas: Ourense Sur, que abarca os concellos de A Gudiña, Baltar, Calvos de Randín, Castrelo do Val, Cualedro, Laza, Oímbra, Os Blancos, Trasmiras e Vilardevós. E Ourense Occidental, da que eu me encargo, e coa que fago parada en Lobeira, Muíños, Padrenda, Porqueira, Quintela de Leirado, Rairiz de Veiga, Ramirás, Sandiás, Sarreaus e Verea.
P. A que se debe a creación da Furgoteca?
R. Nace para darlle os mesmos servizos ás persoas do rural que as persoas que viven en vilas máis grandes. Con este servizo, o acceso á cultura e ao préstamo de libros búscase igualdade independentemente do lugar onde vivas de Galicia.
P. Este servizo está pensado para o público en xeral?
R. Está pensado para todas as idades e todos os gustos. Ademais poden atopar moito máis que libros. Eu convido a que se acheguen a descubrila porque estou convencida de que quen non sabe del, lle vai a encantar.
P. A Furgoteca é máis ca unha biblioteca móbil tal e como vai equipada, non si?
R. Exacto. Na Furgoteca pódense atopar ademais de exemplares de libros para nenos e adultos en galego e castelán, películas para adultos e infantís, música, tablets, consolas, auriculares ou xogos físicos e dixitais, así como publicacións periódicas como revistas e xornais. Tamén se poden facer os trámites de expedición de carnés de usuario, préstamo e devolución, formación nos sistemas de préstamos dixitais, así como distintas actividades de formación. Temos conexión a internet, equipos informáticos portátiles e impresora tanto para a persoa encargada da prestación do servizo como para o uso dos usuarios.
P. Cóntenos como funciona.
R. A Furgoteca vai a cada concello dúas veces ao mes. Unha, na primeira quincena do mes, e outra na segunda. E, no servizo de préstamo hai certa diferenza coas bibliotecas das vilas e cidades: os libros deixánse tres meses, e o material electrónico e revistas un mes. É un prazo máis amplo porque as veces as circunstancias persoais no rural fan que a persoa non poida devolver o libro por motivos circunstanciais e non queremos que eso sexa un motivo que xere certo estrés.
“A xente agarda a chegada da Furgoteca, e iso é algo que me emociona moito. Ver que te están esperando”
P. Outra das cousas que levan a cabo son dinámicas e actividades para animar á lectura.
R. Por un lado facémolo en coordinación con centros educativos, asociacións, centros de maiores… e, por outro, temos as que levamos en ruta para facer nas paradas da Furgoteca. Son actividades que desenrolo pensando nas persoas ás que van destinadas para adaptalas a cada un, os seus gustos ou ao momento do ano no que estemos.
P. O servizo da Furgoteca Ourense Occidental vén de cumprir un ano nesta semana, concretamente o día 25 defebreiro, cal é a súa valoración deste periodo?
R. Si! Estou moi contenta co balance deste primeiro ano. As Furgotecas de Lugo e Ourense Sur cumpren agora tres anos, e creo que nos agarda a todas un bo porvir. Como todo, ao principio costou. Chegabas, a xente non te coñecía, non entendía ben que era esa furgoneta rotulada nin o que podería traer dentro… e había certo receo. Pouco a pouco foise e segue a sumarse xente. Nas aldeas non hai moitos habitantes e son eles mesmos os que van traendo uns a outros.
P. A acollida galega sempre acaba sendo boa!
R. Sen dúbida. A xente estate esperando e iso é algo que me emociona moito. Ao final acabas sendo como alguén máis da súa contorna, e incluso algunha vez me teñen convidado a xantar! Son marabillosos.
P. Despois dun ano e esa acollida, vostede, como traballadora da Furgoteca tamén leva a cabo certa labor social.
R. Colles cos usuarios un trato que roza a amizade. Unha relación cotiá que fai que te preocupes cando algún dos habituais non está, preguntas por eles, e eles agradecen que ti vaias porque é un incentivo a saír da casa, estar con máis xente, falar… e incluso entre eles despois se recomendan lecturas. É un momento que agardan para xuntarse.
P. Según estudos, son as mulleres as grandes lectoras. Mantense esta estatística no rural?
R. Sen dúbida. Con moita diferenza.
P. Lecturas en galego ou castelán?
R. Os nenos, canto máis cativos, len igualmente galego que castelán. Os máis adultos tiran ao castelán. Eles xustifican que aprenderon en castelán, pero si que me din conta de que hai persoas maiores que só leen en galego e outras, que, animadas por veciños, se animan a coller libros en galego.
P. E están os máis cativos, como a reciben?
R. Os nenos son tan expresivos! Todos os nenos queren coller todos os libros! Dalgún modo tamén formas parte da súa rutina do mes e xa me están agardando. E hai máis dun que pide que vaiamos máis veces! Aínda que teñan a súa biblioteca escolar.
P. Cal é a importancia deste servizo para os máis mozos do rural?
R. Eles serán os lectores do futuro. E esta é unha boa semente. Entre eles tamén se falan, aconsellan lecturas e comentan que facemos actividades que acaban implicando uns a outros.
P. Vostede tamén actúa como conselleira cara as lecturas.
R. Algo así, si. Cando comezas tentas coñecer algo máis deles para saber o que lles pode gustar, a súa facilidade e soltura… logo, co tempo, vas coñecendóos e tentas dicirlles o que crees que lles vai gustar, suxires novidades…
P. Para vostede, que significa A Furgoteca?
R. É un modo de estar en contacto, sobre todo, coa xente maior. Son mestra, e por traballo o meu trato é máis ben cos nenos, pero coa Furgoteca descubrín que as persoas maiores poden aportar un universo de cousas. E para mín iso é un agasallo. Eu incluso recollo refráns, palabras… que me din e vou anotando o lugar e a persoa que ma dixo porque creo que non se deben perder. E cando lles demostras e amosas interese, eles síntense máis valorados e que poden aportar. Que o que contan si ten importancia e acaban soltándose e ti descubrindo grandes historias, anécdotas, lendas case perdidas…
P. Esa recollida soa a unha publicación…
R. De momento estou recollendo e gardo todo (risas).
P. Que é o que máis feliz a fai do seu traballo?
R. Chegar a un lugar e, ademais de poder ofrecerlles o servizo de préstamo, estar coa xente. Escoitalos e aprender cada día algo novo.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
CASI 23.000 JÓVENES NO EMANCIPADOS
Los hogares de Ourense: con hijos adultos a cargo y sin apenas bebés
Jenaro Castro
TRAZADO HORIZONTAL
Sexo, feminismo y demagogia