A historia que agocha a Casa Museo do Chocolate en Parada de Sil

PORTADA VIDA

A Casa Museo do Chocolate, único en Galicia das súas características, foi e é un lugar dinamizador da economía en Parada de Sil. As súas herdeiras, Loli e Rosa Casares, gardan mil e un recordos, ademais de documentación e imaxes que atestiguan o papel deste espazo

2024071401482742327
2024071401482742327

Hoxe falamos dunha Casa Museo de Chocolate, e se hoxe é o único en Galicia das súas características, podemos decir sen medo en equivocarnos que, no tempo no que comezou a funcionar foi tamén un referente para toda a contorna de Teimende, e Parada de Sil en xeral.

Un lugar dinamizador da economía de onde saía un apreciado chocolate empregado non só como un antollo, senón tamén como reconstituínte para as mulleres recén convertidas en nais e traballadores que, cunha onza, atopaban un extra de enerxía para facer fronte ao intenso traballo de sol a sol. As súas herdeiras, Loli e Rosa Casares, gardan mil e un recordos, ademais de documentación e imaxes que atestiguan o papel deste espazo na historia, a súa evolución, e tamén a súa recuperación para convertelo no que é hoxe en día: un espazo visitable para descubrir como se elaboraba artesanalmente o chocolate desde este fermoso recuncho da Ribeira Sacra.

De entrada, pode chamar a atención que houbese unha fábrica de chocolate en Teimende. Como foi posible?

Os inicios, según a documentación que temos, debémosllos ao noso bisavó, Pedro Casares, que era unha persoa moi avanzada aos seus tempos. El realizada viaxes periódicas a Astorga, León, para comerciar con teas, e foi alí, nun lugar de gran tradición na elaboración de chocolate, onde descubriu este mundo. Así que decidiu arriscarse e traerlo para Teimende onde comezou para deixar un negocio en funcionamento ao noso avó Arturo.

Como era a elaboración do chocolate neses anos?

Facíase con tracción animal, cun cabalo que cumpría unha dobre función. Por unha parte, movendo a máquina nunha especie de mesturadora onte se botaban todos os ingredientes - conservamos debuxos que explican como se facía-, e por outra, transportando o chocolate para a venda. Tras a elaboración e antes do reparto, tocaba facer todo o proceso de maneira totalmente artesá: corte, división, envoltorio... Deses anos temos algúns recordos, pero,tristemente tivo que deixar moi novo a actividade e foi o noso pai, Ricardo, o maior dos

irmaos, ó que lle tocou coller as rendas da fábrica.

E chegou o momento de darlle unha nova volta a este negocio familiar?

Si, foi o noso pai o que industrializou e modernizou a fábrica, equiparandóa -salvando as diferencias no tamaño- a outras que existían na provincia. Mantendo unha parte de traballo manual, incorporou mesturadora, refinadora, muíño e a tabletadora. Así, sen deixar de ser todo artesanal, a nova realidade facía que o traballo fose máis levadeiro, coincidindo tamén cos anos de maior de producción.

Unhos anos que tamén coinciden con tempos de racionamento e certa pobreza dos nosos devanceiros.

Nese senso, a fábrica tamén desempeñou certo papel social. A fábrica axudaba moito a todos os veciños e meu pai sempre tiña para os rapaces un anaco de chocolate. De feito, temos unha carta que escribiu o que era daquelas médico de Parada de Sil decindo que a fábrica desempeñaba un papel moi importante para o pobo. Por elo, pedía ás autoridades que debían aumentarlle a cota de azucre e cacao -produtos intervidos polo racionamento- que fose necesaria para facer o chocolate, xa que ademais de contribuir a aliviar a escaseza de alimentos imprescindibles para saciar a fame, o chocolate era un reconstituínte de primeiro nivel para a recuperación das mulleres cando daban a luz.

Sen dúbida, seu pai tamén era desas persoas boas e xenerosas.

Amou ó seu pobo como se fose unha cousa grande e elo conlevaba ter sempre a man tendida para os veciños que o precisaran. Ademáis, oficiaba nas cuestión sociais colectivas, como porse ó frente da organización dos festexos do pobo. El encargábase prácticamente de todo, incluido a confección de carteis promocionais coa programación das festas na honra do patrón, nos que insería anuncios dos establecementos para os que elaboraba el mesmo os textos publicitarios que os acompañaban, con singular inxenio. A sua alma solidaria abarcaba todas as frontes, como a donación gratuita dun manantial de auga ubicado nunha finca familiar para o abastecemento do pobo de Os Fiós. Foi sempre un home moi avanzado e cun alto concepto da unión veciñal.

Era home de aldea e sempre militou mesa idea. Foi un loitador que tuvo nunha acusada intelixencia natural a sua gran aliada. Nunca se quedaba con dúbidas; nunca se achicou por non entender algo, senón que preguntaba ata o final para estar sempre aprendendo. Foi un empresario que soubo saír adiante sen haber tido formación académica. Incluso un visionario do que hoxe en día chamamos marketing.

Conte eso de visionario do Marketing...

Sí (risas). Lembro meter agasallos dentro das tabletas do chocolate. Unha paneira, un humilde peine, un coador... útiles necesarios que sempre incentivaban as vendas. Tamén facía carteis e poesías para promocionar o chocolate. Poñéndote naqueles tempos, nun pequeno pobo como Teimende, tan lonxe de Ourense e outros urbanos, tal e como eran daquela as distancias e as comunicacións, había que ser un visionario para facer o que facía cos seus propios medios materiais e intelectuais na loita diaria por sacar adiante a fábrica do chocolate e axudar no desenvolvemento da sua terra.

Cal era a receta para a elaboración do chocolate?

Temos documentación de que cando meu pai tomou o testigo da fábrica solicitou diferentes fórmulas que xa existían no mercado. Fórmulas que había que pagar. E logo el, según lle ían decindo os clientes, foinas modificando e adaptando ás demandas da xente ata dar con aquela que máis convencía.

E de onde proviña o cacao?

O cacao era un monopolio en poder do Estado. Nós tiñamos que facer a previsión e trasladala á Agrupación Nacional de Fabricantes de Chocolate ó tempo que se abonaba o importe por adiantado. Descoñecíase cal sería a procedencia do cacao, que se descubría ó recibir os sacos

ca mercancía, que podía tardar semanas ou meses (nese periodo o Estado tiña o diñeiro nas suas mans). Por certo, era frecuente que a cantidade recibida fose inferior á solicitada, atendendo a un criterio de reparto decidido polas autoridades, que (no franquismo), adoitaba favorecer as

petición das empresas máis afectas ó réxime. No momento da recepción era cando se sabía de onde viña. Na documentación que manexamos figuran como países de orixe Fernando Poo, daquela provincia de Guinea Ecuatorial (colonia española), Costa de Marfil, Costa Rica e máis adiante tamén Brasil.

Que tipo de chocolates facían?

Sobre todo chocolate á taza de diferentes pesos, 300, 400 e 500 gramos. Como xa dixen, dábaselle moito ás mulleres que daban a luz, nunha época na que abundaban os fillos na mesma medida na que escaseaban os medios. Así como para ter máis enerxía á hora de traballar, así que unha onza de chocolate con pan era como un azo que axudaba a rematar a xornada. Nos últimos tempos tamén se fixo chocolate con leite. Entre as curiosidades de elaboración figuraba o chocolate de vainilla, que foi novidade no seu tempo.

Con que nome se comercializou?

Industrias Casares, e co tempo tamén se comercializou baixo a denominación de Chocolates Caldelas.

Por onde se vendía?

Nos primeiros tempos, na nosa provincia e moito na zona sur de Lugo, cunha caballería; para trasladábanse atravesando o Sil nunha barca, incluido o animal, gobernada por un barqueiro. Miña irmá e máis eu aínda lembramos acompañar ó noso pai nas vacacións, cando xa se facía o reparto en furgoneta, por Baños de Molgas, Maceda, A Teixeira, pasando logo a Lugo por Sober ata Monforte, deixando os nosos chocolates nos tendas de ultramarinos de todos os pobos polos que pasábamos. Lembro botar dous días e durmir de camiño, o que para nós aquelo era ir moi lonxe e constituía toda unha aventura (risas).

Noto certa morriña de recordos fermosos.

Todos os recordos que temos vencellados á fábrica de chocolate son bonitos. Tanto miña irmá como eu considerámonos afortunadas polo vivido e polo legado recibido. Estudábamos internas en Celanova e logo en Ourense, e nas vacacións íamos a Teimende; os outros nenos tiñan que axudar na agricultura, e nós na fábrica de chocolate. Imaxínate! E despois íamos repartir chocolate. O noso pai, cunha mente moi aberta, deixábanos vender, dar os cambios, facer as contas... dándonos case plena autonomía. E, por riba, ao ser unhas cativas, sempre tiñamos un detalle nos sitios onde estábamos. O noso pai sempre estaba alegre, nunca había unha rifa... e ata me deixaba conducir sendo apenas adolescente!

Conducir?

Con 14 anos! Agora parece un disparate, pero hai que míralo cos ollos daquel tempo, con moitísimo menos tráfico. Para aquela nena, chegar conducindo aos lugares de reparto entre o pasmo da xente e co total orgullo de meu pai. Aqueles viaxes foron para nós unha escola de

sabiduría, bondade e xenerosidade. Foi un tempo de ver e vivir a máxima expresión do amor

de pai.

Ata que chegou o momento do peche.

A mediados dos oitenta, as grandes multinacionais chocolateiras incorporaron os sucedáneos abaratando os presos a un nivel inasumible para os pequeños produtores, levándoos por diante a prácticamente todos. A eses e a calidade dos seus productos. Como iso aconteceu

nunha época na que as fillas e herdeiras tiñamos as nosas vidas canalizadas por outros ámbitos profesionais e o noso pai xa andaba pensando na xubilación, tocoulle tomar a dura decisión de pechar a fábrica e deixar para a historia a sua memoria como legado.

Canto tempo estiviveron pechadas as instalacións?

Arredor de 30 anos. Pero xa algúns anos antes comezamos a falar co que daquela era alcalde do Concello de Parada de Sil, Francisco Magide, coa idea de non deixar que se perdese de todo e recuperalo para amosar as técnicas de elaboración de chocolate máis tradicionais. E grazas a

súa sensibilidade hoxe é posible telo en perfecto estado de revista.

Así foi como volveu rexurdir con certa tintura de homenaxe.

Dábanos moita mágoa chegar a fábrica e ver como a maquinaria e a casa se ían deteriorando

como sempre pasa con aquelo que non se usa. Ía camiño de acabar morrendo e a fábrica

desempeñara un papel moi importante non só en Teimende, senón en toda a contorna.

Ademais, está o valor sentimental, ver que tantos esforzos e tanta loita dos nosos antepasados

por sacar todo adiante, se esmorecía.

E tamén cun novo concepto.

Tras a cesión ó concello, este encargouse de arranxar o edificio e dotalo das melloras necesarias para reconvertilo en Casa Museo. É moi pequeno, pero alí pódense atopar todas as máquinas coa que se facía o chocolate en perfecto estado de funcionamento, incluso facemos demostracións. Alí ves os ingredientes, podes probar a pasta de cacao... e tes unha guía que conta á perfección todo o proceso. A visita remata cun pequeno vídeo explicativo para transportarse a aquela época.

Non podemos esquecer a ubicación da Casa Museo, a Ribeira Sacra. Nutríndovos ambos da vosa respectiva riqueza.

Somos un complemento máis para os miles de visitantes que temos. A visión que agora temos da Ribeira Sacra é espectacular. Está no lugar que lle corresponde. Un espazo senlleiro con patrimonio natural e monumental riquísimo, natureza e cultura por descubrir. Pero antes, moito antes, esta era unha zona moi pobre e con certa tristura. Onde os traballos eran de sol a sol, en minifundio, sen mecanización, moi dura... E eso tampouco o podemos esquecer por respeto e homenaxe a esa xente que tanto traballou para que hoxe chegue a ser o que é.

Agora mesmo, en que momento está a Casa Museo?

Estamos escaneando toda a documentación que temos para que non se perda, e tentar que entre no círculo museístico da Xunta como Colección Museográfica Casa do Chocolate de Teimende.

Cal cre que é a importancia de manter vivos estes pequenos museos no rural?

Por unha banda, darlle vida e valoralo. Non se valora o suficiente cando, curiosamente, grazas a el, sobrevivimos. Que inxusto é que esté tan pouco recoñecido cando é o que nos da sustento!

Por outra, o que máis valoro é que estamos aquí gracias aos nosos antepasados. No caso do meu pai, nun contexto de atraso económico e social, loitar desde un pequeno recuncho, con malas comunicacións, lonxe da capital, con retraso nas recollidas, resulta admirable. Temos que darlle valor a todo o que cada persoa fixo facendo fronte as adversidades que lles tocaron, e ao rural en xeral. Non podemos permitir que a súa loita e a sua memoria caian no esquecemento.

Contenido patrocinado

stats