Escavacións arqueolóxicas nas orixes de Ourense: As Burgas (II)

DIARIOS DO PASADO

Publicado: 21 feb 2026 - 06:40
Restos termais descubertos por Luis Orero nas Josefinas.
Restos termais descubertos por Luis Orero nas Josefinas. | La Región

A mediados da década de 1990 levouse a cabo outra das escavacións arqueolóxicas esenciais para o entorno das Burgas e para a cidade. O colexio San Xosé, “Las Josefinas”, necesitaba renovar o patio para dotarse de instalacións deportivas. O plan especial do núcleo histórico de Ourense -o PERI- aínda non estaba en vigor e a Comisión Territorial de Patrimonio Histórico de Ourense da Xunta de Galicia, dada a localización tan sensible das obras, ordenou unha escavación arqueolóxica previa que dirixiu L. Orero Grandal en 1996.

As expectativas deron os resultados agardados. Por primeira vez, sumado aos indicios proporcionados polo altar que Calpurnia Abana Aeboso dedicara ás Ninfas das Burgas e por algúns materiais descubertos anos antes por Alfredo Seara -primeiras deducións empíricas da presenza romana neste enclave- apareceron restos edilicios que indicaban o uso termal incontestable na etapa romana. Orero exhumou varias estancias dun edificio. Un era un depósito de auga, de forma sensiblemente cadrada, pavimentada con morteiro romano e coas paredes enlucidas no interior. Daría servizo a uns baños, facilmente identificables polo descubrimento doutra estancia contigua dotada do típico sistema de calefacción coñecido como hipocausto, moi común nos baños romanos. Consistía, a grandes trazas, nun chan elevado -”suspensura”- por medio de pilastras -”pilae”- construídas con ladrillos, orixinando un pequeno soto que se quecía con fornos -”praefurnium”- que caldeaban a estancia transmitindo o calor tanto a través do chan como das paredes. Igual que escribimos noutras ocasións, o hipocausto seguramente ten orixe grega, pero foi plenamente desenvolvido polos romanos. Documéntase nas Termas Estabianas de Pompeia a finais do s. II a. C. e utilizouse con profusión nos ambientes termais para conseguir un ambiente de baño agradable todo o ano e en todo o imperio, que se estendía dende Asia Menor a Hispania e dende o norte de África a Escocia ou Xermania.

Un era un depósito de auga, de forma sensiblemente cadrada, pavimentada con morteiro romano e coas paredes enlucidas no interior.

O hipocausto atopado nas “Josefinas”, aínda que non se preservou enteiro, tería segundo Orero unha superficie aproximada de 17 m². Conservaba dezanove pilastras das sesenta e tres detectadas, varias deducidas por medio das marcas que deixaron no piso do soto. Este asentamento descuberto nas Burgas tería unha cronoloxía que abarcaba dende o s. II d .C. ata mediados do s. IV. A secuencia púidose datar por medio dos numerosos materiais arqueolóxicos que apareceron xunto coas edificacións. Non os vamos detallar, posto que foron publicados en varias ocasións, pero son a destacar o gran número de materiais cerámicos, xunto con fragmentos de vidros, ferros e bronces. Entre as cerámicas está representada a vaixela de mesa -sixilata- lisa e decorada, esta última con figuras humanas e de animais, motivos vexetais, rosetas, etc. Na cerámica común destacan as olas, cuncas, pratos, morteiros e xarriñas xunto con algunha cantimplora e ánfora, etc., ademais do numeroso material de construción. Da etapa final do asentamento procede unha moeda de Constantino II exhumada durante a escavación. Como escribe o director da escavación, os restos atopados baixo o patio das “Josefinas” poderían formar parte dun complexo termal, acaso de uso privado, que aproveitará os mananciais de agua quente que xurden no lugar. Orero incluso non desbota un posible uso curativo o balneario deste complexo.

Unha escavación posterior tamén dará valiosísimas novas sobre as Burgas. Tratarémola o próximo día.

Contenido patrocinado

stats