Isidro Vidal, a música como tradición contemporánea

VIDA

Isidro Vidal leva anos rompendo fronteiras xeográficas e musicais coa gaita baixo o brazo. Dende o seu Carballiño natal non ten parado de formarse dende que no ano 1993 collera unha gaita por primeira vez. Conservatorios, cursos de construción de instrumentos, composición, batería, guitarra, clarinete... un “pouquiño de todo” para poder moverse con igual soltura pola música tradicional historicista, o folk atlántico, a electrónica e ata a música clásica contemporánea. Sempre, iso si, desde a gaita. A súa é a historia dun creador que en 2018 decidiu escribir unha peza musical cada día durante un ano enteiro e cumpriu. A dun artista que levou a Muiñeira de Chantada ata a ponte de Brooklyn ou a Grande Place de Bruxelas. E a dun profesor convencido de que ensinar é a mellor forma de seguir medrando como o músico que é. Nel conviven o rigor do estudoso e a liberdade do creador.

Isidro Vidal, a música como tradición contemporánea
Isidro Vidal, a música como tradición contemporánea | José Paz

Pregunta. Como chegou a gaita á súa vida?

Respuesta. Eu comecei no 93 na Escola de Gaitas do Carballiño, estiven tamén na Escola da Deputación de Ourense e despois pasei ao Conservatorio Mayeusis de Vigo e ó Conservatorio Superior de Música de Vigo. Formeime no título profesional de gaita e no titulo superior de instrumentos da música tradicional e popular de Galicia. E depois fixen os cursos de construcción de instrumentos musicais que oferta a Deputación de Ourense e a Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo. Fixen tamén cursos de composición musical e un montón de cursos de instrumentos, tanto de batería, guitarra, clarinete, piano, flautas... Formeime un pouquiño en todo.

P. E defínese como gaiteiro urbano.

R. Sí. Eu defínome como gaiteiro urbano, sexa o que sexa iso. Toco un poquiño todos os paus na música. Dedícome tanto á música tradicional historicista, á música tradicional máis popular, e fago música folk de corte galega ou atlántica, que conxuga influencias atlánticas desde músicas de Irlanda, Escocia, galega, música bretona tamén… Mesturo un pouquiño. E tamén toco música electrónica con base na música tradicional Teño pasado polas músicas máis académicas, como música clásica, contemporánea… Todo sempre desde o instrumento galego, que é a gaita.

P. Xa non hai aquela división tan marcada entre gaiteiros máis puristas e os que apostan pola fusión?

R. Hai de todo. Eu noto moito que segue habendo moito diso. Pero eu básome nas fontes para hoxe en día facer todo o que o meu instrumento me permite. Non considero que a gaita sexa un instrumento tradicional galego, senón que considero que é un instrumento ligado á tradición musical galega. Que é algo moi diferente.

P. Claro, porque realmente hai gaita en moitas culturas…

R. Si. E xa non son só iso, senón que se collemos a gaita que utilizaba Perfecto Feijóo nunha gravación de 1904, que se consideraba ata hai nada a primeira gravación de gaita galega, se escoitas esa gaita ten moita máis similitude a unha gaita escocesa que a unha gaita galega actual. Por iso é moi difícil de definir que é a gaita galega, hai moitas versións e depende de que ano falemos, temos unha versión. Eu sempre digo que a gaita galera non é un instrumento tradicional, senón un instrumento ligado a unha tradición musical. Porque depende da época na que estamos falando, falamos dun instrumento ou doutro, un instrumento que che dá unhas posibilidades ou outras A día de hoxe podemos facer cousas que hai 20 anos eran impensables. É moi complicado o tema, por iso, depende do que vaia facer. Se vou facer algo tradicional, informado, a nivel histórico, xa collo un instrumento que se asemelle o máis posible a un instrumento antigo ou réplicas de instrumentos antigos. Senón, xa me vou a outro extremo e fago unha interpretación de músicas tradicionais, pero desde un punto de vista actual. Por iso digo que son un gaiteiro urbano, collo todo o que hai, estudio, mesturo e despois fago o meu estilo.

Isidro Vidal, un gaiteiro urbano sen fronteiras
Isidro Vidal, un gaiteiro urbano sen fronteiras | José Paz

P. E como é ese proceso de composición?

R. Desde pequeniño eu sempre dicía que quería ser Carlos Núñez. Pero despois rodeábame de xente e profesores que escribían música, entón eu tamén quería. Así que ía empezando a xogar coa música. Teño cousas escritas con nove anos. Obviamente, é música escrita por un neno de nove anos. Pouco a pouco, segundo me fun formando, tiven a sorte de ter mestres de gaita que me animaban a escribir. En 2008 tiven a sorte de entrar en Mayeusis a estudar o grao profesional de gaita con Ernesto Campos, que é unha eminencia, e con el fixemos moitos xogos de composición. Obsesioneime moitísimo con iso e empecei a escribir como se fora un xogo. Xa no Conservatorio Superior, aprendes como escribir a Beethoven, analizando a súa música. Así que empecei a copiar iso. Durante moitos anos, tódolos días me dedicaba a compoñer. Escribía oito compases, borrábao ou tiraba o papel, porque non era para escribir música, senón para aprender. En 2018 necesitaba unha campaña de marketing e ocorréuseme facer o proxecto de “Composición 365”, que é algo que moita xente fai pero non fan público, porque realmente os compositores aprenden a escribir escribindo todos os días. E empecei a escribir unha peza diaria en base a todo o que me rodea. Eu sou unha persoa que, por sorte, teño acceso a moitísimos tipos de música e déixome influenciar por rock, pop, música clásica, música dos Balcáns... Vou collendo todo o que me gusta de cada cultura ou estilo musical e fágoo meu, pásoo polo meu filtro e vouno adaptando a unha muiñeira, por exemplo. E tamén me baseo nalgunha vivencia, sempre desde un punto de vista positivo.

P. Foi un éxito esa campaña.

R. Si, para min foi perfecto porque pasei dun “non te coñecemos de nada” a “sabemos quen es”. Isto hai que velo dende o punto de vista das persoas que non se adican á música, porque os músicos xa o fan. Realmente é algo bastante asequible para unha persona que se adica música. Por iso, escribir música todos os días ou escribir unha canción cada día non é digno de loubar pero sí que é digno de loubar ter sido estable e ter cumprido todos os días. O mérito que eu tiven aí foi facelo todos os días.

P. Non se aburriu de compoñer cando acabou o ano?

R. De feito, o proxecto teña que acabar o 31 de decembro e o día 1 de xaneiro aínda escribín unha peza máis. Ese día aínda estiven dándolle voltas a se seguir co proxecto un ano máis. Pero pareceume que xa estaba moi visto e había que facer outra cousa.

P. Outro dos éxitos que tivo nas redes foi o vídeo dende a ponte de Brooklyn. Segue tocando en lugares senlleiros?

R. Si, de feito esta semana pasada estuve en Bruxelas. Fun cos pulpeiros do Carballiño porque houbo unha problemática no Parlamento Europeo, que puxeron calamar con brócoli e chamáronlle pulpo á galega. A raíz diso formouse un pouco de problemática e a semana pasada foron os pulpeiros do Carballiño a facer o pulpo no propio Parlamento Europeo e leváronme con eles para tocar a Muiñeira do Pulpo. E aproveitei tamén para gravar un vídeo na Grande Place e está tendo moi boa acollida. E teño outro que tamén gravei na diante da Catedral, pero vou esperar un pouquiño máis a subilo. Tamén coa Muiñeira de Chantada.

Isidro Vidal na ponte de Brooklyn.
Isidro Vidal na ponte de Brooklyn. | La Región

P. Ten levado a gaita por todo o mundo. Como perciben a nosa música fóra? Mellor que aquí?

R. Pois moito mellor. O 12 de maio cumpríronse tres anos dende que saiu o meu primeiro disco en solitario e subín un post a redes dicindo que eu toco máis fóra que aquí. Porque realmente en Galicia non estou tocando nada. De feito, nos últimos sete anos debín dar dar sete concertos, oito como moito. O resto foron todos en Estados Unidos, Portugal, a semana pasada en Bélxica. A acollida fóra non ten nada que ver coa de aquí. Valórase moitísimo o que fas e teñen outro sentido á hora de escoitar. Se estás tocando, a xente está atendendo e, se non lles gusta, marchan, non quedan molestando. Fóra de España, está todo moito máis valorado, no que eu coñezo, que é Europa e Estados Unidos. É moi fácil tocar. O complicado é a loxística. Eu marchei a Estados Unidos, sen ningún tipo de subvención, nin axudas públicas. Tardei case dous anos en poder conseguir a financiación. No momento que o conseguín, xa estaba feito, porque pechei os concertos en tres días. É fácil, o problema é a loxística porque vivimos lonxe de todo. Por iso eu toco moito en Portugal.

P. E a todos os sitos leva a súa Muiñeira do Pulpo.

R. A todos. Iso é imprescindible De feto, se non a toco e hai alguén que me recoñece xa ma pide.

P. A súa faceta como profesor, que lle aporta como músico?

R. Apórtame todo. Dame unha axilidade mental brutal, porque ó tratar de explicar descubres cousas que funcionan mellor cás que sempres usaches. Por exemplo, hai unha cousa coa que levo anos loitando, que é a hixiene postural. A xente non toca cunha boa postura, toca torcida e iso aféctalle moitísimo ó son e a como tocamos, pero tamén á saúde. Eu por sorte tiven unha persoa que un día me dixo cousas que facía cando tocaba, era un percusionista, nin sequera era gaiteiro, e vin que tiña razón, así que empecei a tocar cambiando a postura, os vestidos das gaitas as boquillas dos sopletes... Todo iso axudoume moitísimo a que hoxe podo estar tocando e parece que estou, como dicía unha profesora, no salón da miña casa. E iso axúdame tamén cos alumnos coas súas posturas e descubres cousas que podes ir aplicando en ti mesmo. Eu crecín moitísimo como músico dando clase. E tamén tes que adaptar a música a cada alumno con cancións moi faciliñas e que non son moi bonitas e buscas como facelas máis bonitas, aparecen arranxos que podes levar ó teu propio proxecto e acabas facendo outro tipo de música tamén. Para min dar clase é estar en constante crecemento.

Isidro Vidal no Parlamento Europeo.
Isidro Vidal no Parlamento Europeo. | La Región

P. Desde o seu punto de vista, como está a música tradicional?

R. Está cambiando con respeito ós usos e consumos Antes a xente ía ver un concerto de música folk ou tradicional, pero hoxe van participar, queren bailar. A música tradicional está volvendo ó pobo. Está fóra da industria e máis metida no pobo. Porque ó final tampouco hai unha profesionalización 100% no sector da música tradicional. Con profesional non me refiro a calidade, senón a nivel de traballo, que calidade, sobra. Pero hoxe hai moitísimo movemento asociativo. A xente sabe que compra unha pandeireta e con ir a tres clases xa poden saír a tocar, máis ou menos. Despois, vas a un festival e tes un obradorio de iniciación ó baile nas foliadas e, á noite, cando son os concertos, xa están bailando. Está cambiando ese tipo de mentalidade. A música tradicional hoxe en día estase consumindo dunha forma máis participativa que como espectador. A xente está máis dentro dela.

Contenido patrocinado

stats