Jennifer Novoa, redescubrindo a historia a través da fotografía
EN CONFIANZA
A paixón de Jennifer Novoa pola fotografía naceu na infancia, influenciada polos seus tíos fotógrafos e un ambiente familiar con cámaras. Tras un primeiro contacto fascinante co cuarto escuro no Bacharelato Artístico, decidiu estudar Fotografía na Escola Antonio Faílde. Foi a través da materia Historia da Fotografía onde descubriu o seu interese por coñecer o traballo alleo, o que a levou, de forma “moi natural”, a estudar Historia da Arte. Hoxe traballa dende o lado da investigación centrándose no papel da muller na fotografía galega, dende os seus estudos sobre a fotógrafa Anna Turbau ata a súa tese de doutoramento actual sobre as fotógrafas galegas entre 1950 e 2000. Ademais, salienta o seu traballo na docencia incentivando o pensamento crítico no alumnado e a súa participación en proxectos como Matria en Allariz, centrado na recuperación da memoria fotográfica das mulleres.
Pregunta.De onde ven o teu interese pola fotografía?
Respuesta.Dende pequena porque os meus tíos son fotógrafos en Ourense. A verdade é que na miña casa sempre houbo cámaras de vídeo e de fotos. Sobre todo quen sacaba fotografías era o meu pai e a miña nai era a encargada de salvagardar ese patrimonio familiar. Despois estudei o Bacharelato Artístico; aí tiven o primeiro contacto cun cuarto escuro e fascinoume. Decidín estudar na escola Antonio Faílde Artes Plásticas e Deseño de Fotografía. Unha das asignaturas era Historia da Fotografía e aí deime conta de que ademais de crear eu a través da imaxe, que me gustaba moito coñecer o que fixeran anteriormente outras persoas e iso levoume a estudar Historia da Arte.
P.Non é o proceso habitual dos historiadores, estudar primeiro a técnica...
R.A verdade é para min foi un proceso moi natural, porque sempre tiven moito apoio na casa, sempre me deixaron explorar as miñas inquedanzas. Parece que non é un proceso natural, pero para min si que o foi. Gustoume a historia da fotografía e sentín que o meu camiño podía ser a Historia da Arte. Funme especializando en arte contemporánea, en teoría estética da imaxe, historia da fotografía. Foime levando o camiño.
P.Cambia a perspectiva de ser historiadora da arte sabendo facer fotos?
R.Totalmente. De feito moitas veces os historiadores, aínda que nos interese a técnica, centrámonos máis noutras cousas como o contexto que envolve unha obra. Pero cando sabes como funciona o proceso, a conexión experiméntase doutro xeito. Entendes como se tratou a luz, sabes que o uso da cámara ás veces tamén é determinante, aínda que para min non é o máis importante. Pero, sen dúbida, o coñecemento da técnica proporciónache outras ferramentas.
P.En que se centra a túa investigación?
R.Cando rematei os meus estudos de grao, fixen o traballo final sobre Anna Turbau, unha fotógrafa catalá, querida amiga, que faleceu hai pouco. Chegou no 75 a Galicia e centreime no papel da muller a través das súas imaxes. Aí abriuse un camiño que me gustaba moito explorar, que é o feito de ser muller dentro da fotografía porque había moitos máis homes que a experimentaron. Despois fixen o mestrado e tamén me centrei niso pero en todo o territorio español. Empecei a facerme moitas preguntas sobre por que nos estudos que se realizaron sobre a historia da fotografía galega practicamente non se incluíron mulleres. Empecei a tirar, presentei un proxecto nas axudas das etapas predoutorais da Xunta, e fun beneficiaria dun contrato para poder traballar na Universidade de Santiago de Compostela, para facer a miña tese mentres imparto docencia. A miña tese vai sobre as fotógrafas galegas de 1950 ata o 2000. E nesas estou.
P.Que estás a descubrir neste proceso?
R.Empecei cunha idea moi rupturista, moi enfadada, porque como investigadora muller, pensaba que había que dinamitar as estruturas da historia da fotografía galega e demais. Pero deime conta de que non hai unha historia da fotografía galega como tal. Investigando e falando vin que foron moitas as mulleres que traballaron xa antes dos 50, practicamente cos inicios da fotografía. No caso do fotoxornalismo, por exemplo, Pilar Prol, fixo as fotografías da revolta en Allariz, ou, por exemplo, Mari Quintero, que tivo estudo fotográfico en Vigo, ou Perpetua Malvares, de Muros, que seguiu o legado do seu e fixo fotografías interesantísimas, ou, por exemplo, como a partires dos 80 e 90, coa irrupción de Belas Artes, a fotografía comeza a estar en contacto con outras disciplinas artísticas. Aí hai nomes como Carolina Martínez, Carme Nogueira...
P.De que xeito a fotografía foi representando a historia da muller en Galicia?
R.A fotografía é un medio moi amplo, que se pode traballar desde diferentes perspectivas. Pode ser documento, memoria ou o que queiramos que sexa. Pero sobre todo empregouse no ámbito privado, a cámara usouse moito para rexistrar o que estaba a acontecer nas casas. Atópome moito con álbumes feitos por mulleres con imaxes cotiás, dos cativos, das familias... Iso é un rexistro documental familiar que a fin de contas relata costumes, espazos, dialoga coas persoas... Tamén vexo revistas, como “Festa da palabra silenciada” ou Andaina, que naceron na segunda metade do século XX, nas que se amosan fotografías tomadas por mulleres. Por exemplo, Xexé, que fai fotografías para estas revistas de movementos feministas, foto-collage, ou a propia Margarita Ledo. O complexo que vemos é que dende a nosa perspectiva si que podemos establecer un diálogo entre esas imaxes, pero unha das dúbidas que teño é se naquel momento a fotografía funcionaba como un rexistro relacionado coas mulleres, porque á fin e ó cabo os espazos públicos aínda estaban dominados polos homes. Entón penso que podemos falar diso agora, pero no momento son elas as que me din que moitos referentes femininos non tiñan.
P.E aínda así, a nivel internacional, quizais foi unha das artes con máis mulleres.
R.As mulleres sempre estiveron aí. O tema está en saber quen estaba detras dos espazos e quen os gobernaba. A historia é algo moi particular que fan as persoas a través dunha selección. O problema é que se lle deu valor a un tipo de arte afín a quen escribía esa historia e, se os estándares son moi altos, haberá moitas cousas que queden á marxe. Na segunda metade do século XX, os roles de xénero estaban moito máis definidos e o home habitaba o espazo público pero a muller non tanto. Hai algúns exemplos, pero os datos din que non había igualdade de oportunidades. En fotografía, no contexto internacional, coñecemos a moitas fotógrafas, pero no local aínda queda moitísimo por falar.
P.En que momento da fotografía dirías que estamos hoxe?
R.Creo que estamos nun momento complexo pero divertido. A min, se algo me define, é que son moi permisiva. Non me defino como historiadora clásica reacia ás novas tecnoloxías. Creo que agora o máis urxente é definir que é unha fotografía e que é unha imaxe dixital. Eu non son reacia á IA, son de explorar e intentar entender. O momento é complexo porque estamos moi sobreinformados. Antes atribuíaselle á fotografía o concepto da verdade e vexo que moita xente ten ese legado, pensa que todo o que ve é verdade e iso crea unha problemática. Pero por outro lado é divertido porque se poden facer moitas cousas. De feito hai moitos fotógrafos tomando as imaxes cunha cámara e editando con IA. A creatividade ten que ser infinita.
P.Agora tamén estás no lado da docencia. Que está supoñendo para ti?
R.Por riba de ser historiadora da arte, son Jenni e son unha persoa moi permisiva. Penso que á xente hai que deixala ser en todo o seu esplendor. Por exemplo, nese tema da intelixencia artificial, sei que é algo que lle preocupa a moitos docentes. A min preocúpame pero o xusto. O que me gusta é o ecosistema que creamos nas aulas, incentivando ós alumnos a que sexan críticos, que dean a súa opinión e pensen realmente máis alá da estética. Que reflexionen sobre a posición que temos como individuos no mundo e no espazo que cremos que ocupa a arte.
P.Ademais, hai uns meses presentaches en Allariz o proxecto Matria.
R.O Concello de Allariz contactou comigo polas Xornadas de Igualdade para recompilar fotografías das mulleres da zona ó longo da historia. Reuníronse as imaxes e eu o que fixen foi pensalas un pouco e dei unha charla sobre a muller en Galicia. Fomos falando sobre as imaxes e explicando. Foi moi bonito ver como cambiaba a forma de vestir, a apariencia da vila... Gustou moito porque conectou moito coa veciñanza.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último