EN CONFIANZA
Manolo Celta, a maxia da fotografía con Potiños
EN CONFIANZA
Pregunta. Comecemos polo principio, cando e como nace a Asociación Fotográfica O Potiños en Carballiño?
Respuesta. Corría o ano 1980 cando Carballiño vivía unha efervescencia xuvenil moi interesante e con moitas inquedanzas. A mín xa me gustaba a fotografía daquelas, aínda que sen ter moita práctica nin formación. E non era o único, senón que nos xuntamos cinco ou seis amigos con esa inquedanza e, na un par de anos despois, establecemos os estatutos e creamos a asociación como tal.
P. A que se debe o nome de O Potiños?
R. Cando falamos de crear a asociación e pensábamos en darlle un nome, tiñamos claro que tiña que ser algo, obviamente, relacionado coa fotografía, e mellor se facía referencia a nosa terra. Botando a vista atrás, os fotógrafos ambulantes máis destacados daqueles tempos eran Rizzo, que estivo por toda a provincia de Ourense, e O Potiños, que era un home que facía fotos na zona e vivía no barrio da Carreira. A súa imaxe lévanos aos días de feira na Praza Maior de Carballiño, onde se puña con diferentes fondos para tirar fotos á xente coa súa máquina de caixón tan evocadora. Gustounos a idea de que fose o seu nome o que bautizase á asociación así que, co permiso da familia, que ademais se sentiu moi honrada e nos cederon certos recordos deles, empregamos devandito nome.
P. Como ten sido a evolución da asociación?
R. Ao principio era todo moito máis complicado. Date conta que iso de levar unha cámara de fotos nun teléfono móbil é cousa de hai dous días coma quen di. No proceso analóxico había que ter unha ampliadora, un espazo de revelado onde seguir todos os procesos, zona de secado… así que tiñamos un local alugado onde poder levar a cabo todo o desenrolo ata obter a imaxe. Co tempo todo isto simplificouse moito ata o que é hoxe en día en dixital.
R. E, no que atinxe aos socios, pasamos por diferentes fases. De ser un pequeno grupo de amigos, a chegar a 40 ou incluso ser só un par de persoas as encargadas de manter a chama viva e na que José Luis Diz -ao que acabamos de recoñecer como socio de honra- tivo moito que ver. Agora mesmo somos 25 persoas, pero tamén está integrado con nós un grupo de seis fotógrafos de Vigo.
P. Ao longo do ano, desde a asociación organizan unha ampla axenda de actividades. As exposicións son unha delas.
R. A organización de exposicións é unha das nosas principais iniciativas. Unha proposta que creamos a partir dunha premisa: en vez de que sexa a xente a que vai buscando as fotografías, que sexan as fotografías as que busquen á xente. É decir, que se atopen elas co público obxetivo no maior número de recunchos posibles. Así, agora mesmo temos 16 mostras en puntos como Carballiño, Ourense, Chantada, Maside, Pazo Almuzara, Cea… Son imaxes tomadas nos últimos dous anos que se van rotando cada dous meses por diferentes espazos.
R. Aparte facemos exposicións temáticas. Unha delas, que se pode aínda visitar na casa do concello do Carballiño é “Recunchos das aldeas do Carballiño” coa que o espectador pode percorrer diferentes lugares do Carballiño rural e descubrir recunchos que agochan historias que moitas veces poden pasarse por alto. A mostra está composta por 30 fotografías seleccionadas de entre ao redor de 250 feitas nas diferentes parroquias e aldeas do concello.
R. Nunhos días presentaremos “PotiExpo2026”, unha recompilación de unha ou dúas fotos das que máis nos gustaron e que foron feitas o pasado ano.
P. “Pon unha foto na rúa” é outra das actividades que a xente xa agarda con ansia.
R. Si! E pensar que ao principio ninguén se atrevía e agora hai ringleiras de xente agardando a que lle tiremos unha foto (risas). Normalmente no mes de maio, en combinación co Día Internacional dos Museos, montamos unha especie de estudo na Praza Maior e todo aquel que queira pode achegarse e facémoslle unha foto que logo lles regalamos.
P. E están os cursos, concursos, conferencias, visitas…
R. A verdade é que non paramos! Os cursos, a veces para socios e outros abertos a todo o público, van desde a toma de imaxes dalgún tipo, manexo de cámaras, revelado…
R. Facemos un concurso de fotos para o que recibimos imaxes de toda España, visitamos diferentes lugares -tanto escapadas dun día, como de fin de semana ou viaxes máis longas como o pasado ano a Marrakech- para que, en grupo, poidamos sacar fotos dun mesmo lugar, pero coa visión máis particular que aporta cada un de nós. Agora, a curto prazo, estamos pendentes de ir as Illas Cíes e a Estambul.
R. Tamén editamos fai un par de anos un libro sobre as pulpeiras: “Pulpeiras do Carballiño. Herdeiras dunha tradición”, un libro memorable e inédito sobre as pulpeiras, con imaxes de 30 familias e ata tres xeracións. Son case 60 imaxes en branco e negro realizadas en estudo, nas que o pulpo desaparece como elemento esencial para dar protagonismo a estas traballadoras e a súa historia.
R. Aparte deste, o máis recente, temos editado outros tres libros con imaxes do Carballiño antiguo e de comercios de outrora.
P. Entre toda a axenda destaca o “Arenteiro fotográfico” un referente que os sitúa, a vostedes e á vila, no panorama fotográfico nacional.
R. É unha actividade que, normalmente, levamos a cabo dende mediados de setembro a mediados de outubro e que inclúe unha media de 16-17 exposicións de toda a xente que queira participar e de calquera lugar e unha clase maestra a cargo de nomes referentes da fotografía.
P. Soen propoñer un eixo sobre os que versen as fotografías ou é temática libre?
R. Depende. Ás veces propoñemos, por exemplo, o Templo da Veracruz e que cada un achegue a súa ollada; outras veces é ir a un lugar e que cada persoa se deixe levar, ou, simplemente un parámetro como “fotografía en blanco e negro e vertical” nas que cada un é libre de inmortalizar o que desexe.
P. Que ten a fotografía que resulta tan atraente?
R. Persoalmente, paréceme fascinante o feito de roubar un instante a algo que igual soamente podes ver ti. Moitas veces non é rebuscar a imaxe, é só reaccionar a algo que o ollo che espertou.
P. Nun momento no que prima a inmediatez e querer inmortalizalo todo, que nos pode decir nese senso?
R. Eu gardo certa nostalxia daqueles tempos nos que había que preparse para unha foto case como para un ritual: elexir vestiario, peinarse, sorrir e tentar saír o mellor posible, porque era premer o botón e xa estaba. E non só se preparaba só a persoa que posaba ante a cámara, senón que tamén o fotógrafo era consciente dese momento que igual era irrepetible. E ademais, había que agardar a ver o resultado. Ese momento do revelado, cando dun papel en branco, pouco a pouco se ía perfilando unha imaxe, era algo case máxico.
R. Igual por iso eu son dos que, unha vez que fago as fotos, as deixo repousar e que pasen uns días antes de volvelas ver. Así podo descubrir con calma o que tenten atrapar cunha imaxe. Recoñezo que as veces un leva unha decepción… pero outras unha grande ledicia.
P. Fotos con cámara ou con móbil?
R. Eu sigo coa miña cámara. Penso que o móbil está moi ben para esas cousas que van máis “descoidadas”, pero se realmente che gusta a fotografía, unha cámara é unha cámara. Ver por onde sae o sol, agardar o momento exacto, xogar cos balances, as aperturas… e todo o que ofrece.
P. Que é o máis fermoso da fotografía, de ter unha imaxe?
R. Antes unha fotografía era un equivalente a un recordo. Tiñas o teu álbum gardado…. Agora hai milleiros de imaxes que para gardar unha, ten que ser algo excepcional. Así que creo que o mellor de todo isto é que fotografía che faga recordar e revivir instantes nos que fuches feliz e fixeches feliz á xente que estaba ao teu lado.
P. Teñen algún proxecto a curto prazo?
R. Estamos traballando para que vexa á luz un libro sobre os panadeiros de Cea, e tamén agardamos que axiña vexa a luz un proxecto que levamos perseguindo dende fai anos: unha exposición e libro sobre a Insua dos Poetas, na Esgueva, Madarnás.
P. Que consello lle daría a alguén que está tentado pola fotografía?
R. Todo o mundo fai hoxe en día fotos, así que eu animaríaos a tentar mellorar esas imaxes. E que sexa constante. E que se queren, que se animen a formar parte de Potiños, por suposto
Contenido patrocinado
También te puede interesar
EN CONFIANZA
Manolo Celta, a maxia da fotografía con Potiños
SALUD DE CUERO CABELLUDO
Japanese Head Spa Ourense, un lugar multisensorial especializado en el cuidado capilar
30 AÑOS DE TRAYECTORIA
Recetas de toda la vida para una cocina gallega tradicional en Mesón da Tía Matilde
Lo último