EN CONFIANZA
Carlota Cao, doble premio por su joyería artística
E todo desde o rural, porque tal e como Mercedes Veites, a creadora de devandita firma di, non tería sentido facelo dende outro lugar. Firme defensora da nosa tradición, do pasado, presente e futuro da nosa cultura e artesanía, é tamén a presidenta da Asociación de Artesáns Limiar e, máis axiña que tarde, en Vilar de Santos, onde ten o seu taller, conta con abrir un espazo no que os visitantes, ademais de mercar os seus deseños poidan ver e descubrir o traballo que se agocha detrás de cada un deles.
Nome
Mercedes VieitesLugar e data de nacemento
Freixo, Celanova. 29/10/1994Profesión
Deseñadora, costureira e presidenta da Asociación de Artesáns LimiarInstagram
@Lumecu_
O seu nome escóndese tras a firma Lumecú, pero cales foron os seus primeiros pasos ata chegar aquí?
É curioso. Eu, por desgraza, non lembro a ninguén na miña casa sentado ante a máquina de coser. Si que a miña avóa cosía, pero faleceu cando eu era moi cativa e non teño ese recordo. Unha tía miña tamén era costureira, pero nunha fábrica. Así que na casa había unha máquina de coser, pero non se empregaba.
Comecei a coser porque nas tardes de verán miña nai mandábame a clases de costura no pobo. E así foi como lle fun collendo gusto o oficio e me convertín en autodidacta. Ademais, na escola, acudiron a dar unhas charlas algúns artesáns. Faláronnos do seu traballo, da orixe dos tecidos, as súas características… e aí creo que namorei definitivamente deste traballo. Así que me decidín a facer Deseño de Moda.
A elaboración de pezas de roupa tradicional é un dos piares das súas coleccións.
Ao rematar os meus estudos, viñen vivir a Vilar de Santos. Preto de Xinzo de Limia e o seu Entroido. Unha celebración que comeza semanas antes e que ten no Domingo Oleiro unha das súas citas obrigadas. Ese día vístense de traxe de época e varias das miñas clientas decíanme que era unha mágoa que ese traxe quedase no armario un ano agardando un novo Entroido. Que lles gustaría sácalo para outros eventos como a unha foliada ou a un encontro de folclore. Dándolle un “ruxe-ruxe”, foi como se me ocorreu continuar divulgando o que é a tradición do traxe e, dende aí, tentar sácalo á rúa como antes se facía. Ese foi o nacemento de Lumecú.
Unha firma que tamén conleva unha reivindicación pola nosa tradición.
Non quería que simplemente se quedase en facer os traxes do Domingo Oleiro, de danzas, de festividades agrícolas… quería que fose unha recuperación do noso. Para elo púxenme en contacto con Artesanía de Galicia para obter o selo de Obradoiro Tradicional, e, xunto cos Museos Etnográficos de Galicia, en especial co Museo do Pobo Galego, realicei diferentes estudos para saber cada día máis das pezas que facemos e como se elaboran.
Lumecú… un nome ben sonoro do noso idioma!
Lumecú, lucecú, vagalume… un insecto que emite a súa luz na noite. Na zona de Olelas, preto da Raia e onde están as miñas orixes, chámanlle lumecú. Así que quixen tamén poñer en valor as miñas raíces raianas. Ademais de que non se perdan palabras do galego porque a xente deixa de decilas.
Paralelamente, tamén ten coleccións de prendas máis “para o día a día”, contemporánea.
Esa versión parte de crear unha liña para toda aquela xente que se interesa polo que é o mundo do traxe, pero que é máis atrevida. Hai moitas pezas coas que eu convido a que, aínda que non baile, poña unha camisa dun gaiteiro, unha enagua… e con estampados moi coridos. Por exemplo, camisas de domingo con vacalouras, estampados de muiñeiras… que falan do noso entorno.
E con frases e palabras que aluden ao noso.
É inevitable. Lumecú é todo. O pasado, o presente e o futuro. Hoxe en día decir tradición, para mín xa está algo “contaminado”. Fala do paso do tempo. No traxe vese o paso do tempo. E a moda que hoxe nos poñemos xa é pasado. Eu o que busco é que na roupa que eu fago quede algo do que foi, do que é, e do que será. Poñendo palabras do noso entorno, recuperando frases de escritores que foron inspiradores para mín… e darlle ese recunchiño que merecen.
En resumo… que diría que a inspira?
Igual queda moi xenérico, pero eu diría que Galicia. É onde vivo, o que vexo e o que escoito. Máis alá, inspírame traxes, libros, museos, exposicións e natureza.
Que prendas máis “poñibles” nos podemos atopar en Lumecú?
Tódalas prendas que creo son orgánicas. O que máis emprego é o liño e o algodón. E nesas liñas temos o liño na súa base máis natural –de lenzo, estopa- en camisas de labregos e labregas, así como camisas estampadas, camisas máis atrevidas para as mulleres entalladas, con mangas que recordan aos pololos, colos longos semellantes aos canesús… E cada ano, tratamos de sacar unha colección porque para nós é máis importante que cada peza teña un sentido e significado, que facer moitas. Isto fai que se sumen prendas pouco a pouco. Por exemplo, o pasado ano creamos o vestido Emilia, inspirado na roupa interior feminina que parte do viso sen perder as táboas das enaguas. Este ano creamos un mono onde se poden apreciar moitas técnicas tradicionais como o niño de abellas, o trenzado para axustar a prenda…
Dende as redes sociais achega as súas coleccións cun coidado perfil de imaxe. É unha boa ferramenta para facer chegar as súas coleccións á xente?
Nun inicio Lumecú abriu con tenda. Agora estamos en redes sociais, e son consciente de que é un bo xeito de darse a coñecer. As nosas prendas tamén se poden atopar en puntos de venta de Baiona, Monforte, A Coruña, Santiago…
E todo desde o rural.
Cada vez teño máis claro que Lumecú non tería cabida noutro lugar que non fose o rural. Se eu falo do que son e o que quero ser, non me imaxino outro lugar que non sexa o rural. Todo o meu mundo que me inspira, os materiais que eu emprego e que trato de defender, parten dun lugar que é o campo, a xente do meu entorno. Doeríame moite se un día tivese que quitar o taller para irme a outro lugar. Xa non sería aquelo do que falo e defendo.
Aparte é a presidenta da Asociación de Artesáns Limiar. Como xurdiu?
Fai cousa dun ano que, a raíz de participar en diferentes feiras e encontros que se levan a cabo nos meses estivais, decidimos unirnos para poñer en común as nosas inquedanzas, dificultades, propostas… e tamén os nosos soños. Somos sete marcas e 10 persoas con intereses comúns. Desde o Museo Etnográfico de Vilar de Santos propuxéronnos ter nas súas instalacións un lugar de encontro, e alí estamos coa Asociación. Ademais, tivemos a sorte de que o museo nos cedese unha parte para poñer unha tenda o que nos permite que a xente que visita este espazo coñeza o noso traballo e lle poidamos explicar o que facemos e tamén comprar os nosos produtos.
Persoalmente, que lle aporta a costura?
Cando vou as feira e podo mostrar o que fago, ver como as persoas se sorprenden polo que fago é a satisfación máis grande.
Con tanta adicación, unha vez rematado un traxe, non lle costa despedirse da prenda?
Moito! (risas). É un sentimento moi profundo. Por unha banda a xente séntese a gusto, feliz, pero hai determinadas prendas que aínda que pase o tempo, podo recordar perfectamente cada momento do proceso e a historia paralela a ela. Dende o momento que a empecei a crear ata que lla entrego.
Hai algunha peza que recorde especialmente.
Varias. Este ano diría que un traxe de noiva que tiña moi claro o que quería: a esencia do traxe galego coa súa personalidade. E un traxe de Primeira Comuñón. Dous traxes que se vía a persoa, que era ela mesma, e, ao mesmo tempo, unha peza delicada, de herencia.
Outra, dos meus inicios, foi un vestido que ten a cantante Lucía Pérez. Era un traxe ao que eu non lle daba tanto valor, pero que ela fíxome darme conta de que moitas veces non apreciamos o que facemos ata que ven alguén e lle da importancia. E veu Lucía Pérez e namorouse ao momento del.
Agora que fala dese primeiro deseño e estes últimos… que evolución nota en vostede?
Moita. Ao fin e ao cabo, xa levo máis anos pensando, creando e facendo textil que outra cousa. Síntome orgullosa porque vexo que evoluciono polo camiño que quero ir. Empecei sen saber o que quería. Só era unha idea. E podo decir que teño a sorte de estar no lugar no que teño que estar.
Algún consello para alguén que queira adicarse á costura e animalo ou animala a facelo dende o rural?
Este é o momento. A costura tivo moitas épocas, cadeas rotas, incontinuas, continuas… pero hoxe en día alguén que queira saber, ten que poñerse a elo. Por desgraza é unha profesión que se perde, tanto a nivel fábrica como individual, e se quere aprender realmente o que é a costura, no rural é o mellor sitio para sabelo. Seguramente son moitas as mulleres sabias que viven nas aldeas que saben coser, e ese trato, cariño e cercanía só se consegue nese entorno.
Confeso que ata comeza a espertar o meu interese por coser. Eu que máis alá dun botón… é complicado?
É cuestión de poñer interese e adicarlle horas. E gustarche o que fas.
A modo de remate, algún novo proxecto a curto prazo?
Gustaríame abrir unha tenda en Vilar de Santos onde a xente poida atoparme, porme cara, conversar, ver o taller e unha mostra das miñas creación. Este obxetivo xa vai a medio camiño. O segundo é poder chegar a máis puntos de venta en España e tamén no extranxeiro.
1. Un deseñador/a.
- Alexander McQueen e Roberto Verino.
2. Un tecido.
- O liño.
3. Unha cor.
- Morado.
4. Unha prenda indispensable no teu armario.
- Unha camisa.
5. Algo que lle gusta coser.
- Camisas.
6. Algo que nunca cosería.
- Zapatos. Non é o meu traballo.
7. Unha pasarela na que lle gustaría presentar as súas coleccións.
- Na EGO de Madrid.
8. Un recordo da súa nenez.
- As tardes no río cos meus pais.
9. Cando se mira ao espello ve…
- Unha rapaza con moitas ilusións e soños.
10. Un lugar para perderse.
- A Costa da Morte.
11. Unha viaxe pendente.
- Ao Instituto da Moda de Nueva York.
12. Unha serie que nos recomendaría.
- Mareas Vivas.
13. Que música soa na súa casa?
- Andrés do Barro.
14. Un vicio confesable.
- O pan.
15. Unha manía.
- Sempre colgo o bolso da cadeira.
16. Unha virtude.
- A aposta pola nosa tradición.
17. Un defecto.
- Son algo repugnante (risas).
18. Perde a calma con…
- Aquelas persoas que non son fieis a un mesmo.
19. Recobra a calma perdida…
- Evadindome.
20. Un soño.
- Non marchar do rural.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último