Moncho, “da Tanco”, unha viaxe pola historia e os libros
EN CONFIANZA
En tan só un ano a Librería Tanco celebrará o seu 75 aniversario. Un logro que a converte na máis antiga da provincia de Ourense e, posiblemente, de toda Galicia. Moncho “da Librería Tanco” leva nela dende o 1981 e, dende hai catro anos, como único xestor e coa pervivencia e futuro asegurado da man da súa filla Rut Martínez. E é que a pegada de Tanco non se pode perder. Polas súas portas pasaron diferentes xeracións buscando o agarimo que sempre prestan os libros. E tamén a afable conversa de Moncho sempre disposto a recomendar, guiar, axudar e tamén aprender. Actitudes que van máis alá do traballo e forman parte intrínseca do seu ser e que tan ben soubo transmitir ao seu persoal, que segue a súa estela nunha atención que converte a cada cliente en protagonista de cada lectura.
Pregunta. Vostede leva rexentando a libraría como socio único dende o ano 2021. Pero remontándose máis atrás no tempo, que nos pode contar da longa historia de Librería Tanco?
Respuesta. A historia da Librería Tanco deu comezo en maio de 1952 na rúa do Paseo da man de Carlos Vázquez, un mestre universitario que abriu a libraría e tamén imprenta. A ollos de todos estaban os libros “permitidos”; na trastenda, os “prohibidos”. Unha trastenda na que tamén se reunían políticos e persoas do ámbito cultural, como Antón Tovar que tamén traballou alí, para as súas tertulias clandestinas. Daquela, a libraría era un lugar moi vixiado polas forzas da orde, sempre pendentes de quen entraba e saía, xa que era considerado un espazo algo revolucionario. Deses anos hai mil e unha anécdotas que darían para unha boa conversa, pero por quedarme con algunha, desa imprenta sairon cartaces e octavillas daquela prohibidos, e ata nunha ocasión “os grises” entraron á caterva buscando por toda a libraría o recén publicado “Manifesto do Partido Comunista” para requisalo, sen darse conta que os exemplares estaban no escaparate á vista de todos.
P. Si que creo que da para unha segunda parte de entrevista… pero seguindo co paso dos anos da libraría, como chegou ata vostede?
R. Foi no ano 1973 cando pecharon o taller de impresión, ampliando o espazo de libros e, tras o falecemento do fundador, Carlos, foi xestionada por unha familiar, Gloria Vázquez. No ano 1981 a libraría pasou a ocupar o espazo que ten hoxe en día na rúa Cardenal Quevedo poñéndonos á fronte tres antiguos empleados: Pilar Viso, Manolo Bugallo e eu. Cos anos quedamos Manolo e eu, e, tras o falecemento de Manolo, fixemos as xestións pertinentes para que finalmente quedase eu á fronte.
P. Case 45 anos despois de que entrase a formar parte da historia de Tanco, que nos pode contar da evolución do sector da libraría?
R. Como en todo, ten tido subidas e baixadas. Pero creo que podo decir, satisfatoriamente que está tendo certo repunte. Falo do libro en castelán, non en galego. Pero xa entraremos en detalle nese tema.
P. Fala de repunte, dalgún público en concreto?
R. Do infantil e, sobre todo, xuvenil, que non se escribía moito destinado a ese público. Agora podemos decir que se vive un gran auxe de publicacións destinadas aos mozos. Nós pasamos en catro ou cinco anos de non ter casa nada de xuvenial, a ter unha sección enorme.
P. Que cree que é necesario para que os máis mozos se animen á lectura?
R. Para comezar, teñen que velo nas casas. Se os seus familiares leen, a eles tamén lles vai espertar a curiosidade pola lectura. Máis alá, tamén é necesario dedicarlles tempo a estar con eles e guialos na lectura. Non forzando a situación, pero si creando unha rutina que acabe deixando o seu pouso. Tamén desde os colexios se ten que potenciar a creación do hábito da lectura entre o alumnado.
P. Segue sendo certo que as mulleres son as grandes lectoras?
R. Eu afirmóo sen ningunha dúbida.
P. Que me pode dicir da saúde do libro en galego?
R. Temos moitos e bos escritores. Pero hai que apostar máis polo galego. O galego é o gran esquecido, xa non só por falalo, senón tamén por lelo. E é traballo de todos, partindo das institucións, que se faga unha aposta forte, clara e decidida.
P. Hai algún xénero que destaque sobre outro á hora de elexir un libro?
R. A novela. E hoxe en día hai infinidade de propostas.
P. Xa que o comenta, son moitas as referencias que van de volta e outras que, por descoñecemento, non por ser mellores ou peores, pásanse por alto.
R. Hai tantísimas publicacións que é imposible ter todo nunha libraría, canto máis chegar a todos os lectores. Da mágoa ver que moitos libros pasan pola libraría de volta.
P. De todos eses libros, como fan a selección para que un libro acabe nos seus andéis?
R. É tan complexo e tan difícil acertar. Fíamonos dos autores e a súa traxectoria, os comerciais e a propia intuición. As veces fracasas, pero outras… acertas!
P. Hai algunha clave para que un exemplar se converta nun éxito?
R. Penso que o “boca a boca” é o máis importante. Incluso as veces pasa que un libro publicado hai anos anos non tivera éxito e, de repente, comeza a soar o título e convértese nun superventas.
P. Entrar nunha libraría na búsqueda dun libro é traspasar a un mundo moi particular. Pero que me di da lectura nos libros electrónicos?
R. A parte de que che cansa máis a vista (risas), á xente segue gustándolle ler en papel. Podo decirche que un 95% do que se le é en físico e o resto, residual, en electrónico. Date conta que nos EE.UU., que foron os grandes percusores do libro electrónico, agora quedou en nada. Non digo que, por comodidade, non se empregue, por exemplo, en viaxes. Pero xa che digo, para cousas puntuais. Non é o mesmo pasar páxinas, sentir o arrecendo do papel e a tinta… e xa non digamos se ten ilustracións. E a capacidade de retentiva tamén é maior.
P. Leva case 45 en Tanco, como é esa relación cos clientes que, se me permite, penso que xa son familia.
R. Teño atendido a pais, fillos e netos. E moitos dos que veñen, como ti dis, son amigos que se preocupan por ti. É fermoso ver que veñen e che contan algunha anecdóta ou che recordan outros tempos. Que te recordan con tanto agarimo.
P. Como é o seu día a día?
R. Gústanme as cousas ben feitas. Así que estou encima de todo e igual son algo preocupado demais. Marcar libros, devolver libros, escaparates, atender xente, levar libros a centros de ensino, estar ao día das novidades para poder aconsellar… e o que non me gusta nadiña: o papeleo (risas).
P. Acaba de confesar o que aborrece. Que é entón o que máis lle gusta?
R. Estar falando coa xente que cruza as portas de Tanco.
P. En Tanco tamén se levan a cabo presentacións de libros coa presenza de autores. Como inflúe no movemento da libraría?
R. Aí teño que facer unha reivindicación. Á hora de facer unha presentación, as editoriais dan de lado ás pequenas librarías, cando somos nós as que as sustentamos. Elas traen os libros, pero despois, á hora de traer a un ou outro escritor, sempre che poñen algún pero. Estamos todos na mesma industria e todos deberíamos involucrarnos. Pero non, ti tes que buscarte a vida na maior parte das veces para poder contar cun autor.
P. Cal diría que é a maxia dos libros?
R. É como cando comezas unha viaxe. Nunca sabes como vai acabar. Nin o que vas vivir. Ademais, según un estudio demostrado, as persoas que len duran unha media de dous ou tres anos máis.
P. De cara ó futuro, contoume un paxariño que se achegan novidades.
R. Pois chiou ben (risas). Xa está todo argallado e nun par de meses, como moito, pasaremonos ao local de ao lado, o que era “El Cercano”. Era unha idea que levaba anos rondando a miña cabeza e sempre me gustou ese lugar, así que me decidín e contando coa miña filla e sucesora, Rut, abriremos un espazo multicultural no que, ademais de presentar libros, temos previsto acoller representacións teatrais e pequenos concertos. Un lugar onde poidan acudir os cativos a unha sesión de contacontos. E tamén cun espazo de bar cafetería no que coller un libro dun andel e botarlle un vistazo antes de decidirse a mercarlo.
P. Así, como remate, para un inverno de sofá, manta, que libro nos aconsella?
R. Hai moitos, pero cecáis, a día de hoxe, entre os que máis gustan están “La península de las casas vacías”, de David Uclés, e “Comerás flores”, de Lucía Solla.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
PROTEGER SUS INTERESES
Bruselas se solidariza con España tras amenazas de Trump y actuará "si es necesario"
CRISIS DE LA VIVIENDA
Quiso subir el alquiler del cuarto a golpes y con un cuchillo en Ourense