Óscar Doviso, tras a pantalla do Ourense Film Festival

EN CONFIANZA

Recén comezado a 30 edición do Ourense Film Festival, OUFF, Óscar Doviso, o seu director artísitico, fainos un percorrido por esta edición tan especial cunha manchea de propostas, novidades, seccións paralelas e, ante todo, bo cinema chegado de todo o mundo. Unha edición que xa ergueu o seu telón pero que ten por diante días intensos que converterán Ourense nun referente audiovisual. E todo cunha única arela: que a cidade de Ourense perciba que o OUFF lle pertence, que é de todos e cada un deles.

Óscar Doviso, tras a pantalla do Ourense Film Festival
Óscar Doviso, tras a pantalla do Ourense Film Festival | Xesús Fariñas

Pregunta.Xa inmersos no desenvolvemento do OUFF, tras unha inauguración chea de bos momentos para o recordo, é preciso botar a vista atrás, a ese momento no que xurdiu a proposta de facerse cargo da dirección artística do Festival. Cóntenos.

Respuesta.Foi de casualidade e, como non podía ser menos, moi ilusionante. Pero non vou mentirche, tamén con moita cautela. O Ourense Film Festival é o festival da miña cidade, con 29 anos de historia e un séntese feliz, pero tamén con moita responsabilidade.

P.Unha responsabilidade e moitas horas de traballo. Cando comenzaron a artellar esta 30 edición?

R.O proceso é o resultado do traballo de moitas horas de moita xente. Este ano recibimos, en total, ao redor de 1.400 obras que houbo que ver e valorar, analizar, poñer en común… Levar a cabo a liña gráfica identificativa que definimos e que todo vaia acorde, organización de todas e cada unha das seccións, actividades paralelas, convidados, comunicación e redes sociais… é unha gran máquina na que todos os engranaxes teñen que funcionar ben para que cada peza encaixe e non se pare.

P.A súa experiencia previa en diferentes ámbitos do audiovisual son unha boa bagaxe para a organización do OUFF.

R.Sen dúbida. A experiencia adquirida na produción é esencial para a organización. O OUFF non deixa de ser unha gran produción. A de director audiovisual, é a base para dirixir equipos e ter unha visión de cara onde quero levar o festival de cine da miña cidade. Se a iso sumamos a miña participación en numerosos festivais como convidado, competidor, xurado ou, simplemente como espectador, dame unha visión desde diferentes aristas e moi global de como me gustaría que fose o festival de Ourense. Ademais é na cidade onde teño a miña produtora, Zinemusik, e onde me gustaría que todos os profesionais do audiovisual da provincia teñan o seu oco.

P.Nesta 30 edición, con novo equipo, como se consegue manter e reavivar o interese polo OUFF?

R.Ante todo, é preciso ilusionar a cada un dos compoñentes que formamos parte do festival. Cando todo o equipo está motivado e con ganas, xa está un bo anaco do camiño feito. E penso que o conseguimos porque todos os implicados que estamos é principalmente porque amamos o festival, amamos Ourense e queremos o mellor para o OUFF. E, aínda sendo a primeira edición cun novo equipo, que a xente non perda de vista que é un festival que conta con 29 anos de historia tras de si.

P.Un camiño que considero esencial, pero haberá moito máis…

R.Moito traballo! (Risas) Nesta edición buscamos ampliar as miras e acoller diferentes perfís de público. Nese senso, creo que o festival era necesario repensarlo e facelo non só para os cinéfilos e cinéfagos, senón tamén para o público en xeral, porque ao final é a función do festival de cine de Ourense, ao igual que calquer outro festival, cumple unha función social, e esa función social ten que chegar a canto máis público mellor.

No Encontro Literario con Manolo González.
No Encontro Literario con Manolo González. | Xesús Fariñas

P.De aí tamén veñen as novidades e actividades paralelas.

R.Si, este ano temos a nova sección “OUFF social” coa que iremos a diferentes espazos aos que debería chegar o cine e non chega. Retomamos os “Encontros literarios” tamén en diferentes lugares da cidade para tentar involucrar ao máximo; seguimos cos “Roteiros de cine”, moi ben pensados nas anteriores edicións, e que son todo un éxito; “Faíscas”, unha residencia audiovisual con tres equipo de cinco persoas que levarán a cabo un traballo desde cero durante os días do festival, que se proxectarán ao remate, e das que seguramente sairán futuros profesionais do sector; … e, por citar, teño que subliñar o éxito da exposición “Making Movies” que ofrece máis de 100 elementos orixinais usados nas rodaxes de películas tan emblemáticas como as triloxías de “StarWars” e “Indiana Jones” ou “Alien”. Unha mostra que está conseguindo achegar a familias, a nenos… a xente cuxa visión de cine pode ser máis comercial, pero que non deixa de ser cine. E, gústenos ou non, a maxia das grandes películas de Hollywood é a que esperta o amor polo cine aos cativos da casa, e é o que vai facer que nun futuro sexan espectadores que amen o cine. Aparte temos moitas ideas claras xa de cara o 2026.

P.Falando das novidadades non podemos pasar por alto a nova imaxe da Calpurnia.

R.A nova imaxe da Calpurnia é un redeseño de Manuel Buciños. Eran 28 edicións coa mesma figura, e tiñamos a sensación de que a nova imaxe do festival, coa calpurnia emerxendo da auga do Miño, pedía un cambio. Non ter que explicar o significado do premio. Estamos moi agradecidos da boa disposición de Buciños e de como reinterpretou a idea, coa que el tamén estaba de acordo.

R.Ademais, para darlle máis valor ao traballo do artista, tan só se vai facer entrega de tres galardóns: a Calpurnia de Honra, a Calpurnia á Mellor Película Internacional e a Calpurnia á Mellor Película de Panorama Galicia. Por certo, a Calpurnia de Honra pódese visitar no Centro Cultural Marcos Valcácel ata a súa entrega na gala de clausura.

Equipo do OUFF durante o anuncio das películas de inauguración e clausura.
Equipo do OUFF durante o anuncio das películas de inauguración e clausura. | Xesús Fariñas

P.Hoxe tamén se estrea un tema musical propio do Festival.

R.Un tema feito por José Manuel Cancela, ao que entrevistaches fai unhas semanas para a portada deste suplemento. Estamos nun Festival de Cine Internacional, e pedíanos esa música que puidésemos exportar como festival. A José Manuel Cancela coñecíamolo e pensamos nel como a mellor opción. Un galego de corazón, afincado en Los Ángeles, compoñendo para Hollywood e con cinco Emmys ás súas costas. Cando lle fixemos a proposta amosouse moi ilusionado porque, como tantas veces pasa, el ama Galicia, pero os recoñecementos sempre lle chegan por outros lares. Fixo unha magnífica peza que, ademais, o Dj John Axiom reinterpretou para discoteca, da que tamén estamos moi contentos.

P.As seccións de proxeccións tamén abarcan unha ampla variedade de temáticas.

R.Temos a “Sección Oficial Internacional”, que inclúe doce películas; a “Sección Oficial Panorama Galicia”, con 10 películas; “Inédito en Ourense”, co subtítulo “Sos Argentina” co que se busca facer fincapé na situación cultural do país; “Made in OU”, un dos piares que queremos potenciar para fomentar a creación de novos talentos e que os creadores da provincia vexan un apoio de cara o seu futuro; o “Ciclo Amal en ruta”, dedicado ao cine árabe; a sección “Agarimo” na que se rende homenaxe a Carmen Martín Gaite e á actriz Angela Lansbury, coa proxección de tres das súas películas; a sección “Colleita”, coa que estreamos traballos de persoas relacionadas co festival; a sección “Xeración OUFF”, na que se proxectarán sete Calpurnias á mellor película de edicións pasadas; ... e algunha que outra sección máis.

P.Cal cree que é o segredo para que o OUFF conecte coa cidade.

R.Creo que o que fai gañar forza a un festival é ter unha meta clara e saber cara onde ir. E agora mesmo, se nos permiten desenvolvelo, temos unha liña moi clara e definida.

P.Nunha frase, cal é esa meta?

R.Conseguir, a través do festival de cine, unha industria cinematográfica dende Ourense.

P.Antes de que siga o decorrer do festival, que poso lles gustaría deixar unha vez se baixe o telón?

R.Gustaríanos, sobre todo, que a cidade de Ourense perciba que o OUFF lle pertence, que é de todos. Que se sintan identificados coa liña marcada e que se sintan identificados con eles. Porque é para eles para os que o pensamos desde primeira instancia.

R.E, sendo máis ambiciosos, gustaríame que fose un festival nacional que se fai en Ourense, igual que grandes festivais da península. Quitarnos de enriba esa imaxe de que é algo local. Local son todos, incluso os máis importantes, e cando o dis así, como que repensan o dito.

P.Cal é o seu consello para vivir e desfrutar do OUFF?

R.Acceder a nosa páxina web (www.ouffestival.gal), que descarguen a programación e que se fagan unha boa axenda con todo aquelo ao que queren ir. Hai moita variedade, moitos horarios (incluímos sesión matinais), moitas propostas… e segurísimo que hai algo para cada persoa.

Contenido patrocinado

stats