Pilar Núñez, a historia dun museo que vive

VIDA

Despois dunha sólida traxectoria vencellada á museoloxía e á historia da arte, Pilar Núñez regresou en 2024 ás súas orixes profesionais no Ribeiro para asumir a dirección do Museo Etnolóxico de Ribadavia e do Museo do Viño de Galicia. Desde a ampliación e modernización das súas instalacións e fondos, que inclúen un impresionante arquivo gráfico de máis dun millón de imaxes, ata a aposta pola dixitalización, o seu traballo pasa tamén por converter estes espazos en puntos de encontro vivos e dinámicos, abertos á interculturalidade, aos proxectos sociais, ás novas tecnoloxías e a unha programación cultural transversal que conecte de maneira directa cos veciños, co turismo e coas novas xeracións sen renunciar nunca á esencia da tradición popular galega.

O museo que tece o futuro cos fíos do pasado
O museo que tece o futuro cos fíos do pasado | Martiño Pinal

Pregunta. Cal é a súa historia co Museo Etnolóxico?

Respuesta. Vir para o Museo Etnolóxico foi volver ás miñas orixes profesionais, pois eu estudiei Historia da Arte Moderna e Contemporánea e tamén Museoloxía, formándome en Ourense, na UVigo, e na de Santiago de Compostela. Empecei a facer colaboracións co Museo Etnolóxico en 1997 e traballei nel como técnica ata 2002. No 2003, logo de aprobar a oposición, incorporeime ao Museo Arqueolóxico de Ourense ata 2024, no que asumín a dirección do Museo Etnolóxico e a do Museo do Viño de Galicia, o que me supuxo retornar á paisaxe do Ribeiro, a traballar con antigas compañeiras e recuperar lugares e amizades da miña primeira etapa profesional.

P. Cal é o principal reto co que asumiu a dirección do espazo?

R. O Museo Etnolóxico aborda un momento de crecemento. Estamos rematando a obra dun edificio anexo, que se está a acondicionar fronte ó pazo que acolle á sede principal, no que centralizaremos toda a documentación administrativa, un laboratorio de restauración, a colección fotográfica e os despachos, co cal teremos máis espazo expositivo na sede actual. Isto permitirá que se conte cunha zona máis ampla para a biblioteca e o arquivo de documentación, que ten moita demanda, e poderán traballar con máis comodidade os investigadores que recibimos. A maiores contamos cun almacén para as pezas noutro edificio no que tamén hai un laboratorio de restauración.

Pilar Núñez, durante la entrevista.
Pilar Núñez, durante la entrevista. | Martiño Pinal

P. Cal é o maior reto diario á hora de difundir o traballo que realizan?

R. O primeiro é facer o traballo con rigor e eficacia, procurando variar os contidos expositivos e de actividades. Despois é moi importante achegar ó publico esa programación. Enviamos por correo electrónico a información e tamén a publicamos nas nosas redes sociais, que invito a seguir e coñecer. Dende o servizo de prensa da Consellería de Cultura, envíase a información ós medios de comunicación. Por elo, é habitual que nos convoquedes a participar en entrevistas e programas de radio, o que nos achega ós vosos públicos e, así, coñecen as nosas propostas.

P. Como impactou no museo o crecemento turístico de Ribadavia?

R. O entorno privilexiado e o conxunto monumental do edificio en si mesmo xa son un atractivo. E todo o que se desenvolve nel ten un público fiel e fai que se xere una demanda importante. O perfil dos visitantes é moi variado, dende pequenos grupos familiares a grandes grupos de excursionistas organizados por axencias de viaxes. Temos público de todas as idades e procedencias xa que a propia vila de Ribadavia, o casco histórico e a súa contorna, monumental e paisaxísticamente, son atractivos turísticos moi potentes.

P. O museo aposta por abrirse a proxectos sociais e interculturais. Que aporta esta perspectiva?

R. Ó tratarse dun museo etnolóxico é importante investigar e recoller, non só os aspectos tradicionais senón tamén o que a día de hoxe reflicte o patrimonio, a cultura e a sociedade actual, tanto nos aspectos materiais como inmateriais. Non podemos quedarnos nunha imaxe -estática- tradicional e do pasado, temos que seguir recollendo as testemuñas actuais pois a visión etnoantropolóxica é continua e moi transversal a todos os aspectos sociais, artísticos, ambientais, culturais, demográficos...

Vista exterior do museo.
Vista exterior do museo. | Mariño Pinal

P. Que iniciativas, talleres ou actividades levan a cabo?

R. O espazo do museo é un espazo aberto e vivo. Atendemos a aqueles aspectos que posibilitan o acceso a toda a sociedade, por elo a variedade de oferta de actividades é necesaria. Esa pluralidade atende a todas as idades e tanto á veciñanza coma ó turismo alleo. Ademais das exposicións, programamos obradoiros: uns para a rapazada, outros familiares, como os que hai nos vindeiros días, no marco do Festival Arteficial, en colaboración co Concello de Ribadavia e a OMIX, de tecido e cerámica. Traemos música de todo tipo, electrónica, barroca, pandereteiras ou rap; facemos presentacións de libros de moi variadas materias: cantigas, poesía, novelas... Facemos ciclos de cine: Marxes fílmicas e Miradas Etnográficas, en colaboración co CCPF. No mes de setembro vaise entregar o premio do Concurso de Podcast que organizamos coa Asociación de Amigos do Museo. Todos os eventos teñen unha gran aceptación de público o que nos anima e nos obriga a seguir nesa liña e a pór o listón cada vez máis alto.

P. Como se traballa na práctica a complementariedade entre o Museo Etnolóxico e o Museo do Viño de Galicia?

R. Eu asumo a dirección dos dous, pero a xestión é diferente. No Museo Etnolóxico temos os departamentos dos técnicos que catalogan as coleccións, o almacén cos fondos, a biblioteca, o laboratorio de restauración, os arquivos documental e gráfico e tamén as salas de exposición e de realización de actividades. O Museo do Viño funciona como un gran espazo expositivo e de eventos; hai visitas guiadas, concertos, catas mestras, obradoiros e xogos para familias. Son moitas facetas a atender e teño que dicir que a resposta do público é moi boa. Este xoves tivemos no Museo do Viño a última sesións das Catas Sonoras deste ano con cheo total, e este venres rematou no Museo Etnolóxico o campamento cultural que neste mes de agosto ofrecemos aos cativos para axudar ás familias á conciliar. Todas estas actividades sempre son de balde para facilitar que todo o mundo teña acceso ás nosas propostas.

P. Como se complementan etnografía e viño?

R. O Museo do Viño de Galicia amosa os aspectos da viticultura e da vinicultura de todas as DO e IXP do noso territorio. Con vídeos, gafas en 3D, fotografías... pero sobre todo coas pezas que se empregan nas tarefas vinculadas ó mundo do viño. A etnografía é a ciencia coa que estudamos eses obxectos. Cos textos explicativos das salas e coas visitas guiadas axudamos a que o público adquira coñecementos e tamén desfrute da visita. E, por suposto, está o propio edificio, que foi reitoral e antes, adega, con grandes lagares nos que os monxes de San Martiño Pinario producían o viño que despois levaban a Compostela e outros mosteiros.

Un dos concertos realizados no museo.
Un dos concertos realizados no museo. | La Región

P. Como valora a implicación cidadá á hora de seguir enriquecendo os fondos do museo?

R. Recibimos moitísimas pezas por doazón. O ano pasado tivemos que deseñar un protocolo de receptación de pezas, que temos a disposición do público, pois era habitual que aparecera xente pola porta con todo tipo de obxectos. É de agradecer a xenerosidade desas doazóns pero temos que establecer criterios de recepción atendendo á nosa colección, ó estado de conservación dese ben ou se este é o lugar máis axeitado para acollelo ou é máis relevante para outro museo ou arquivo.

P. A nivel gráfico, contan cun fondo de máis de medio millón de imaxes.

R. A día de hoxe non podemos precisar o número exacto pero excede con moito esa cifra; é posible que a duplique. Xa os anteriores directores atenderon con gran dedicación ó fondo oral e fotográfico, especialmente dende a dirección de X. C. Sierra, coa adquisición de importantes fondos fotográficos como o de Chao, un estudio de fotógrafos de Ribadavia, o de Pacheco, a senlleira saga familiar de fotógrafos ou o de Llanos, de Vigo, entre outros moitos. Recentemente tamén ingresou no MER o Arquivo Villar, crónica gráfica da cidade de Ourense. O persoal do museo traballa na catalogación de todos os negativos e placas, e tamén na atención á consultas de investigadores. Compre sinalar que a Consellería de Cultura fai un aporte económico importante, non só á hora de adquirir estes arquivos fotográficos, se non tamén co traballo posterior de restauración e de dixitalización para o que se contrata a especialistas.

P. Cal é o criterio principal á hora de comisariar a axenda expositiva e os proxectos temporais do museo?

R. Temos reunións de equipo para valorar propostas que recibimos e para deseñar as nosas propias. Para elo, temos que axendar, valorar orzamentos, dispoñibilidade de espazos, loxística necesaria, traballo de deseño e montaxe, contidos expositivos... Neste momento estamos producindo unha exposición temporal sobre Martín Fernández, un libreiro e encadernador do Ourense do século XVIII. Noutra sala vanse expoñer pregos de cordel, en relación ós cantos de cego e, noutra, unha colección de revistas femininas de moda do século XIX, que forman parte das coleccións da biblioteca do MER. No caso do Museo do Viño, temos neste outono o ciclo Falemos do futuro da vitivinicultura galega e tamén unhas catas mestras dirixidas por especialistas con conferencias e degustacións de viños galegos.

P. De que xeito se aplica a innovación no museo?

R. En cada exposición ou actividade que realizamos amosamos e empregamos calquera recurso da vida cotiá, sexa tradicional ou IA. Somos un espello da cultura do noso pasado pero tamén do tempo actual. Por outra banda, empregamos a tecnoloxía actual co obxectivo é poñer os nosos arquivos á disposición da sociedade. Estamos a catalogar tanto as pezas como as fotografías e aproveitamos o Catálogo Dixital Ceres do Ministerio de Cultura para que se podan ver e consultar a través da rede. Tamén estamos a dixitalizar a colección de prensa para a Galiciana.

Pilar Núñez, nunha das salas.
Pilar Núñez, nunha das salas. | Martiño Pinal

P. Como volca a súa experiencia no Museo Arqueolóxico?

R. Cando estaba no Museo Arqueolóxico, o meu traballo era moi variado pois temos que atender a aspectos como a catalogación e estudo das pezas, visitas guiadas, organización de actividades, montaxe de exposicións, atención a investigadores, formación de alumnos da universidade en prácticas e bolseiros... Ao asumir a dirección do Museo Etnolóxico e tamén a do Museo do Viño de Galicia, engadíuselle o aspecto da xestión e contratación, do persoal do museo e das empresas vinculadas, organización do traballo e actividades... Supuxo asumir outras responsabilidades e fíxeno con moita ilusión, sempre apoiada polo equipo de compañeiras e compañeiros.

P. Se tivese que elixir unha soa peza do museo cal sería?

R. Se teño que elixir unha peza material sería unha ola de cerámica, imaxe e logo do Museo, pois é un elemento que acompaña ao ser humano dende hai miles de anos, con moitas variantes, decoracións e funcións. A terra amasada e cocida segue presente nas cerámicas de todos os nosos fogares cunha enorme variedade de propostas decorativas conformando as vasillas que aínda hoxe se elaboran e empregan. Xa no eido do inmaterial, diría que algo que nos caracteriza é a sabedoría popular galega. Tiven un gran profesor, Serafín Moralejo, que precisamente tiña familia no Ribeiro, e ensinounos arte e poesía pero tamén nos inculcou admiración polos coñecementos que, durante xeracións se transmitiron nos fogares: habilidades, tradicións, coñecementos, lendas, costumes e expresións artísticas de todo tipo, que se manifestan non só no noso territorio senón en calquera outro lugar do mundo, pois o emigrante galego sempre foi emprendedor e realizou melloras alá onde foi. Temos que traballar por coidar o noso legado, e tamén por seguir a defender e apoiar o noso territorio, a nosa cultura. Quédanos moito por diante, pero ese legado que posuímos ten que obrigarnos as galegas e galegos de hoxe a crer en nós.

Contenido patrocinado

stats