Sergio y José Manuel, un largo viaje desde Ourense hasta New Jersey para cumplir el sueño americano
VIDA
A historia de Sergio Seijas e José Manuel Rodríguez é o reflexo dunha xeración que cruzou o Atlántico con máis ilusión ca certezas co esforzo na maleta para saír adiante e prosperar. Marcados polas pegadas dos seus maiores e pola necesidade de atopar un porvir na Galicia dos anos oitenta, os dous chegaron a Nova Jersey para atopar o seu horizonte laboral nos fogóns. A base dunha disciplina férrea, dunha complicidade inquebrantable e de horas roubadas ó descanso, ergueron e fixeron medrar o restaurante Spain 92. O seu legado, forxado a lume lento entre o esforzo cotián, a superación da recente crise pandémica e o orgullo das propias raíces, queda para sempre como a crónica dun éxito cocido coa suor de quen nunca esqueceu de onde vén.
Partiron cando os primeiros pasos da democracia comezaban a camiñar firmes. Practicamente percorreron o mesmo camiño, pero de xeito diferente. Saíron os dous da comarca de Celanova, da parroquia de Viveiro un e de Matamá en Gomesende o outro. Non se coñecían, pero ó outro lado do mundo o destino agardábaos para unilos para sempre.
Sergio Seijas sempre tivo “O Norte” no seu horizonte. Así é como lle chaman na zona a Estados Unidos, unha terra da que medrou oíndo falar a través do seu pai e o seu tío. Daquela, as historias tiñan como escenario o estado de Virginia e as minas de carbón que alimentaban unha industria cada día máis titánica. Eran os anos 20 e 30 cando aquela primeira onda de galegos cruzou o Atlántico na busca dun futuro. Pero a Guerra Civil reclamounos de volta e non foi ata os 60 cando a emigración volveu mirar de novo cara O Norte.
Os que quedaron, unha “xeración invisible”, seguiron volvendo cando podían traendo consigo ás primeiras xeracións de galegos americanos. Foi nunha desas viaxes cando Sergio coñeceu a Alicia, filla dun deses mineiros que entrou na Marina estadounidense para obter a cidadanía. “A miña emigración foi con alfombra roxa”, conta, “marchei para a casa do meu sogro e, como o meu pai xa estivera alí, inscribiume como fillo de americano na embaixada de Madrid”. Era 1983.
Ó mesmo tempo, na cabeza de José Manuel Rodríguez xa rondaba a idea de partir. En 1985, co servizo militar recén rematado, só contaba cun coñecido da familia en Estados Unidos e pareceulle unha boa terra na que buscar oportunidades laborais. Sen dubidalo, partiu. Dun xeito similar ó de Sergio, tamén el apostou pola súa relación con Esther, natural de Ramirás, que o seguiu ata o novo continente estando xa el establecido.
Prosperidade no horizonte
Foi así como as dúas historias confluíron en Nova Jersey, o lugar no que se estableceu a meirande parte da colonia ourensá no Norte. No seu caso, a hostelería foi un bo lugar no que comezar a traballar e a “Spanish Tavern” resultou ser o escenario do seu destino. Alí estiveron oito anos, traballando como empregados en tódalas tarefas do restaurante. Alí foi onde aprenderon o oficio, un na sala e o outro na cociña, perfilando a engranaxe dun equipo que comezaba a completarse. Como eles mesmos lembran entre risas sobre aqueles anos, “traballar nun restaurante era boa cousa, comer gratis, beber gratis, cando fai frío a calefacción, cando fai calor alí, aire acondicionado”.
Neses fogóns modestos, entre pratos que lavar e horas interminables de observación, comezou a verdadeira aprendizaxe. Non se trataba só de gañar un salario, senón que alí absorberon a disciplina, o movemento e a filosofía dun negocio que requiría entrega absoluta, ó mesmo tempo que aprendían a comprender e mimetizarse cunha sociedade que pouco tiña que ver coa daqueles Viveiro e Matamá que deixaran atrás.
Chegaron os primeiros anos da década dos 90 e por diante dos seus ollos pasou a oportunidade das súas vidas. Os dous querían prosperar e crear algo propio e unha licencia de licores que quedara libre na vila de Raritan converteuse na súa porta de entrada á vida emprendedora.
A ambición de crear algo propio foise cociñando a lume lento ata que no ano 1992, en plena efervescencia internacional marcada polas Olimpiadas de Barcelona e a Exposición Universal de Sevilla, decidiron dar o gran paso. O nome do local, con todo, tivo unha xesteneiras orixinal e entrañable. Un vello coñecido cubano que os empregara anteriormente dixéralle a Sergio que “se abres un restaurante, teslle que poñer España 1492”. Tras sopesar que o nome era demasiado longo para a lingua americana, optaron por recortalo e naceu así o Spain 92.
Os principios no primeiro local de Raritan foron unha auténtica proba de resistencia. Situado nunha contorna comercial modesta, cunha superficie reducida e unhas limitacións de espazo que obrigaban a facer malabarismos, o éxito desbordou tódalas previsións dende a mesma fin de semana de apertura. A burocracia americana, os permisos de licor e as esixencias estruturais da zona na que se estableceron puxeron contra as cordas aos novos empresarios. Con todo, a calidade humana, a excelencia da cociña e unha división de roles perfecta na que a cociña e a sala funcionaban coma un mecanismo de precisión suízo, fixeron que a clientela se fidelizase rapidamente.
Naquel local podían atender unhas 40 persoas. Sergio na sala e José Manuel na cociña. Pero despois dunha década, apareceu outra oportunidade en forma de solar no que construír a evolución natural do Spain 92. A tan só uns metros do emprazamento orixinal, os socios asumiron “un risco enorme” e crearon de cero o seu novo restaurante, amplo para celebracións e preto para poder manter a clientela familiar que sempre tiveron. Nestes primeiros anos do século XXI, coas vidas xa establecidos en Estados Unidos e dúas familias que ían medrando cos pés en América e o corazón en Galicia, o negocio pegou un salto cualitativo e cuantitativo.
O rigor na compra, o aforro intelixente, o trato exquisito ós provedores e a firmeza absoluta de manter a calidade converteron o Spain 92 nun referente gastronómico onde se celebraban bautizos, comunións, vodas e encontros comunitarios de varias xeracións de españois e americanos. Sempre cunha atmosfera que respiraba esa autenticidade que tanto valoraba o cliente, un recuncho no que a comida tradicional española se adaptaba con honestidade ó paladar norteamericano sen perder a alma. As anécdotas con críticos gastronómicos célebres, como Valerie Sinclair, ou as visitas de artistas e políticos demostraban que aquel proxecto pequeno acadara un prestixio incalculable.
As paellas, impulsadas desde o “Spanish pavillion” como referente da comida española, non tardaron en facerse un oco entre a oferta gastronómica internacional e seren reclamadas polo público estadounidense. “Non sei cantas puiden facer nestes anos, pero tiveron que ser miles”, conta José Manuel. “Pero non son como as de aquí, alí teñen que ser moi contundentes”, lembran. As esixencias dos seus clientes non son as mesmas porque a sociedade tampouco é igual e a iso se foi adaptando a cociña española.
Mentres, na sala, Sergio exercía de mestre de cerimonias ofrecendo unha animación que completaba a experiencia gastronómica. “Era o relacións públicas”, conta o seu socio.
Constancia e dedicación
Do mesmo xeito que o padal americano non é coma o galego, tampouco o son os ritmos de traballo. Erguer un negocio dende cero nun país estranxeiro ten un prezo moi elevado, e ese tributo págase, fundamentalmente, no seo familiar. A dedicación ao restaurante era tan absoluta que deixaba pouco marxe para a vida doméstica.
Sergio relata con profunda emoción o impacto que iso tivo na crianza dos seus fillos lembrando que “este ano para min, é o primeiro Ano Novo na casa, o primeiro San Valentín na casa, o primeiro domingo de Pascua na casa, o primeiro día dos pais na casa…”. O Spain 92 non pechaba nunca, nin en Noiteboa, nin en Fin de Ano, nin en Acción de Grazas. Nunca.
E, por iso, a pesar de seren os dous veciños da comarca, este mes de agosto é o primeiro que os socios coinciden ó mesmo tempo en Galicia desde que se coñecen. “Turnábamos as vacacións para quedar un sempre no restaurante, eu é a primeira vez que estou aquí na Ramallosa e nas festas do San Roque en 42 anos”, conta José Manuel.
Así, a casa familiar converteuse nun lugar de descanso breve e o restaurante en segunda pel. A pesar diso, a ética do traballo foi a mellor lección que puideron transmitirlles.
Pasaron os anos e, cando parecía que o camiño xa estaba consolidado, a crise global da covid no ano 2020 ameazou con derrubar décadas de esforzo dun só golpe. Con todo, a resposta de Sergio e José Manuel estivo á altura da súa lenda e seguiron sen pechar nin un só día. Ante a prohibición de abrir os salóns interiores, reinventáronse montando carpas no exterior, adaptando o servizo de comida para levar e contando co apoio conmovedor da súa comunidade. “Houbo un veciño que comprou unha tarxeta de 200 dólares e nunca veu comer, só por axudar”, lembran con gratitude.
Tras superar esa última gran proba e despois de máis de trinta anos de actividade ininterrompida, os dous socios tomaron a decisión de facer o traspaso do negocio o ano pasado, conservando con todo a propiedade do inmoble. E como foi parar despois dun ritmo tan frenético? “Uf!”, responden case con vértigo. Hoxe, xa liberados da tensión cotiá dos fogóns e da presión da sala, gozan dunha merecida retirada.
A historia de Sergio Seixas e José Manuel Rodríguez non é só a crónica dun éxito empresarial en Nova Jersey, senón un testemuño eterno de loita, morriña e superación coa mirada posta sempre na súa terra.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último