Despois dunha sólida traxectoria vencellada á museoloxía e á historia da arte, Pilar Núñez regresou en 2024 ás súas orixes profesionais no Ribeiro para asumir a dirección do Museo Etnolóxico de Ribadavia e do Museo do Viño de Galicia. Desde a ampliación e modernización das súas instalacións e fondos, que inclúen un impresionante arquivo gráfico de máis dun millón de imaxes, ata a aposta pola dixitalización, o seu traballo pasa tamén por converter estes espazos en puntos de encontro vivos e dinámicos, abertos á interculturalidade, aos proxectos sociais, ás novas tecnoloxías e a unha programación cultural transversal que conecte de maneira directa cos veciños, co turismo e coas novas xeracións sen renunciar nunca á esencia da tradición popular galega.