Ramón Area, na busca dunha historia

ENTREVISTA

Un Camiño universal, o de Santiago, a aparición dun cadáver no seu percorrido, a desaparición dunhos misteriosos documentos, tres persoaxes centrais, o Apóstolo Santiago, Priciliano... son algúns dos ingredientes que se enfían para dar forma a "Camiño negro", unha novela do ourensán Ramón Area, un psiquiatra con numerosas publicacións na súa especialidade, incluso co recoñecemento do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio no 2006, que tras a publicación de "Tempo de pedra", a súa primeira novela, segue a afondar na ficción e na intriga

Publicado: 07 feb 2021 - 06:19 Actualizado: 08 feb 2021 - 11:53

Ramón Area.
Ramón Area.

A primeira pregunta é case obrigada, como acaba un psiquiatra metido a escritor?

Antes de nada, durante toda a miña vida fun e son lector, algo que, como profesión non existe, pero que si te coloca nunha posición partic ular da psiquiatría que ten moito que ver con algo que está a medio camiño entre oír e ler: escoitar. E na miña posición como lector está moito do que eu entendo como psiquiatría.

No que atinxe concretamente a escribir, hai unha parte que xira en torno a temas profesionais do meu traballo; sempre me gustou dar conta do que e como vexo as cousas. A parte de ficción deu comezo cun libro que podemos chamar “mixto”, xa que se move entre ambos mundos: “Tempo de pedra”. Este volume ten que ver co hospital psiquiátrico de Conxo, onde había un cemiterio, e nel unha misteriosa lápida cunha inscripción en alemán. A curiosidade por saber quen era o finado, como chegara alí, que pasara na súa vida… fixo que empezase a investigar sobre o tema. Con elo, decateime que o mellor xeito de achegarme a el e contar esa historia, tiña máis que ver cunha novela que coa profesión de psiquiatría en si. Foi así como me dei conta de que a ficción tamén me resultaba moi interesante e comecei a escribir a segunda novela que pouco ou nada ten que ver coa psiquiatría.

Ramon Area2_resultado
Ramon Area2_resultado

Esa segunda novela de ficción que acaba de ver a luz é “Camiño negro”. Fálenos dela.

A obra parte do roubo dunhos documentos do Arquivo Nacional do que se encargan tres investigadores: Lucía, unha garda civil; Fernández, sarxento no rural, e Cazale, un mestre xubilado cun pasado de falsificador e confidente. A eso súmaselle a aparición dun cadáver no trazado do Camiño de Santiago. Con eles, o Apóstolo, Prisciliano, a conversión do naval...

Deses personaxes ten algún favorito?

Todos me caen ben… (risas) Son persoas das que sería amigo, ou, polo menos non tería problema algún con eles. Aínda que algún se porte peor. A verdade é que me preocupei de que non foran “monolíticas”, cada un coas súas fraquezas e as súas contradiccións. Pode que aí haxa algo do trato diario que teño con moitas persoas diferentes polo que acabas facendo un perfil alonxado de estereotipos. Toda a xente é interesante, todas as persoas teñen o seu punto, e todas teñen as súas fraquezas.

Algunha inspiración?

Crear unha personaxe non é algo que me coste moito. Incluso as peculiaridades do xeito de falar de cada un me saen con soltura. Igual é por escoitar a moita xente cada día, que acabo desenrolando esa capacidade… É unha teoría persoal. Que igual a xente que trata con moito público ten maior capacidade para entender a diversidade que hai no mundo.

Se ten que enmarcar a novela nalgún xénero, cal sería?

Teñenme preguntado moito sobre iso. Novela negra? Histórica? Social?... Eu non son crítico literario, pero diría que é, nun termo acuñado por mín mesmo medio en broma, “enciclopédico liviano”, porque da conta de moitas cousas sen se clasificar en ningunha delas. Aínda que se teño que decir algo, diría que é fundamentalmente social. Tentei contar nela como vexo moitas cousas de Galicia, dende o Camiño, a historia, a xente... Aínda que a trama sexa de intriga.

Como a definiría para atraer ao lector?

O que máis chama a atención sempre é a intriga. E neste caso non promete unha, senón dúas intrigas. Unha relacionada co Apóstolo, e outra cun feito acaecido no Camiño, coa aparición dun cadáver. A partir desas intrigas hai unha novela de personaxes.

Detrás da novela intúese moito traballo de documentación, como foi ese proceso?

Sempre me tomo o meu tempo para documentarme, pero como me gusta ler, non é algo que me resulte “sufrinte”. Lin moito sobre o Camiño, Prisciliano, os temas socias de Galicia, dende o naval ao narcotráfico...

Penso que lle resulta pracenteira esa documentación…

Si si. Téñolle querencia a querer saber das cousas, “eso vai no animal”, e tamén na educación, algo inculcado dos meus pais. Esa curiosidade venme dende a infancia e, para escribir as novelas, como para moitas cousas da vida, fago bo uso dela. O máis pracenteiro para mín é atopar tantas cousas da historia que logo dan vida a unha novela.

É casualidade que saia “Camiño negro” en Ano Xacobeo?

Totalmente. A novela, como a tantas cousas, pillouna o coronavirus polo medio. É verdade que hai unha parte na que falo das epidemias no Camiño, de se a mal chamada gripe española entrou polo Camiño ou por Baiona, algo que moita xente ve agora con outros ollos e como unha premonición o que acontece. Pero o certo é que hai moitas máis cousas que se contan e que esta coincidiu así.

E vostede metódico á hora de escribir?

Con todas as obrigas diarias, saco tempo de onde podo. Pero non me queixo. Teño a sensación de que a menos tempo, máis partido lle saco.

De brúxula ou de mapa?

Primeiro teño que documentarme sobre un tema que me parece interesante. E cando penso que sei o suficiente sobre el, paro de ler e desterroo ao fondo da mente. Paro de ler unha tempada e, semanas despois, fágome a pregunta: “se tiveses qe contar unha historia sobre isto, como o farías?” “Deste xeito”. Entón empezo a escribir de seguido, sen ollar atrás. Ao rematar, volve a unha gaveta para tempo despois recuperala, lela, e decidir que… non hai por onde collela! Todo está mal! E é aí cando realmente empezo a facelo ben. Como se como lector me convertese nun crítico e a correxise. E volvo ser o escritor que fai unha novela para ser lida.

Como está sendo a acollida?

Estou moi contento. Con todas as complicacións derivadas da situación que vivimos, circulou boca a boca, o traballo do editor, Paco Macías é moi bo, e tamén xente que me coñecía. A verdade é que ten boas críticas.

Que hai da súa relación coas novas tecnoloxías?

Se te refires a escribir, a ordenador, por practicidade e axilidade á hora das correccións. No que atinxe ás redes, digamos que teño as miñas reservas. Fun criado noutro paradigma e penso que as conversas máis interesantes non se resumen en 140 caracteres. Non digo que esté mellor nin peor, só que a mín non me vai. Non vou ser catastrofista, pero diría que, aínda que aportan cousas boas, non lle collemos ben o uso que teñen. Sen dúbida afectan á forma de relacionarnos e están a producir cambios. Se son bos ou malos, non o sei. Que eu estou máis cómodo alonxado delas? Pois si. Sen máis. É só a miña opinión.

Ten en mente novos traballos?

Teño pendente de publicar cousas relacionadas coa profesión, unha delas sobre esto que acabamos de falar, as novas tecnoloxías. Trátase dun artigo que parte do silencio, para entendelo máis alá da definición de “ausencia do ruido”, que non comparto. Para mín o silencio tende máis a ser como o lenzo do pintor, onde colocamos as cousas.

E a nivel literario, aínda que a veces parece de mal agoiro falar do que non está en firme, ando cun tema de relatos relacionados coa ecoloxía pero dende outra perspectiva, dende a imaxinación e fantasía. E a segunda parte de “Camiño negro”… aínda que non estou seguro de que acabe saíndo. Estou na metade do proceso…

Coa venia

1. Un libro na cabeceira da súa cama.

- Calquera de Faulkner.

2. Un escritor/a.

- Ghoete.

3. Unha banda sonora que soe na súa casa.

- Jazz.

4. Un recordo da súa nenez.

- Moitos do colexio no que estudiei, o Curros Enríquez.

5. Cando se mira ao espello, ve...

- Que pasan os anos.

6. Daría con urxencia un recoñecemento a...

- A toda a xente da cultura, que o está pasando moi mal. E, En certo modo, son o noso sostén emocional.

7. Unha viaxe pendente.

- A Latinoamérica.

8. Un lugar para perderse.

- En Corrubedo.

9. Unha manía.

- Non son de moitas manías.

10. Un defecto.

- Sempre teñen que sinalalos mellor os demais. Sinalar os propios defectos sempre ten algo de trampa.

11. Unha virtude.

- Un pouco o mesmo que os defectos. Ningún dos dous deben ser sinalados por un mesmo para ser obxetivos. Hai que escoitar con honestidade aos demais o que din de un.

12. Perde a calma con…

Nestes intres, a esixencia que temos todos de que se artelle ben a resposta sanitaria e que pase pronto. Fóra deso, en xeral, a inxustiza levoa moi mal.

13. Recobra a calma perdida con...

- Cos meus: os amigos, a familia… e lendo e escoitando música.

14. Un soño.

- Ter un tempo de descanso para dedicarme as cousas que máis me gustan e para as que non sempre hai tempo.

Contenido patrocinado

stats